O Tramabús de Podemos denuncia as "ramificacións" en Galicia das "tramas corruptas" do PP

O Tramabús de Podemos, en Mugardos Dominio Público @Podemos_Galicia

Logo da ruta do venres por Vigo e Ourense, o Tramabús de Podemos percorreu Lugo, Mugardos e A Coruña na mañá deste sábado. Coa foto incorporada de Feijóo no frontal do vehículo como "convidado especial", a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, cualificou de "fantástica" a acollida deste bus no país, algo que atribúe ao fastío da cidadanía ante "un sistema de goberno do PP caracterizado pola corrupción" que, lembrou, "é o segundo problema que máis preocupa á xente segundo o CIS". 

Carmen Santos cualificou de "fantástica" a acollida do Tramabús en Galicia

O Tramabús percorreu varios lugares que a formación morada identifica coa corrupción, como o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ou, no caso de Lugo, con parada en Guitiriz, a estación de servizo que "se fixo famosa polo encontro entre o ex-ministro socialista José Blanco e o empresario Jorge Dorribo, implicados ambos no caso Campeón", ou en Ourense, facendo alusión aos problemas coa xustiza dos Baltar.

Tamén fixo parada en Mugardos, perto de Reganosa, onde se concentrou o Comité de Emerxencias Cidadá, que agredeceu o apoio do vehículo á súa loita. Tamén percorre Cee, onde o membro o deputado de En Marea, Pancho Casal, explicará as vinculacións de Villar Mir coa Xunta no caso da empresa Ferroatlántica, para logo chegar a Compostela, onde a parlamentaria Luca Chao falará da Cidade da Cultura.

O vehículo de Podemos fixo parada en Mugardos, onde foi apoiado polo Comité de Emerxencias Cidadá, e en Cee onde denunciou as intencións de Villar Mir con Ferroatlántica

Durante a súa estadía na Coruña, Carmen Santos puxo A Coruña como "exemplo" de urbe onde tamén se pode visibilizar "dun xeito moi claro a trama que está a desenmascarar e denunciar Podemos". E lembrou a fusión das caixas como un dos exemplos da "xestión turbia" de Núñez Feijóo. Ademais, explicou que a inclusión de Galicia na ruta do Tramabús débese a que "é un dos lugares con máis ramificacións dos distintos casos de corrupción, nomeadamente da trama Gürtel". "Aí está Pablo Crespo, home de confianza do defunto Cuiña e do señor Feijóo", líder dunha trama, lembra, "que vai levar a declarar o propio presidente de goberno, Mariano Rajoy" e da que se derivaron, segundo din, o caso Pokémon e o Pikachu.  

Santos estivo acompañada por membros da executiva de Podemos Galicia e deputados do Parlamento galego en En Marea, así como por simpatizantes e inscritos, e denunciou tamén "o roubo aos milleiros de galegos e galegas traballadores por parte das caixas". "Primeiro roubáronlles coas preferentes, logo coa fusión, que axiña se demostrou que foi un desastre, e venda a prezo de saldo a unha grande entidade financieira venezolana; mentres nos acusan a outras organizacións políticas de ser nós os que temos negocios con ese país”, engadiu.

Pola súa banda, Isabel Faraldo, como secretaria xeral de Podemos na Coruña, insistiu na relación da cidade co caso Pokémon, que afectou doce concelleiros, e animou a participar na manifestación deste domingo en defensa da zona porturaria, ameazada tamén por negocios privados inmobiliarios.

O Tramabús de Podemos, en Cee Dominio Público @Podemos_Galicia
O Tramabús de Podemos, en Mugardos Dominio Público @Podemos_Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.