Os altos directivos de entidades da Xunta custan tanto como o Goberno

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

A Xunta vén de estrear Portal de Transparencia ao abeiro da nova lei neste eido, a mesma que carga o vindeiro Goberno con máis obrigas que ao actual pero que, non obstante, xa ordena e facilita -ata certo punto- a consulta de información que antes se atopaba espallada, ademais de publicar algúns datos ata agora reservados. Como vén informando Praza.gal, no eido dos soldos públicos concéntransae os datos sobre as remuneracións de altos cargos e outros responsables do Executivo, aínda que se fai en formatos pechados, sen posibilidade de procuras directas nin de reutilizar a información. Isto é o que acontece, por exemplo, cos altos directivos das entidades dependentes do Goberno galego.

Na actualidade, segundo a información publicada no Portal, un total de 64 persoas desempeñan os seus postos en entes instrumentais -como axencias, fundacións e empresas públicas- con contratos de alta dirección. É, practicamente, o mesmo continxente de persoal que o composto polo presidente, os conselleiros e conselleiras e os seus altos cargos -63 persoas- e a suma do seus salarios é moi semellante: 3,4 millóns de euros brutos anuais, para os altos directivos, e 3,6 para o Goberno.

O Portal da Transparencia recompila datos antes espallados, pero ofréceos en formatos pechados e non reutilizables

Atendendo a estes datos, o alto directivo con maior remuneración nos entes instrumentais dependentes da Xunta é o director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, que con case 81.200 euros ao ano supera, entre salario e complementos, en case 8.000 euros anuais ao presidente da Xunta. Por riba de Alberto Núñez Feijóo (73.293,48 euros brutos ao ano) están tamén outros dous directivos da RTVG, empresa na que a maioría dos seus dirixentes perciben remuneracións maiores que as dos membros do Goberno galego. 

A ferramenta por baixo destas liñas, elaborada por Praza Pública, facilita acceder á información dun xeito aberto, ao contrario do que sucede no Portal oficial. A xanela superior permite a realización de procuras por nome, entidade, cargo e salario. Ademais, o menú inferior dá a posibilidade de descargar os datos para reutilizalos.

Esta recompilación de contratos de alta dirección non abrangue, non obstante, todo o persoal directivo das entidades que dependen da Xunta. Así, a relación de retribucións de persoal directivo das entidades do sector público, publicada pola Consellería de Facenda, eleva o número destes responsables por riba das 80 persoas e nela non se inclúen, por exemplo, cargos que si se recollen na relación de dirixentes de entidades instrumentais ofrecida noutro apartado do Portal de Transparencia, cunha trintena de nomes e as súas correspondentes remuneracións que abranguen, por exemplo, os responsables do Servizo Galego de Saúde ou de Portos de Galicia, entre outros entes.

Corina Porro percibe como titular do CES apenas 2.000 euros anuais menos que o presidente da Xunta

Para completar a fotografía do persoal directivo cómpre aínda consultar o apartado de "outros entes públicos", onde a Xunta ofrece a información dalgúns cargos que non se inclúen en ningunha das categorías anteriores. Son, concretamente, o devandito director da CRTVG e tres cargos máis entre os que destaca a presidenta do Consello Económico e Social, exconselleira e exalcaldesa de Vigo, Corina Porro, cuxa remuneración de máis de 71.000 euros anuais a deixa apenas 2.000 por baixo do presidente da Xunta.

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.