Os papeis de Bárcenas sitúan Galicia entre os principais 'recadadores' para o PP nos noventa

Nas anotacións correspondentes a 1997 publicadas por El Pais catro ingresos proceden de 'Galicia' © El Pais

El País publica este domingo integramente os coñecidos como papeis de Bárcenas, a suposta contabilidade en negro levada durante anos polo ex tesoureiro do Partido Popular. Nos adiantos que xa realizara este xornal xa se puidera ver que Galicia cobraba especial protagonismo como pagador, e que nas anotacións aparecían varios ingresos con orixe en Galicia e tamén en Pablo Crespo, durante anos secretario de organización do PPdeG. El País tamén destacara a coincidencia entre a contabilidade de entrada de Bárcenas e a de saída de Crespo -presente na documentación do caso Gürtel-, que avalaría a veracidade dos manuscritos de Bárcenas.

Revisando as anotacións do ex tesoureiro do PP podemos ver que a presenza de Galicia é moi importante, sobre todo a finais da década dos noventa, e sempre como pagador ou recadador para o partido. Eran tempos nos que a pesar de que xa José María Aznar era presidente do Goberno central, as redes de poder en moitas comunidades autónomas aínda non estaban consolidadas. Pero non era o caso de Galicia, con gobernos populares dende comezos dos oitenta, e supostamente principal pagadora até o ano 2000.

En total os ingresos procedentes de Galicia entre 1997 e 1998 suman 115 mil euros. E os de Pablo Crespo entre 1999 e 2000 chegan aos 126 mil

A primeira anotación galega corresponde ao 8 de xaneiro de 1997 (tres millóns de pesetas). A seguinte é do 28 de febreiro de 1997 (1.992.200 pesetas) e este mesmo ano, o 24 de abril, hai outra de Galicia (O.C.) de tres millóns. Galicia (O.C.) repite como pagador o 16 de decembro de 1997 con outros tres millóns. E Galicia (O.C.) realiza outros dous ingresos de tres millóns en febreiro e maio de 1998. No documento tamén figuran outras dúas referencias a Pablo Crespo. Unha o xa comentado ingreso de 21 millóns de pesetas en maio de 1999. E hai outra chamada Copa Crespo en xullo de 2000 de 5 millóns de pesetas. En total os ingresos procedentes de Galicia entre 1997 e 1998 suman 115 mil euros. E os de Pablo Crespo entre 1999 e 2000 chegan aos 126 mil.

 

Feijoo desenténdese do tema

Este xoves Feijoo negou todas as acusacións: "nós non temos absolutamente nada", pero engadiu a seguir o matiz de "polo menos, dende que eu son presidente do PP de Galicia"

Este mesmo xoves, cando Alberto Núñez Feijoo foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre os papeis de Bárcenas e sobre as anotacións que facían referencia a supostos pagamentos realizados dende Galicia, o presidente galego botou balóns fóra. Negou todas as acusacións: "nós non temos absolutamente nada", pero engadiu a seguir o matiz de "polo menos, dende que eu son presidente do PP de Galicia". Deu a entender que el só aseguraba ou se facía responsable da limpeza das contas dende 2006, derivando implicitamente as eventuais irregularidades aos tempos nos que o partido tiña como máximos referentes a Manuel Fraga ou Xosé Cuiña, ambos xa falecidos, ou mesmo ao tempo en que a secretaría de organización estivo ocupada por Pablo Crespo, un dos presuntos líderes da trama Gürtel. Feijoo reafirmou esta idea ao afirmar que "saberán os anteriores do anterior".

Este domingo, na feira do cocido de Lalín, Feijoo dixo confiar "en que a Xustiza aclare" o presunto financiamento irregular do partido en Galicia a finais dos anos 90. Asegura que lle "preocupan" as informacións xornalísticas pero volveu desentenderse do tema afirmando que nese período "nin tan sequera era militante". Feijoo deu por boas as explicacións dadas o sábado por Rajoy, do que dixo que foi "contundente "e que "non se lle pode pedir máis xa que se comprometeu a facer públicas as súas declaracións da renda e do patrimonio".

Nas anotacións correspondentes a 1997 publicadas por El Pais catro ingresos proceden de 'Galicia' © El Pais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.