Operación Sobrado: caso de transfuguismo ou cuestión positiva?

Candidatura do BNG de Sobrado dos Monxes para estas municipais © BNG Sobrado

Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña, levou unha lexislatura razoablemente tranquila, con 7 concelleiros do PP, 4 do BNG e ningún do PSOE. Por certo, a baixada de cidadáns nos últimos anos, será a causa de que para estes comicios non conten con 11 actas, senón con 9.

O alcalde, o popular Jacobo Fernández, protagonizou unha polémica en 2014 cando, un dos, daquela concelleiro do BNG, Alfonso Ríos, o denunciou por asfaltar toda a estrada da localidade agás un anaco: a zona onde estaba a súa casa. En canto as cámaras das canles de televisión foron gravar o que acontecía, Fernández mandou aos obreiros asfaltar o que faltaba.

Nas noticias dos últimos meses sobre este municipio de case 2.000 habitantes da provincia da Coruña están o rescate de documentos antigos da botica do mosteiro, obras da consellería de Infraestruturas, parón das aulas por neve en febreiro e que o concello se librou da tendencia á alza do paro na comarca.

Sobrado foi noticia de todos os medios o pasado 20 de abril, cando, en plena precampaña municipal, os 4 edís do BNG anunciaron que se ían pasar ao PSdeG

Porén, foi noticia de todos os medios o pasado 20 de abril, cando, en plena precampaña municipal, os 4 edís do BNG anunciaron que se ían pasar ao PSdeG, sen aparente motivo, pois non tiveran tensións coa dirección da formación.

Proxecto torto

O certo é que, ata o entón portavoz, da formación nacionalista non quixo explicar moito ao respecto: Lisardo Santos afirmaba que “no BNG había un proxecto que se torceu e pensamos que hai que seguir outras liñas máis adecuadas”. Polo que parece, esas liñas son as do PSdeG que, nos últimos anos, non recibiu practicamente apoios da veciñanza. Se nos retrotraemos unhas décadas foi no 1983 cando tivo o seu mellor resultado, con 4 actas. Do 1987 ao 1999 mantivo 3, intre no que perdeu unha máis e así se mantivo ata 2007, cando o BNG lle roubou 3 actas e xa en 2011, as 4 foron para os nacionalistas, que quedaron como único grupo opositor. Santos non explicou se o malestar viña desde a asemblea nacionalista de Amio, tras a cal algúns alcaldes do BNG abandonaron a formación.

O PSdeG levaba desde o 2011 sen representación en sobrado e desde 2007 só contaba con unha acta

O BNG foi quen de recompoñer a candidatura malia a marcha dos 4 edís, o que indica a implantación da formación no concello, pero queda ver se os veciños votaban a marca, os candidatos, ou unha mestura de ambas. O candidato será Luis José Sánchez Sánchez, con Marina Vázquez Gómez, Xosé Manuel Sánchez Rei e Ramiro Combo García no sitio dos concelleiros que marcharon. Unha noticia, por certo, que non tivo ningunha repercusión mediática. A encargada de arroupar a nova candidatura na súa presentación foi a deputada Ana Pontón.

O BNG recompuxo a súa candidatura malia a marcha dos 4 edís e o candidato será Luis José Sánchez

Besteiro VS Vence

As reaccións ante o acontecemento foron inmediatas e diametralmente opostas.

Por unha parte, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, considerou a operación “normal e positiva”. En todo caso, foi un tema que esquivou de xeito sistemático e que resolveu dicindo que era unha cuestión que quedaba para valorar “en mans dos votantes”. “Os cidadáns decidirán o 24 de maio se lles parece ben ou lles parece mal. Nós cremos que vai ser positivo”. A isto Besteiro engadía que era unha “situación normal dentro da libre disposición na confección dunha lista de candidatos que precede a un proceso electoral”.

Se tiramos de hemeroteca e nos retrotraemos ás municipais de 2011 o, daquela, secretario de Organización do PSdeG, Pablo García dicía que “o que non fixo nin vai facer o PSOE é comprar tránsfugas ou mesmo mercar tránsfugas nas súas listas como o PP”.

Para o PSdeG é unha "operación normal", o BNG tachouna dun "claro caso de transfuguismo" 

Pola outra parte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmaba que se trataba dun “claro caso de transfuguismo” e sinalaba o abraiante de que ocorrera “24 horas antes de pecharse o prazo para concorrer as candidaturas”.

Desde a dirección nacionalista tachaban a acción de “eticamente reprobable” e sinalaban que era o xeito no que Besteiro “agocha a súa falta de implantación neste concello”.

En todo caso, queda ver se o 24 de maio nos deixa unha corporación con 3 grupos en Sobrado dos Monxes ou, quen sabe se PSOE e BNG volven reencontrarse cun pacto. Tempo ao tempo.

O candidato do PSdeG de Sobrado, Lisardo Santos © La Voz de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.