Os 'cheques bebé' de 2016 custaron á Xunta 400.000 euros máis do previsto

Rey Varela observa unha comparecencia de Feijóo, nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Unha das reaccións do PPdeG ao duro golpe sufrido nas eleccións municipais de 2015 foi o anuncio dun 'xiro social' na acción da Xunta. Esta operación traduciuse nunha crise Goberno que implicou a creación da Consellería de Política Social e unha fervenza de anuncios de axudas económicas por parte do presidente, Alberto Núñez Feijóo. Unha das medidas máis publicitadas foi a Tarxeta Benvida, o coñecido popularmente como cheque bebé, un bono de 1.200 euros para a adquisición de produtos infantís que a Xunta distribúe en mensualidades de 100 euros durante o primeiro ano de vida do bebé. Inicialmente a Xunta só garantiu o pagamento deste subsidio para os nados no ano electoral de 2016, pero as previsións de financiamento ficaron escasas. Concretamente, 400.000 euros por baixo.

Tras un par de meses de incógnitas o Goberno comezou as características da Tarxeta Benvida o 3 de decembro dese mesmo 2015, doce horas antes do inicio da campaña das eleccións xerais, se ben a convocatoria formal das axudas no chegou ao Diario Oficial de Galicia ata o penúltimo día do ano. Segundo o previsto, o programa estaba dotado con 9 millóns de euros para atender os gastos do 2016 e outro tanto para os do 2017, toda vez que o cheque podía ser solicitado para nenas e nenos que nacesen en calquera mes do ano. Pero estas cantidades non foron dabondo.

A Xunta vén de inxectar máis fondos para poder sufragar as Tarxetas Benvida concedidas durante 2016

A pasada semana o DOG publicou unha orde do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para inxectar 420.000 euros ao orzamento das Tarxetas Benvida solicitadas durante 2016. Nun contexto de demoras na concesión destes beneficios a razón non é outra que a "insuficiencia" dos cartos inicialmente consignados para "garantir que todas as persoas solicitantes que cumpren os requisitos" poidan "recibir as axudas que lles corresponden".

Segundo datos da propia Consellería "arredor do 80% dos nacementos que se produciron en Galicia" durante o pasado ano foron "cubertos" por esta medida. Nomeadamente, indica, Política Social recibiu 18.832 solicitudes e delas, 14.787 recibiron resposta "favorable", dando lugar a 15.112 axudas. Isto implica, daquela, superar en máis de 130.000 euros os 18 millóns previstos na versión inicial da orde. A convocatoria de 2016 e mais a de 2017 -estendida ás familias "que estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano"-, suman segundo datos da Xunta "un investimento total de 36,4 millóns de euros".

Outras previsións erradas en axudas sociais

Política Social quedou sen cartos para atender novas solicitudes da Risga apenas un mes despois de aprobar os orzamentos para 2017

Esta non é a primeira ocasión na que unha prestación no ámbito social da Xunta se ve afectada por erros de previsión na súa dotación orzamentaria. Esta circunstancia veuse dando habitualmente nas axudas para vítimas da violencia machista -na súa última convocatoria viron a súa dotación ampliada de xeito notable, xa que agora poden ser solicitadas durante todo o ano- e, máis recentemente, a afectada foi a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). Como informou este diario, o pasado marzo, apenas un mes despois de aprobar os Orzamentos cunha dotación récord para a Risga de 57,5 millóns de euros por mor do incremento do número de persoas en situación de pobreza, Política Social tivo que ampliar o crédito en 600.000 euros para poder atender 90 solicitudes novas. Esa ampliación fíxose con cargo, precisamente, ao orzamento doutras das axudas sociais anunciadas por Feijóo, as destinadas a paliar o copagamento farmacéutico.

Outro erro de previsión, no seu caso por exceso, foi o que afectou ás dúas liñas da Xunta para persoas con dificultades para pagar o recibo da luz: o tícket eléctrico e as axudas de emerxencia, cuxo orzamento sumou en 2016 un total de 2,7 millóns de euros. Como informou este diario, o Goberno deixou sen gastar 1,4 millóns de euros destas axudas e, no caso do tícket eléctrico, apenas 433.000 euros chegaron finalmente ás familias, mentres que case 840.000 euros foron recolocados noutros gastos da Administración como a cota anual da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, paneis indicadores en hospitais, os custos da demanda xudicial contra a Xunta pola mina de Corcoesto ou alumeado da Cidade da Cultura.

Reprodución dunha Tarxeta Benvida © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.