Os novos incendios que afronta Galicia: capaces de saltar encoros e avanzar 6 km nunha hora

Brigadistas traballando nun incendio © Atrifoga

Mentres en Galicia continúan as comparecencias na comisión creada no Parlamento tras a tráxica vaga de lume de outubro, o Parlamento portugués analiza xa o segundo informe de expertos que debulla a orixe, causas e circunstancias dos graves incendios que asolaron o noroeste da Península Ibérica nos últimos meses. Unha nova tipoloxía de fogo --máis incontrolable, máis perigoso, máis virulento e máis daniño-- que pon en alerta toda a área ao norte do río Texo polas novas condicións climatolóxicas derivadas do cambio climático, a deficiente xestión do monte, a elevadísima acumulación de combustible vexetal e o uso neglixente do lume, características todas elas comúns a esta área. O relatorio da comisión técnica independente encargada polo Executivo luso tras a traxedia de outono analiza con detalle como son estes novos incendios que afectan de maneira especial ao territorio galego e do norte luso e que obrigan a reformular as políticas para atallalos, máis aínda cando cada vez están más desestacionalizados. Os detalles arrepían.

Tal e como relata o último informe dos expertos en Portugal, e como adiantou Praza.gal, a virulencia e a calor provocada por grandes focos no centro de Portugal chegou a crear condicións climáticas propias nesas zonas, xerando unha gran nube e ventos descontrolados que agravaron a situación nesas áreas pero impediron, paradoxalmente, que a catástrofe sufrida no norte do país veciño e en Galicia fose aínda maior. Con todo, o lume que asolou unhas 300.000 hectáreas entre ambos territorios entre o 14 e o 16 de outubro foi "algo nunca visto" na comunidade autónoma, tal e como lembro o director xeral de Política Forestal, Tomás Fernández-Couto. 

"A formação de focos secundários por projeção de materiais em combustão constituiu um mecanismo importante para a expansão dos fogos"

E iso é o que relata o informe encargado polo Executivo portugués. Así, lembra que "a formação de focos secundários por projeção de materiais em combustão constituiu um mecanismo importante para a expansão dos fogos". Tanto que provocou que saltasen "barreiras importantes" e levasen o lume a "territórios agroflorestais pouco habituados á súa presença". É o que explica os focos independentes arrodeados de zonas intactas que se viron en lugares como Chandebrito ou outros da comarca de Vigo aquela fin de semana de outubro, na que mesmos pastizais ou xardíns arderon sen moita explicación. Pero haina. 

Incendios daquela fin de semana de outubro mesmo superaron encoros e crearon focos secundarios ata a dous quilómetros de distancia

Houbo faíscas ou follas e vexetación en combustión que saltaron dun incendio a outras zonas e provocaron novos focos secundarios. Mesmo a dous quilómetros de distancia. "500-2.000 metros tipicamente separaram o perímetro principal dos incêndios dos focos secundários não absorvidos pelo seu crescimento", explican os expertos. Iso provocou que incendios que se atopaban con encoros lograsen mesmo superalos, como ocorreu no caso das presas do Cabril e Aguieira, que "foram superadas por projeções produzidas pelos incêndios da Sertã e da Lousã", este último, xunto ao de Arganil na mesma data, situado xa entre os dous maiores incendios de sempre en Portugal. 

Vehículo de axentes medioambientais da Xunta na contorna dun incendio no Saviñao Dominio Público Aprafoga

É esta virulencia e nova tipoloxía de incendios o que explica as proxeccións e "chuva" de charetas a unha considerable distancia desde a fronte das lapas, así como "a facilidade de ignição do material projetado". Foi esta chuvia de lume a que provocou a aparición de focos illados e repentinos que levaron mesmo a difundir bulos como a de motoristas prendendo lume na contorna de Vigo. 

A causa de ignición máis común neste tipo de incendios extremos xa non é o contacto coas lapas ou a calor de convección do lume, senón o transporte de faíscas

Mesmo, como advirte o relatorio portugués, a situación provoca que a causa de ignición máis común neste tipo de incendios xa non sexa o contacto coa fronte de lapas ou a calor de convección do lume, senón o transporte de faíscas. Como exemplo, só o 21,3% dos edificios danados no tráxico incendio de Pedrogão Grande foron afectados polo impacto directo do fogo. Iso permitiu "observar casas e jardins ardidos que distavam 100-200 metros da vegetação florestal, da qual estavam separados por campos agrícolas razoavelmente mantidos". "Ardeu o monte xestionado e o que non, casas, zonas sen vexetación, pastizais... E houbo lapas que foron dando saltos ata chegar ás vivendas", explicaba Fernández-Couto na comisión do Parlamento galego. Ademais, houbo inmobles arrasados que foron afectados por charetas que se coaban por furados nos tellados. 

A velocidade de propagación dos incendios superou en ocasións os 6 km/h; de non chover, teríanse queimado o dobre de hectáreas

Os incendios propagáronse tamén "frequentemente através da copa das árvores" e as velocidades da propagación do lume alcanzou máximas superiores a 3km/h en todos os casos, "por vezes superando 6 km/h" (media dun camiñar normal dunha persoa)e intensidades da  fronte de lapas de entre 30.000 e 90.000 kw/m, xa que logo, "três a nove vezes acima da capacidade de extinção com meios aéreos pesados". As prospeccións feitas polos expertos son concluíntes. De non terse producido as chuvias do 16 de outubro, "a área ardida duplicaria" en Portugal naquela fin de semana: teríanse superado as 504.000 hectáreas. 

A imposibilidade de controlar os novos incendios

E ái outra das claves: as condicións de moitos incendios provocaron que non houbese posibilidade ningunha de combatelos e que as tarefas se centrasen na protección dos bens e das persoas, como din os peritos. "O comportamento do fogo na sua direção de propagação principal (cabeça), ultrapassava largamente a capacidade de extinção, não garantindo condições mínimas de segurança para os intervenientes nem de êxito para as operações", din no documento.

"A intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción" e obriga a priorizar a protección das persoas

Explicábao tamén na comisión do Parlamento galego Edelmiro López, profesor da USC e un dos doce expertos que elaborou o informe técnico en Portugal. "A grande intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción, xa que ningún dispositivo do mundo é capaz, pasado un punto, de combater o lume", explicaba na comisión parlamentaria. Ademais, lembraba queu as estimacións feitas no estudo luso indican que "as posibilidades de controlar" frontes así son de entre tres e 17 minutos desde que se inicia. "A partir de aí, só queda a estratexia defensa: protexer as persoas e agardar a que melloren as condicións climáticas", advirte. 

Estas alteracións climáticas extremas influenciadas polo cambio climático, como advirte tamén López, "aumentan e incrementan de forma notable, e vano facer máis, o risco de incendios de grande intensidade". "Esas condicións climáticas van ser máis frecuentes o que, unido á elevada acumulación de combustible nos montes, provocan que as posibilidades de controlar o lume se limiten só á súa situación inicial", advirte. 

Bombeiro traballando nun incendio en Lobios Dominio Público @BrifLaza

Por iso, os expertos en Portugal insisten na necesidade de "encontrar soluções prévias de coordenação e prevenção" ao haber información meteorolóxica que facía prever esas condicións adversas. "Con aquelas previsões meteorológicas severas, justificar-se-ia uma chamada de atenção pública, com outros contornos, eventualmente semelhantes à situação vivida no mês de agosto, em que foi estabelecido o Estado de Calamidade Preventiva", din. 

Os expertos insisten na necesidade de "anticiparse" aos grandes incendios por medio das previsions meteorolóxicas

É unha das conclusións do informe, útil tamén para Galicia, e que recorda Edelmiro López: "A solución non vai ser a acumulación de máis medios senón a capacidade de prever eses episodios climáticos extremos e incorporar estas previsións ao dispositivo de extinción para poder dar unha repsosta moi rápida tan pronto se xere un foco". "Non é unha cuestión de maís medios; en situacións extremas que saen de control, é necesario máis coñecemento, ser capaz de anticiparse a estas situacións", explicou en comisión. 

Pero, "dado que os factores climáticos son un dato", di López, as administracións "débense centrar" no que depende delas. "É o que depende de nós é reducir o combustible acumulado, algo que ten que ver coa xestión do territorio, diminuír o número de incendios e acabar con certas prácticas sociais que perviven no noso medio rural", insiste. 

Porque, como lembra o informe de expertos de Portugal, "verificou-se que a gestão do combustível terá tido influência na diminuição da intensidade do fogo nos flancos e retaguarda dos incêndios". "A acumulación de combustible en cantidades enormes é importante porque está na orixe de moitos incendios, favorece a expansión do lume", di López, que esta situación de abandono "é especialmente importante hoxe polo cambio climático". "Hai leccións de Galicia e de Portugal que debemos aprender e algunhas figuran no relatorio", avisa o profesor da USC, que lanza outra advertencia clave: "Que alguén me diga se hai algunha diferenza entre a vexetación do sur de Ourense e a do outro lado do Miño". 

 Edelmiro López apunta ao "control da vexetación arbustiva" que acaba sendo combustible para o lume como clave para evitar grandes incendios

De aí que Edelmiro López insista en reparar na "cantidade de superficie" que se pode xestionar no monte ou que tipos de especies deben prevalecer. Pero sobre todo, no "control da vexetación arbustiva, o que ten que ver cunha axeitada xestión da silvicultura". Ademais, o tamén experto da comisión técnica de Portugal advirte da necesidade, sobre todo en períodos de máximo risco, de "eliminar unha certa promiscuidade do uso do lume como mecanismo de control da vexetación". "Isto non é produto de desequilibrios individuais, hai factores que explican ese uso do lume e hai que tratar de actuar sobre iso", di quen cre que, malia os riscos e a súa gravidade, a actual situación que se vive en Galicia "é unha oportunidade" e un "debate aberto" que se debe aproveitar. Xunta e Goberno de Portugal parecen asumir, ademais, que os métodos actuais xa non son dabondo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.