O Sergas gasta 150.000 euros en letreiros coa lenda "hospital público" e o PSdeG veo "obsceno"

Recreación dun dos letreiros, tirada do manual que deberá seguir a empresa contratista © Sergas

Dende o pasado 30 de agosto o Servizo Galego de Saúde tramita un contrato dotado con 124.000 euros máis IVE, isto é, un total de 150.040 euros. É o orzamento que o departamento dirixido por Jesús Vázquez Almuiña destina á "fabricación e instalación" de catro rótulos para outros tantos hospitais que actualmente xa contan con carteis indicadores da súa denominación, pero que pasarán a locer nas súas azoteas a lenda "hospital público". O inicio desta contratación vén de saltar ao eido político a través do PSdeG, cuxo voceiro en materia sanitaria, Julio Torrado, ve "obsceno" este gasto, máis aínda por chegar xusto despois do lanzamento do controvertido proxecto da lei de saúde.

O destino destes rótulos, para cuxa adxudicación as empresas poden formular ofertas ata mediados de mes, son catro hospitais pertencentes á área sanitaria da Coruña: o Universitario, o Abente y Lago e mais o Teresa Herrera, os tres na capital da provincia, e o Virxe da Xunqueira en Cee. No caso do Hospital Universitario o rótulo inestalarase no quinto andar da zona norte, sobre a área de quirófanos; no Teresa Herrera será no terceiro andar; no Abente y Lago o lugar elixido é a "curva do andar segundo do edificio" e no centro hospitalario comarcal ceense o distintivo estará no segundo andar, "no acceso principal ao centro".

Os rótulos serán instalados en tres hospitais da Coruña e mais no de Cee

Para elaborar os rótulos o contratista terá que seguir o manual de fabricación e montaxe de rótulos do Sergas, elaborado pola empresa madrileña Able-CME. Para os "rótulos en azotea" este manual especifica que os símbolos do Sergas e da Xunta terán que elaborarse "en chapa de aluminio de 2mm" e decorador con "vinilo de corte de cor corporativa" cunha "garantía mínima de 7 anos". As letras son de tipografía Helvética e o conxunto está apoiado nun soporte con forma de "v invertido" e conta con iluminación de "leds de alta luminosidade por contraste".

Detalle dos importes do contrato que tramita o Sergas para a instalación dos letreiros

O pasado outubro a Xunta transferiu 150.000 euros dos fondos das axudas para pagar a luz ao proxecto do Sergas "mellora de sinalética dos centros hospitalarios públicos"

A posta en marcha deste contrato prodúcese poucos meses despois de que, como adiantou Praza.gal, a Consellería de Economía aprobase transferencias a outros gastos da Administración de ata o 40% dos fondos inicialmente destinado a axudas para pagar a factura da luz de familias con poucos recursos, o coñecido como tícket eléctrico. Dentro daquelas operacións figuraba un transvasamento de 150.000 euros á Consellería de Sanidade para o proxecto denominado "mellora de sinalética dos centros hospitalarios públicos". Segundo figura nos pregos do contrato que agora tramita o Sergas, a aplicación orzamentaria e o código do proxecto son exactamente os mesmos aos que chegaron os cartos non gastados no tícket eléctrico.

Torrado (PSdeG) advirte á Consellería de que "o carácter público da sanidade" non se "proclama colgando carteis", senón "pagando profesionais"

Con este pano de fondo os socialistas censuran estes gastos, así como "outro de 212.000 para propaganda", xusto "cando o propio Goberno, no nome da eficacia e da optimización de recursos, está modificación a lei máis importante da sanidade de Galicia". "Mentres os galegos e galegas queremos investir en médicos e mellorar a atención sanitaria o PP prefire comprar carteis", censura o deputado Julio Torrado, quen interpreta estes rótulos "para proclamar o carácter público da sanidade" como "un van intento de enganar a cidadanía". Ese carácter público, afirma, ficaría máis reforzado "pagando profesionais, non colgando carteis" e non "deixando o camiño aberto para as clínicas privadas" algo que, ao seu xuízo, sucederá se é aprobada a nova lei de saúde nos termos propostos pola Consellería.

Julio Torrado, deputado do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.