Os días de Pedro Sánchez de 'fontaneiro' na rúa do Pino

Pedro Sánchez, nun acto en Monforte previo ás primarias do PSOE en 2017 Dominio Público PSOE

Hai trece anos Pedro Sánchez xantaba algúns días na estación de autobuses de Santiago de Compostela, na compaña dos traballadores da sede central do PSdeG e dos outros compoñentes do equipo de reforzo enviado polo entón seu xefe, o lugués José Blanco, desde a casa nai da madrileña rúa Ferraz. O restaurante da parada central dos coches de liña de Compostela era un dos sitios aos que ían cando non ficaban nos locais da moi próxima rúa do Pino e encargaban a comida. Neses días de asesor da campaña que levou a Emilio Pérez Touriño á presidencia da Xunta e das frecuentes visitas que facía cun Blanco que se vía despois como o seguinte inquilino da residencia oficial de Monte Pío, Sánchez gañou un coñecemento de primeira man do socialismo galego que seica algo lle serviu para tomar a decisión esta semana de non contar con ningún ministro do PSdeG, pois, se ben hai un membro do Goberno de berce galego, Nadia Calviño, ten case a mesma ligazón coa política de Galicia que Elena Salgado, nacida en Ourense mais con toda a vida feita en Madrid.

Falta un equivalente a Elena Espinosa, a cota galega que situou Blanco no primeiro goberno de Zapatero, no departamento de Agricultura e Pesca. Desta vez había unha candidata cun currículo pouco acorde para o posto co perfil do gabinete de Sánchez e que xeraba un considerable rexeitamento en amplas capas do PSdeG e na súa actual dirección, Pilar Cancela, que estaba nesa área no chamado goberno na sombra que o líder socialista presentou hai dous anos pero que agora ficou sen carteira. Así, o partido que dirixe Gonzalo Caballero quedou sen presenza no Consello de Ministros, o que lle aforra problemas pero certifica a súa debilidade, froito das súas divisións.

Os de Ferraz na campaña galega de 2005 eran en esencia tres homes, novos. Entre eles mandaba Óscar López Águeda, coordinador da secretaría de organización de Blanco, cuxo cargo chegaría a ocupar anos despois, ademais de ser un dos moitos candidatos do PSOE que se afundiron en Castela e León. López era o que máis se interesaba polos detalles da sempre complexa e atormentada vida do socialismo galego, que, non obstante, gozaba hai trece anos do seu momento de máxima gloria, o da conquista por primeira vez da presidencia da Xunta con plena lexitimidade democrática. O máis falangueiro era Antonio Hernando, o Hernando do PSOE, que estaba chamado a ocupar anos máis tarde o posto que ten o seu homónimo do PP, o de portavoz no Congreso dos Deputados. Contan que era o que chamaba máis a atención, aínda que tamén xeraba as opinións máis contrastadas.

O terceiro home de Ferraz naquelas semanas de xuño de hai xusto trece anos era era o máis calado, Pedro Sánchez, que era coñecido como "o guapo" e que neses días gañou un coñecemento do socialismo galego que seica lle serviu para tomar a decisión de non contar con ningún ministro do PSdeG

O terceiro home de Ferraz naquelas semanas de xuño de hai xusto trece anos era o máis calado e o que destacaba polo seu atractivo físico, Pedro Sánchez Pérez-Castejón, que era coñecido como “o guapo”. “Pedro falaba pouco, pero era moi agradable. O que lembro del de entón é velo sentado diante do ordenador, preparando discursos e textos”, conta unha persoa de ampla experiencia que traballaba na sede da rúa do Pino. Confesa que aínda que nese intre non se falaba nada da futura proxección que se cadra terían os compañeiros chegados como reforzo desde Madrid, o que se podía pensar que chegaría máis lonxe sería Óscar López, o seu xefe, ou incluso Hernando, o que máis se esforzaba por facerse notar. Nada indicaba que sería Sánchez naqueles días nos que os de Ferraz fixeron o que nos partidos se coñece como o clásico traballo de fontanería, de organización interna dun PSdeG que, por exemplo, non tiña un logotipo unificado e estaba a moita distancia da sempre ben engraxada maquinaria do PPdeG.

Nun intre no que o presidente da Xunta semella ser o principal favorito para substituír á fronte do Partido Popular outro galego, en pleno estalido da burbulla especulativa, demoscópica e mediática, da outra formación da dereita, Ciudadanos, resulta moi rechamante que os líderes dos dous principais partidos do centro-esquerda español, unidos na alianza da moción de censura, teñan en común un pasado na política galega, como “fontaneiros”, termo que se empezou a usar en Estados Unidos na administración de Richard Nixon para chamar os encargados de tapar as fugas de información. O xefe de Podemos, Pablo Iglesias Turrión, traballou en 2012 de asesor da campaña da Alternativa Galega de Esquerda, contratado por Izquierda Unida. Foi unha experiencia clave, segundo el mesmo contou, para a fundación de Podemos, a partir do exemplo do éxito de Beiras, co seu mesianismo asembleario e o seu radicalismo verbal. Galicia foi así o laboratorio de Iglesias.

Nun intre no que o presidente da Xunta semella ser o principal favorito para substituír á fronte do PP outro galego resulta moi rechamante que os líderes dos dous principais partidos do centro-esquerda español, unidos na alianza da moción de censura, teñan en común un pasado na política galega

Pablo fixo despois de asesor externo desde Madrid para Yolanda Díaz, nos tempos dela como deputada autonómica. Pedro tamén tivo moito contacto coa política galega despois de 2005, con algunha asesoría para Touriño. Nunha entrevista en Radio Coruña falou dese tempo como aquel no que se fixo amigo dun entón emerxente político de Lugo, Gómez Besteiro, o amigo que apoiou á fronte do PSdeG ata que as imputacións da xuíza Pilar de Lara acabaron con el, o que non impediu que a través de Sánchez seguise influíndo un tempo no partido a través da súa herdeira, Pilar Cancela. Foi por esta vía pola que Cancela, ex-directora xeral de Relacións Laborais no fraguismo, apareceu no “goberno na sombra” de Sánchez. Pero a diferenza doutros como Robles, Batet ou Borrell non entrou no de verdade, un equipo ben deseñado a partir do asisado diagnóstico de que, co presuposto do PP e unha gran debilidade no Parlamento, o Consello de Ministros ten como principal misión vender fume.

O PSdeG certificou a súa feble situación, pero a posible marcha de Feijóo e sobre todo a resurección do PSOE en Españ adan a Caballero unha relevante e inesperada oportunidade

Cancela non tiña un perfil acaído para ese goberno, pero sobre todo carecía de apoios no partido, unha vez que o papel de Besteiro de xefe na sombra se foi diluíndo co paso do tempo. Todo indica que o actual inquilino do despacho principal da rúa do Pino, Gonzalo Caballero, Caballero II, o sobriño do alcalde de Vigo, prefería que a que foi de facto a súa antecesora, como presidenta da dirección provisoria que substituíu a Besteiro, non estivese no Goberno, aínda que o PSdeG ficase sen nada, alén de poder presumir do apelido e o berce de Calviño. Mais ela non é unha ministra nin galega, nin de Madrid, senón dos mercados e da ortodoxia financeira europea. Sen Blanco en Ferraz, escindido en catro direccións provinciais e cun líder en construción, aínda que gañase as primarias co voto directo das bases, o PSdeG certificou a súa feble situación, reeditando aquilo que escribiu Manuel Murguía de que “tal fue la suerte de Galicia. Siempre la discordia deshizo sus huestes”. Aínda así, o posible salto de Feijóo a Madrid e sobre todo a resurrección do PSOE en España da man de Sánchez danlle a Gonzalo unha relevante e inesperada oportunidade.

Co seu exabrupto o líder do PPdeG confirmou que Ana Pontón é a súa antagonista en Galicia

Seica porque se sentía tan sobrado, co seu soño de reinar na rúa Génova en vías de facerse realidade, ou porque estaba alporizado polo titular que deu Ana Pontón contra o uso da Xunta como “sala de espera vip”, ou se cadra por unha mestura das dúas cousas, Feijóo soltou un exabrupto no Parlamento o mércores ao afirmar que a portavoz do BNG está “moi necesitada”, por máis que o dixese no sentido político, falando con Luís Villares, e que se corrixise a si mesmo sobre a marcha. Nunha sesión marcada pola desaparición do “contrato con Galicia ata 2020” pois o presidente da Xunta xa non garante a súa continuidade no cargo alén do 20 de xuño, o día da próxima quenda de preguntas parlamentarias, ficou claro que, aínda cos seus seis deputados e malia estar á fronte dun BNG que segue sen facer os seu moitos deberes internos pendentes, Ana Pontón Mondelo é para Alberto Núñez Feijóo a súa principal antagonista na política galega e a persoa que por momentos enche o baleiro da xefatura da oposición.

Sánchez, nun mitin en Pontevedra Dominio Público PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.