O vixésimo venres negro insta a dirección da CRTVG a defender o persoal mobilizado ante as "difamacións"

Persoal da CRTVG amosa nomes de compañeiros ata agora dedicados a labores de montaxe durante o vixésimo venres negro Dominio Público Defende a Galega

Vinte semanas. É o tempo que leva a soster a súa reivindicación o persoal da Televisión de Galicia e da Radio Galega que participa nas mobilizacións dos venres negros polo cumprimento íntegro da lei de medios públicos do ano 2011. A vixésima xornada de protestas tiña como eixo central poñer o foco na desaparición dos postos do persoal de montaxe das pezas informativas da TVG por mor da dixitalización, tras a que se encomendou este labor aos xornalistas. No entanto, nas súas primeiras horas sumou tamén outro argumento: instar a dirección da corporación pública a defender o persoal mobilizado das "difamación".

"Sen Estatuto Profesional e sen Consello de Informativos non se cumpre a lei de medios, botaremos vinte semanas máis e as que fagan falla"

"Non queremos que condenen o futuro dos medios públicos á irrelevancia absoluta", din dende Defende a Galega, o lema baixo o que se agrupa o persoal mobilizado. Esa é a razón, din, pola que os venres negros non van cesar. "Sen Estatuto Profesional e sen Consello de Informativos non se cumpre a lei de medios", toda vez que ambas figuras están recollidas na lexislación. "O Consello de Informativos -exemplifican- serviría para denunciar, por exemplo, o ninguneo á polémica política polas palabras de Feijóo na benvida d'A derradeira leición do mestre".

Persoal da CRTVG, na sede central de San Marcos durante o vixésimo venres negro / Defende a Galega

Por todo iso, advirten, "botaremos vinte semanas máis, ou as que fagan falta", para que a normativa "se cumpra", tamén no que atinxe á elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento. No entanto, mentres está no posto o actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, o persoal mobilizado reclámalle que o defenda ante o que consideran "difamacións" e "informacións malintencionadas que poñen en dúbida a profesionalidade dos traballadores da TVG". Defende a Galega refírese a un texto publicado polo xornal El Correo Gallego baixo un pseudónimo no que se insinúa que o persoal que participa nas protestas podería estar a provocar fallos técnicos nas emisións dos Telexornais.

Xornalistas da TVG, apoiando o vixésimo venres negro na redacción da canle pública / Defende a Galega

"O Consello de Informativos serviría para denunciar, por exemplo, o ninguneo á polémica política polas palabras de Feijóo na benvida d'A derradeira leición do mestre"

Neste mesmo sentido pronunciouse tamén o Comité Intercentros da CRTVG, quen considera "inadmisibles" esas acusacións de "pequenas sabotaxes por parte de persoas dispostas a todo". Alén de que "aparentan descoñecer o contexto de fonda mudanza tecnolóxicapolo proceso de dixitalización que está a acometer a televisión pública nestes días", a representación sindical do persoal "enmarca esta provocación no contexto de protesta xeralizada" dos venres negros para "denunciar a manipulación informativa". Acusacións coma estas, agregan, "responden aos intereses de quen, dende a súa posición de poder, non toleran a demanda duns medios públicos independentes e ao servizo de todos os galegos".

Esta foi a razón pola que o Comité se dirixiu por escrito a Sánchez Izquierdo para reclamarlle que "desminta publicamente esta grave difamación". Alén de que cada integrante do plantel dos medios públicos participe ou non nas mobilizacións, razoan, o máximo responsable da Corporación ten que saír na defensa da "dignidade dos e das profesionais dos medios públicos de Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.