Os Franco non achegan proba ningunha ao xuízo polas estatuas do Pórtico, que será o 1 de febreiro

As esculturas de Abraham e Isaac, na exposición sobre o Mestre Mateo CC-BY-SA Praza Pública

O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid celebrará o próximo 1 de febreiro o xuízo contra a familia Franco pola titularidade das estatuas do Pórtico da Gloria, logo da denuncia presentada polo Concello de Santiago para conseguir a devolución das figuras. Asi se acordou na audiencia previa celebrada este luns na que se trataba tamén de propor probas de cara á vista oral pero na que os letrados dos familiares do ditador no presentaron ningunha. 

O xuízo contra a familia Franco celebrarase o vindeiro 1 de febreiro en Madrid

Si o avogado do Concello, que propuxo o informe pericial no que un catedrático de Arte aclara que as estatuas foron adquiridas polo consistorio compostelán en 1948 e que foi admitido pola xuíza Nieves Medrano. Foi daquela cando a maxistrada, segundo fontes xurídicas, preguntou ao representante dos Franco se non eran esas mesmas estatuas ás que se refire o informe as que están en poder da familia. O letrado, entre dúbidas e sorprendido ante unha cuestión inesperada, asegurou que tiñan "dúbidas razoables". 

Porque o avogado dos demandados intentou rebater a proba asegurando que non era pertinente e, no inicio do proceso, advertira de que as figuras de Abraham e Mateo foran adquiridas por un familiar nun anticuario. Agora, no entanto, o avogado non só non propón proba ningunha, senón que basea a defensa unicamente en que as esculturas son propiedade dos Franco polo paso do tempo e a cantidade de anos que estiveron no seu poder. 

Os Franco non propoñen proba ningunha e centran a súa defensa en que as figuras son súas polo tempo no que as tiveron no seu poder

Xa que logo, o catedrático de arte será quen sen encargue durante a celebración da vista oral de ratificar o informe que certificaría a adquisición por parte do Concello hai 70 anos. Empezará por fin o primeiro de febreiro logo da "estratexia dilatoria", como denunciara o alcalde Martiño Noriega, que mantiveron os netos do ditador, que primeiro alegaran que non podían ser os demandados porque non aceptaran aínda a herdanza de Carmen Franco, malia que xa puxeran á venda o Pazo de Meirás e outras propiedades, e que logo obviaron ante a xuíza que un dos herdeiros transmitira a unha sociedade mercantil a súa parte do Pazo de Meirás. 

Foi Francisco Franco Martínez-Bordiú quen anunciou hai un mes á Xunta a súa intención de vender a unha das súas empresas --a inmobiliaria Pristina-- a parte que lle corresponde do Pazo de Meirás, comunicación á que lle obriga a Lei de Patrimonio Cultural por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC). Nesa operación de traspaso da parte da súa herdanza á súa sociedade mercantil engadiu, segundo dixo o seu letrado, a parte que lle corresponde das esculturas do Mestre Mateo, propiedade agora de seis fillos de Franco e dunha empresa con sede en Madrid, co neto do ditador como administrador único e cuxos activos ascenden a uns 18 millóns de euros.

A familia do ditador alegou primeiro que aínda non herdaran e logo obviou que un dos netos vendera a súa parte das figuras a unha empresa propia

Na vista previa deste pasado luns, o letrado dos Franco si achegou a documentación da ampliación do capital social da empresa que certifica o traspaso desa parte da súa herdanza á devandita sociedade mercantil. Foi o único que, polo momento, a familia do ditador ratificou con probas. 

Esculturas de Abraham e Isaac, o pasado mes de setembro no Pazo de Meirás / CC-BY-SA Praza Pública

Tal e como manifestara a Praza.gal o letrado do Concello compostelán, Xoaquín Monteagudo, a estratexia é dilatar e atrancar un proceso no que a familia do ditador intenta agochar o feito de que "non teñen documento ningún que acredite a adquisición das esculturas". A súa estratexia limítase a defender a súa titularidade en base ao tempo que as figuras levan no seu poder.

"Non teñen documento ningún que acredite a adquisición das esculturas", di o avogado do Concello

A demanda municipal remontase á compra das figuras por parte do goberno local da época en 1948 por un total de 60.000 pesetas para que pasasen a formar parte "do patrimonio artístico desta cidade". A documentación achada polo Concello así o acreditaría. O consistorio mercoulle as pezas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nun acordo que implicaba indemnizar con 400.000 pesetas o propietario ou os seus herdeiros se deixaban de ser patrimonio público.

As pezas, detalla o texto da demanda, foron situadas na escalinata principal da casa do Concello, no Pazo de Raxoi, e alí as atoparon Franco e a súa dona cando, no ano Xacobeo de 1954, visitaron a cidade o 25 de xullo para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión".

Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o certo é que o rexedor --no contexto da súa condición de subordinado do réxime ditatorial, evidencia a demanda-- deu en "compracer" a petición dos Franco. As históricas esculturas foron enviadas ao Pazo de Meirás e despois, á Casa Cornide da Coruña. Na súa seguinte aparición pública, na Exposición Internacional de Arte Románica celebrada en Santiago en 1961, xa apareceron como "cesións" do ditador e a súa esposa.

Os demandados, pola contra, alegan no escrito presentado no xulgado que as estatuas foron adquiridas a un "particular, a través dun anticuario" e aseguran que o Concello non acreditou nunca que foran propiedade del. Ademais, negan o relato sobre o interese de Carmen Polo nas figuras por "incrible"

As estatuas, sempre en propiedade dos Franco desde aquela, formaron parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017, sobre a obra do Mestre Mateo. Ao finalizar, volveron ao Pazo de Meirás, onde permanecen ben á vista de calquera visitante que acceda á propiedade. O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral.

Noriega lembra que a sentenza "podería crear xurisprudencia" respecto á posible recuperación doutros ben usurpados polos Franco

Segundo fontes xurídicas, a actitude dos Franco no proceso xudicial, e antes do inicio da vista oral, non é moito do agrado da xuíza, que en máis dunha ocasión amosou a súa sorpresa ante os argumentos dos seus letrados e a falta de información, o que obrigou a adiar os procedementos. 

Desde o Concello, o seu alcalde, Martiño Noriega, recoñece ter "ganas" de que "chegue o xuízo" e pensa que a sentenza "podería crear xurisprudencia" de cara á posible recuperación doutros bens conseguidos de maneira ilegal polos Franco. Ademais, aclarou que o consistorio conta con "toda a documentación" e probas que demostran que a familia do ditador nunca oficializaron a titularidade das figuras. Ademais, a administración local está convencida de que terá que chegar ao Supremo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.