O venres centos de liñas de bus só circularán con reserva previa pero a Xunta non activa o sistema ata o xoves

Web de información e reservas do autobús a demanda da Xunta na mañá deste martes CC-BY-SA Praza Pública

Este venres día 22 comezan as vacacións escolares. Coincidindo con elas boa parte das 500 liñas de autobús escolar que a Xunta estableceu como compartidas co servizo regular de uso xeral deixarán de circular a non ser que algún usuario demande usalas. Porén, o sistema de información e reserva deses servizos non estará activo ata o xoves, impedindo así que ata ese día os usuarios poidan planificar as viaxes que precisen realizar neses servizos durante o nadal.

Co inicio das vacacións escolares os autobuses compartidos só funcionarán baixo demanda, pero tanto o teléfono como a web de información e reservas aínda non están operativos

O pasado verán a Xunta comezou a implantar un novo sistema de transporte interurbano en varias zonas de Galicia, fundamentalmente en Lugo e Ourense, que nos próximos anos estenderá a toda a comunidade. Un dos cambios fundamentais foi a integración de servizos regulares e escolares, primando neles sempre os horarios e necesidades dos alumnos pero que poden ser empregados por calquera usuario. O Goberno galego preveu que eses servizos só funcionasen de xeito regular en período lectivo, mentres que durante as vacacións escolares o farán só se algún usuario os reclama previamente, na modalidade coñecida como transporte a demanda, que permite que as empresas realicen as viaxes en vehículos de menor tamaño e con percorridos máis directos xa que só teñen que atender os pasaxeiros que fixesen unha reserva.

Ata o de agora cada empresa tiña o seu propio teléfono de reserva do transporte a demanda, pero ao ser período lectivo a maioría das necesidades de transporte cubríronse cos autobuses compartidos. Pero o próximo venres comezan as primeiras vacacións escolares desde que nesas zonas se implantou o novo sistema de transporte e polo tanto o transporte a demanda ten a súa primeira proba de fogo.

Para os servizos que se presten a partir da entrada en funcionamento da nova canle centralizada da Xunta, esa é a única vía de información e reserva e as empresas xa non ofrecen información nin fan reservas

Este luns a Xunta emitiu unha nota de prensa indicando que os usuarios deberán informarse dos servizos que operan baixo demanda e facer as súas reservas a través do novo sistema centralizado que substituirá as canles que viña habilitando cada empresa a través da páxina web www.bus.gal ou do teléfono 988 68 78 00 de oito da mañá a oito da tarde de luns a venres laborais. Porén, o propio Goberno galego indica que a web só “estará dispoñible a partir do xoves que vén”. Este diario chamou este martes varias ocasións ao número de teléfono, no que só conseguiu escoitar unha gravación que informa de que todos os operadores están ocupados. Fontes da Xunta confirman que esa central de reservas só estará operativa a partir do xoves.

Ao tempo, este diario tamén tentou empregar a canle previa de reserva a través dos teléfonos que ata o de agora ofrecía cada empresa. A resposta obtida foi que para os servizos que se presten a partir da entrada en funcionamento da nova canle centralizada da Xunta, esa é a única vía de información e reserva e as empresas xa non ofrecen información nin fan reservas. Con esta situación, os usuarios das zonas afectadas non saberán ata o xoves que servizos teñen dispoñibles a partir do venres e ata o luns 8 de xaneiro nin poderán reservalos, dificultando así a planificación das súas viaxes.

A Xunta non ofrece cifras concretas sobre cantas das 500 rutas compartidas se seguirán a prestar baixo demanda en periodo non lectivo

A Xunta non ofrece cifras concretas sobre cantas das 500 rutas compartidas se seguirán a prestar baixo demanda en periodo non lectivo e só di no seu comunicado que “parte dos servizos de transporte compartido (parte das liñas e nalgúns casos, algunhas das paradas das liñas) pasarán a prestarse baixo demanda”. Como en ocasións anteriores, na súa nota de prensa o Goberno galego deita a responsabilidade de informar sobre os servizos nos concellos afectados e nas propias empresas de transporte “que teñen a obriga de divulgar de forma correcta a información relativa aos servizos que prestan”.

 

Distintivo dos buses escolares aos que poden subir outros usuarios Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.