Podemos e as forzas integrantes de AGE escenifican o seu apoio a Marea Pontevedra

Marcos Fontán, Chus Boo, Yolanda Díaz e Antón Sánchez, co candidato Luís Rei Dominio Público Marea Pontevedra

Podemos, Espazo Ecosocialista, Anova e Esquerda Unida participaron este sábado nun acto de apoio á Marea Pontevedra, escenificando o alento destas formacións á candidatura encabezada por Luís Rei. Marcos Fontán, secretario municipal de Podemos Pontevedra; Chus Boo, vicecordinadora nacional de Espazo Ecosocialista e número 2 de Ames Novo; Antón Sánchez, coordinador nacional de Anova e parlamentario de AGE; e Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU e viceportavoz de AGE subliñaron "o papel unitario e de referencia do proceso pontevedrés para toda Galicia".

"O noso é un bo camiño andado para cando haxa que poñerse a reconstruír o espazo da gran forza dos de abaixo, nacional e transformadora, o espazo da nova política”

No acto, Luís Rei destacou que “somos os únicos que temos unha Base Programática, referendada en asemblea, que se está completando con plans sectoriais. Presentamos os Plans de Emerxencia, de Transporte, de Recuperación Integral da ría e dos ríos; e, en breve, o de Remunicipalización da auga. Ese círculo, de momento, péchase a semana que vén co noso Programa”. Así mesmo, salientou que “podemos presumir tamén de candidatura: a única elixida en Pontevedra nunhas eleccións primarias libres e abertas e absolutamente respectuosas co veredicto da xente. É algo que nos distingue dos demais”, engadindo que isto “foi posible pola posición absolutamente clara das organizacións neste concello dos catro partidos hoxe aquí presentes. É de xustiza, agora, agradecérllelo”.

"Estamos demostrando ser os únicos que escoitamos o berro de rebelión do 15-M e os únicos que honramos ese berro cunha aposta real pola acumulación de forzas”

De igual xeito, o candidato de Marea Pontevedra afirmou que “o noso é un bo camiño andado para cando haxa que poñerse a reconstruír o espazo da gran forza dos de abaixo, nacional e transformadora, o espazo da nova política” e que "estamos demostrando ser os únicos que escoitamos o berro de rebelión do 15-M e os únicos que honramos ese berro cunha aposta real pola acumulación de forzas”. “Sigamos por aí, xa que o que nos separaba eran absurdas liñas trazadas na auga”, concluíu, sinalando que “aquí vai haber oito candidaturas o día das votacións, varias da dereita ou do centro, pero por primeira vez só unha do espazo de ruptura. Esa é unha das fortalezas da Marea”. “Entre esas oito papeletas, a xente non vai atopar a de Podemos, nin a de Anova, nin a de Esquerda Unida, nin a de Espazo Ecosocialista, pola sinxela razón de que a candidatura de todos é Marea Pontevedra", dixo.

Os e as representantes das forzas políticas que apoian a Marea Pontevedra foron tomando a palabra para explicar as razóns deste apoio. Marcos Fontán sinalou que Podemos “soamente apoia aquelas candidaturas que cumpren unha serie de requisitos programáticos, democráticos e de asemblearismo, e entre esas candidaturas que apoia esta Marea Pontevedra, xunto coa Marea Atlántica ou Compostela Aberta”. Pola súa banda, Chus Boo indicou que para Espazo Ecosocialista “a aposta pola unidade cidadá é clara e incondicional, unicamente ligada á radicalidade democrática e á participación da cidadanía, que constitúen o eixo central da nova política”.

Pola súa banda, Antón Sánchez dixo que "desde Anova tense moi claro que a asignatura pendente das Mareas é construír unha alternativas que vaian contra o establecido, devolvendo á cidadanía a capacidade de decisión sobre os temas importantes que foron decidíndose as súas costas”. Por último, Yolanda Díaz asegurou que “vivimos un tempo de emerxencia que require de unidade e xenerosidade, sabendo que estámonos xogando os dereitos actuais e futuros”. Díaz referiuse a Marea Pontevedra como a “candidatura do cambio político” e dixo que nos tempos como os actuais son “os verdadeiros intelectuais, como Luís Rei, os que dan un paso adiante, comprometéndose no combate polo cambio social”.

Marcos Fontán, Chus Boo, Yolanda Díaz e Antón Sánchez, co candidato Luís Rei Dominio Público Marea Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.