O Sergas cumpre o límite de 60 días de espera cirúrxica catro anos despois de ser obrigatorio por lei

Operación cirúrxica nun hospital público galego © Sergas

A lei de garantías de prestacións sanitarias, en vigor dende principios de 2014, fixou entre outros preceptos un límite legal máximo de espera para acceder a unha operación: 60 días. Dende a entrada en vigor da lei ningún dos datos de espera cirúrxica ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde atravesara ese limiar cara a abaixo. Catro anos despois si foi quen de facelo, segundo os datos divulgados este venres pola Consellería de Sanidade e datados en xuño de 2018. A espera media situouse nunha estreitísima marxe por baixo do límite legal: 59,8 días.

A espera cirúrxica quedou en 59,8 días de media segundo o Sergas; na área da Coruña supera os 60 e na de Vigo, os 80

Este dato de espera, o máis baixo dende comezos de 2009, é un rexistro medio que xorde de resultados moi dispares entre as diferentes áreas sanitarias de Galicia. Así, por exemplo, mentres que a área de Pontevedra-Salnés queda en 34,6 días de agarda media, os tres principais complexos hospitalarios de Galicia seguen amplamente por riba dos 60 días de límite legal: a área sanitaria de Santiago queda en 57 días, a da Coruña en 60,6 e a de Vigo dispárase ata os 84,5. No caso vigués o gran lastre do sistema segue a ser o hospital privado-concertado Povisa, cuxa espera media é de 80,5 días.

Atendendo á información divulgada por Sanidade a finais de xuño estaban a agardar por unha operación na sanidade pública un total de 36.361 persoas, unhas 1.800 menos que un ano antes. Son, segundo estes datos, 226 máis que a finais de 2017.

O seguinte dato de espera que divulgará o Sergas é o de finais de ano porque dende 2015 evita publicar o que reflectía o incremento da demora nos meses do verán

Dende o Sergas o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, chama a poñer o foco, sobre todo, no tempo medio de espera dos pacientes con doenzas máis graves, os de "prioridade 1", que neste caso baixa ata os 14,9 días na media do país. "Polo tanto -subliña- o Sergas rebaixou o obxectivo fixado á metade de tempo, garantindo o compromiso de atender estas patoloxías máis graves en menos de 30 días. Fernández-Campa resalta ademais que dende a entrada en vigor do decreto de tempos máximos, que desenvolve a lei de garantías, "21.792 persoas beneficiáronse desta garantía" e "todos os casos obtiveron resposta dentro da rede pública", asegura.

Unha media de 59,1 días de espera para probas diagnósticas e 37,3 para consultas externas completan un balance que será o dato máis recente das esperas na sanidade pública galega ata finais de ano. En virtude da mesma lei de garantías a Xunta pasou en 2015 de informar trimestralmente das listas de espera sanitarias a facelo semestralmente, ofrecendo só a información de finais de xuño e do remate do ano. Evita deste xeito divulgar o que sempre foi o dato máis alto do ano dende que comezou a publicarse en 2005, o do terceiro trimestre, que reflectía o impacto da menor actividade e do peche de camas de cada verán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.