Pablo Crespo ratifica ante o xuíz as débedas que o PPdeG mantiña coa trama Gürtel

Fraga, xunto a Rajoy, Cospedal e Acebes © PP

A trama Gürtel, como veñen confirmando numerosos testemuños, documentos e investigacións policiais, tamén traballou co PPdeG. A formación conservadora contratoulle a organización de actos electorais en varias campañas e tería continuado así co financiamento ilegal dos anos 80 que Rosendo Naseiro describira tan detalladamente... Pero non era tan bo pagador destas estruturas ilegais. Así o asegura, cando menos, o que fora secretario de Organización do partido entre 1996 e 1999 e logo contratado por Correa nesta trama corrupta, Pablo Crespo.  

Crespo asume que a Gürtel reclamoulle a Fraga unha débeda por campañas electorais de 1999 e 2001

Na súa última declaración no xuízo que se desenvolve na Audiencia Nacional, Crespo asegurou que o PP de Galicia nunca pagou unha débeda de 125.000 euros polos actos de campaña levados a cabo nas eleccións municipais de 1999 e nas autonómicas de 2001, malia que mesmo lle foi reclamada ao ex-presidente da Xunta Manuel Fraga. 

Foi o avogado de Bárcenas quen pediu que se lle exhibise a Correa unha carta do avogado Luis de Miguel, presunto arquitecto financeiro da trama, na que se dirixía a Fraga para reclamarlle ao PPdeG esa débeda. Segundo esa misiva, o dirixente popular Javier Arenas ordenara a Bárcenas solucionar ese pagamento. Crespo explicou que falou diso co ex tesoureiro e antecesor no cargo, Álvaro Lapuerta, para trasladarlles que se estaba a cometer unha "inxustiza manifesta", aínda que non lle autorizaron o cobro por "non ser unha débeda do PP nacional". 

Un informe policial conclúe que a Gürtel xa pedira a Rajoy que mediara para cobrar outra débeda do PPdeG coa trama de 2003

Non é a primeira vez que do caso Gürtel agroman testemuños ou informes sobre peticións da trama para cobrar débedas que presuntamente mantiña o PPdeG coa organización corrupta. Así, un informe policial remitido ao xuíz Pablo Ruz conclúe que o imputado Álvaro Pérez, El Bigotes, reclamou en 2003 ao daquela secretario xeral do PP, Mariano Rajoy, a súa mediación para poder cobrar actos realizados por empresas da trama en campañas electorais do PP de Galicia. Neste caso, tratábase de actos electorais sobre a campaña das municipais de 2003, celebradas o 25 de maio.

Así se conta na referencia baixo o título Carta Mariano (Galicia)2 que aparece nun informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF) e que foi remitido hai máis de dous anos ao xuíz Pablo Ruz. Antes, Policía, Facenda, a Fiscalía e o maxistrado acharon durante un ano de investigación da presunta caixa B do PP varias evidencias que apuntaban á correlación entre as anotacións de Bárcenas e a contabilidade oficial do partido. Unha delas levou o xuíz a crear unha peza separada sobre a presunta contabilidade irregular do PP e ten que ver tamén cunha suposta débeda, desta vez pagada, do PPdeG

Outro pago dunha débeda do PPdeG, que aparece nos papeis de Bárcenas e na contabilidade da Gürtel, levou o xuíz a crear unha peza separada do partido

Neste caso, os papeis de Bárcenas coincidían coa contabilidade incautada á rede Gürtel ao recoller un ingreso de 21 millóns de pesetas realizado por Pablo Crespo en maio de 1999 que figura -coincidindo en data e cantidade- coa documentación incautada en 2009 ao número dous de Francisco Correa. Nesta última reflíctese un pago á "sede nacional" por parte do PP de Galicia en concepto de "pago débedas pendentes". 

Na folla manuscrita polas dúas caras e arrancada dun caderno de Luis Bárcenas aparece Galicia citada en seis ocasións, acompañada nalgúns casos das misteriosas iniciais O.C.. Serían pagos en B chegados ao PP estatal desde a comunidade autónoma entre xaneiro de 1997 e maio de 1998 e que sumarían arredor deses 21 millóns. 

Ademais, un auto xudicial de Ruz sinala que o 19 de febreiro de 2009 a Policía incautou nunha caixa de seguridade da sucursal do Banco de Santander en Pontevedra, propiedade de Pablo Crespo, diversos documentos correspondentes aos gastos realizados polo PP de Galicia no período comprendido ente abril de 1996 e setembro de 1999. A UDEF sostén que esta documentación demostraría a existencia dun dobre sistema de facturación da formación política durante a campaña municipal e autonómica de 1997 e 1999.

Nese mesmo ano 1999, segundo a documentación intervida no seu día no domicilio de José Luis Izquierdo López (contable da organización de Correa), figura unha entrega de fondos en efectivo de data 21 de outubro por importe de 9 millóns de pesetas por parte de Alfonso García Pozuelo, (presidente de Construtora Hispánica S.A desde 1992 até 2009 e imputado na causa). Serían para financiar actos realizados pola organización de Francisco Correa nas campañas electorais celebradas en Galicia entre abril e outubro de 1999.

Segundo declaracións posteriores, e tal e como se está a descubrir agora no xuízo, a fichaxe de Crespo pola trama de Correa non detivo eses procedementos irregulares, cando menos se temos en conta as varias solicitudes de pagos de débedas do PPdeG coa rede por actos electorais de 1999, 2001 ou 2003. 

Crespo insinúa que o seu achegamento a Xosé Cuíña prexudicou a trama corrupta pola súa mala relación con Fraga

Por outra banda, e durante a súa intervención deste xoves, Pablo Crespo insinuou que o ser contratado por Correa en 1999, unha vez que deixou a secretaría de Organización do PPdeG, foi prexudicial para as sociedades da trama polo seu achegamento ao falecido Xosé Cuíña, daquela secretario xeral do PPdeG, e que, segundo dixo, "non gozaba da simpatía" de "quen mandaba en aquel momento" no partido, en referencia a Manuel Fraga. 

Crespo negou que empregase os seus contactos políticos no PP ao comezar a traballar para Correa e asegurou que mesmo lle trasladou ao líder da trama as súas sospeitas de que a súa incorporación foi prexudicial para Special Events pola súa relación con Cuíña. 

Pablo Crespo, declarando no xuízo da Gürtel CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.