O TSXG dálle un mes á Xunta para cumprir as sentenzas do decreto e Feijóo di que xa o fai

Louzao e Callón comentan o auto ante os medios CC-BY-SA A Mesa

Á Xustiza non lle serve a 'flexibilidade' da Xunta. O Goberno galego decidiu non recorrer as sentenzas que ilegalizaron parte do denominado decreto do plurilingüismo e presentou unha "versión mellorada" do texto supostamente adaptada á legalidade. Sobre o papel, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo atendeu as esixencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pero este non considera o mesmo. Iso é, cando menos, o que estipula nun auto emitido a raíz do recurso contencioso administrativo interposto pola CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística: a Xunta ten o prazo "improrrogable" dun mes para cumprir coas súas obrigas.

Nomeadamente, o alto tribunal sinala que xa pasaron máis de dous meses dende que ditaminou a ilegalidade parcial do decreto e non lle "consta" que a sentenza fose "executada totalmente". Isto quere dicir que os maxistrados non teñen constancia de que a Consellería de Educación renunciase a condicionar o reparto de materias entre idiomas ao resultado dunha enquisa entre as familias do alumnado nin que eliminase a suposta liberdade de que nenos e nenas falen o idioma que consideren oportuno con independencia da lingua na que se imparta a materia. Visto o panorama, o TSXG dispón a "execución forzosa" do ditame.

O auto advirte á Xunta de posibles consecuencias "penais" se non acata a anulación parcial do decreto

Neste contexto, a Xunta aínda ten un prazo de cinco días para impugnar, pola vía do recurso de reposición, un auto no que ademais é advertida das posibles consecuencias de seguir obviando a sentenza. "Poderanse adoptar as medidas necesarias para lograr" a "efectividade" da anulación dos artigos do decreto, subliñan, xunto á advertencia de que se "poderán impoñer multas coercitivas de 150 a 1.500 euros ás autoridades, funcionarios ou axentes, sen prexuízo doutras responsabilidades patrimoniais ás que haxa lugar". Do mesmo xeito, o Tribunal resérvase a potestade de "deducir o oportuno testemuño de particulares para esisxir a responsabilidade que puidera corresponder", derivada da actuación de Educación.

Feijóo insiste no seu "respecto" á Xustiza, pero tamén na enquisa

Apenas unha hora despois de que A Mesa e a CIG Ensino desen a coñecer en rolda de prensa o novo ditame xudicial o propio Feijóo valorábao ante os xornalistas ao remate da reunión semanal do seu Goberno. Na liña do acontecido tras anteriores varapaus xudiciais o presidente declárase "absolutamente respectuoso co Estado de Dereito e a Xustiza". "Aceptamos as sentenzas, aceptamos os autos e as decisións xudiciais" e por iso a Consellería de Educación "mirará ese auto e adecuará, conforme ao que nese auto se concrete, unha vez asesorados coa Asesoría Xurídica". Porén, o xefe do Executivo teima en non renunciar á súa enquisa: "o que entendemos que di é que esa enquisa non pode ser vinculante" e dende a Xunta "simplemente preguntamos".

O presidente teima en realizar a consulta e A Mesa e  CIG ínstano a abandonar "a insubmisión permanente"

Mentres dende San Caetano Feijóo raia a tentación de equiparar a súa enquisa coa situación política catalá, toda vez que lle parece "unha singularidade" que se poña en cuestión "preguntar o que opinan" as familias "cando noutras comunidade se está discutindo se teñen dereito a rachar coa Constitución", as entidades impulsoras do recurso, ademais de manifestar "alegría pola resposta" do TSXG, instan, en verbas de Carlos Callón, a que a Xunta "non persista na súa actuación chulescamente ilegal e canallescamente incívica. "Levamos anos lembrándolle que ten que cumprir coa súa obriga de defender a noso idioma" e el, censura, segue a "rir da Xustiza".

"Estamos ante un conselleiro de Educación que incumpre sistematicamente as resolucións xudiciais", agrega Anxo Louzao, da CIG Ensino, quen insta a Jesús Vázquez a abandonar a actitude de "desacato e insubmisión permanente". O TSXG, di, "declarou ilegal o decreto nos seus aspectos máis fundamentais, vímonos obrigados a recorrer para que a Consellería acatase" e agora, unha vez "constatado que non cumpre", a Xustiza "obriga a facelo" de novo. En conclusión, di Louzao, o que cómpre é "derrogar xa" o decreto plurilingüe.

Louzao e Callón comentan o auto ante os medios CC-BY-SA A Mesa
Feijóo, tras o Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.