Pontón, sobre o EI: "Por ética, o máis coherente é devolver as actas á organización"

Ana Pontón, voceira parlamentaria do BNG CC-BY-NC-SA BNG

A nova voceira parlamentaria do BNG vén de asumir o cargo no medio de dúas treboadas, a que vive o BNG internamente e a da crise económica que azouta o país. Ana Pontón (Sarria, 1977) reitera que "o importante" é abordar esa treboada que está fóra das lindes da formación frontista e pór sobre a mesa "alternativas" que permitan canalizar o descontento social a través da acción política. Pero recoñece que desde o remate da Asemblea Nacional do Bloque está a contestar moreas de preguntas sobre a treboada de dentro. A renuncia de Carlos Aymerich á portavocía, primeiro e a marcha do Encontro Irmandiño, días despois, seguen a encher titulares e a capitalizar as comparecencias públicas dos nacionalistas, pero Pontón mantén que, dende esta mesma semana a nova dirección da formación frontista traballará para "superar" esta fase e tamén para rematar de suturar posibles desconfianzas internas.

Aborda unha responsabilidade moi relevante no BNG nun momento convulso, dentro do Bloque pero tamén na sociedade en xeral. Mestura de sensacións?
Asumir unha responsabilidade deste tipo a calquera persoa sensata lle ten que impoñer respecto. Eu en todo caso creo que o que debe central o noso labor é a situación social que hai fóra. Nós fomos electos para desempeñar un labor de oposición e imos centrar todos os nosos esforzos en que sexa eficaz. Levamos tres anos de goberno do PP nos que fracasaron estrepitosamente todas as promesas que fixo Feijóo. Tres anos despois en Galiza a xente vive peor, hai máis desemprego e hai unha precarización clara das condicións de traballo e dos servizos públicos. Imos traballar duro para que se vexa que hai unha alternativa neste país, que é o BNG, e para poñer en evidencia que o goberno ten que cambiar de rumbo, porque con este rumbo, afunde Galiza.

Asume a portavocía parlamentaria no treito final da lexislatura, cerca das eleccións. Hai quen xa prognostica catro anos máis de Goberno do PP. É posible revertelo, hai partido de cara aos comicios?
Cando se convocan unhas eleccións sempre hai partido. A clave está na oposición institucional e social, na capacidade que teñamos de mobilizar a sociedade e en que a sociedade aposte por unha alternativa, por outro tipo de políticas. Esa alternativa real en Galiza é o Bloque.

Que vías se poden explorar para trasladar á política institucional ese descontento social?

"A alternativa real en Galiza é o Bloque"

O BNG estivo traballando coas organizacións sociais, formamos parte da plataforma que está defendendo a sanidade pública, estivemos na defensa do idioma a través de Queremos Galego, traballamos conxuntamente coa CIG para darlle resposta ás reformas laborais agresivas de Zapatero e do PP. Esa é a liña que hai que intensificar, traballo fóra e traballo dentro como reflexo desa actividade social.

O seu labor implica o debate directo co presidente da Xunta nas sesións de control. Que puntos febles lle ve? E fortes? As enquisas din que os recortes non lle pasan factura...
O problema fundamental é que Feijóo está aplicando unha política de dereitas que afoga claramente o noso país, que está provocando máis paro e máis desigualdades sociais, é unha realidade que se palpa. Hai enquisas que din que a maioría dos cidadáns desaproba a xestión de Feijóo. Particularmente, tamén creo que hai un panorama mediático que non axuda a visibilizar a oposición que se lle está facendo a ese goberno. E desde os poderes fácticos se conseguiu que unha parte da sociedade estea resignada. Nós temos que loitar contra esa resignación.

Que efectos teñen no BNG, na súa actividade política en xeral e na de oposición, as tensións vividas antes e despois da Asemblea Nacional?
O BNG tivo unha Asemblea Nacional moi participativa, democrática, onde a militancia decidiu e que centrou unha parte dos nosos esforzos durante o mes de xaneiro. O día 17 remata o proceso asemblear e a partir dese momento o BNG tense que poñer a traballar para facerlle fronte á reforma laboral, á crise, a defender os sectores produtivos... Esa é a cuestión fundamental e eu centrarei todos os meus esforzos e o meu traballo nese labor.

Como cre que percibe a xente da rúa ese debate interno? Hai quen di que se están "a pegar" entre vostedes...

"Os debates débense dar dentro e o que saia fóra deben ser ideas, non ataques á organización"

O equilibrio é moi complicado. Ccando unha organización fai congresos unitariamente se di que son congresos á búlgara e non hai debate; cando o hai, se nos critica. Penso que o máis positivo é que en toda organización teña que haber debate, defendo que os debates se deben dar dentro e as cuestións que saian fóra deben ser cuestións de ideas e non ataques á propia organización, porque iso distorsiona a imaxe pública do debate. Pero hai vontade na dirección do BNG para superar esa etapa e para centrarnos no importante.

Que deben facer cos seus cargos institucionais os membros do Encontro Irmandiño, que xa non son do BNG?

"Por unha cuestión ética, devolvería as actas á organización"

O que eu faría, por unha cuestión ética, devolvería as actas á organización, creo que é o máis coherente.

Os 'irmandiños' acusaron á dirección do Bloque de facer “irrespirables” as relacións internas. A que o atribúe?
Eu non podo estar de acordo con esa afirmación. O BNG veu funcionando estes dous anos cun alto grao de acordo a respecto da liña política, en todos os órganos todo o mundo puido expresar as súas opinións con liberdade. Outra cousa e que tamén temos que ter capacidade para aceptar que non sempre temos razón e, se unha maioría non opina dunha determinada maneira, hai que ter sentido democrático. Cando non hai acordo, as organizacións funcionan por maiorías.

Está mitificado o papel interno da UPG? Boa parte das críticas do EI e doutras correntes diríxense á ela...

"Parécenme desmesurados os ataques á UPG, nunca atacarei a ningunha organización do BNG"

Sempre me pareceron desmesurados os ataques á UPG. Nunca farei ataques a ningunha das organizacións que forman parte do BNG. Creo que a pluralidade do BNG é un ben, durante estes trinta anos tivo unha bases sólidas para a convivencia que seguen aí. A unidade do nacionalismo foi un ben para Galiza.

Ve bases para que todo o que hoxe é BNG continúe conxuntamente, fóra de tensións que deriven en ruptura?
Na dirección do BNG hai vontade por superar as diferenzas, por restablecer a confianza e por fortalecer un proxecto imprescindíbel para este país. O BNG conseguiu ao longo dos seus trinta anos ser a organización nacionalista con máis percorrido da nosa historia. Debilitar esa fortaleza é un erro.

Fóra do BNG, semella que haberá eleccións antes de que corresponda. Como ve ese posible anticipo, é das que pensa que o haberá?
É mellor non preocuparnos por cousas que aínda non aconteceron. O que me parece que se demostra é que o PP sabe que a súa xestión é nefasta e que cada vez hai máis xente descontenta. Se hai un adianto electoral será por un cálculo, crendo que pode ser máis beneficioso para o PP, que non pensa en Galiza.

Que ten que ter a alternativa de goberno ao PP para que a cidadanía a perciba como tal?
Este país sofre historicamente unha falta de poder político. Coa crise faise máis aguda. A alternativa pasa por defender o autogoberno real, outro modelo de política económica, ao servizo das persoas. Que teña disposición ao mantemento dos servizos públicos, xusto ao contrario que agora. Esa alternativa en Galiza é o BNG.

Ana Pontón, durante un debate no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.