Porto da Coruña e ENCE, primeiros retos para o Goberno de Sánchez na Galicia urbana

Instalacións portuarias na Coruña © Turismo de Galicia

A rapidez do cambio de cor política no Goberno de España pola vía da moción de censura, proceso parlamentario moito máis instantáneo que unha investidura ordinaria, deu lugar a que en poucos días partidos políticos, movementos sociais e gobernos autonómicos e locais recompilen as súas demandas cara ao novo Executivo central. No caso das principais cidades galegas todos os seus gobernos teñen cadansúa axenda de peticións pendentes ou de proxectos que reclaman impulsar, a maior parte no eido das infraestruturas. Dúas delas, non obstante, sobresaen sobre as demais e foron as primeiras verbalizadas dende as urbes atinxidas: o futuro dos terreos portuarios da Coruña e o traslado de ENCE fóra da ría de Pontevedra.

O pasado venres, mentres no Congreso dos Deputados se debatía a moción de censura que horas despois situaría a Pedro Sánchez na presidencia en substitución de Mariano Rajoy, no Concello da Coruña recibiuse unha chamada. As peticións de diálogo que o goberno local levaba semanas formulando a Puertos del Estado coa intención de convocar os órganos de seguimento dos convenios asinados no ano 2004 sobre a venda dos terreos portuarios non ía ser atendida nunca. "Dadas as circunstancias", explicaron dende Madrid, xa non habería cita. Non co Goberno do PP.

Puertos del Estado comunicou ao Concello coruñés a suspensión dos contactos sobre os terreos dos peiraos mentres se debatía a censura no Congreso

"O cambio de Goberno -explicou despois o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro- produciuse sen que puidese falar co presidente de Puertos del Estado", José Llorca, quen semanas atrás advertira dende o Congreso o Goberno local coruñés da súa nula intención de "facer cidade" nun marco da defensa da venda de ata o 80% do terreo do actual porto interior. O organismo estatal só pretende "pagar débedas", resaltara. "É cedo para aventurar nada", pero "en canto se nomeen as novas persoas responsables, porémonos en contacto con elas" coa esperanza de "poder redefinir acordos e tecer unha alianza sincera", di Ferreiro, quen confía en que "se Puertos del Estado e Concello traballan de forma leal, buscando o que máis lle convén á cidadanía", será "complicado que a Xunta poida actuar noutro sentido". A intención, resalta, é que prime o control público sobre os peiraos cando sexan liberados.

Carta de Lores

Os novos responsables de Fomento terán á Coruña na súa lista de agarda cando tomen posesión e algo semellante sucederá en Medio Ambiente con Pontevedra, que xa petou formalmente tamén a través do seu alcalde á porta do propio Sánchez. O rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu este luns a Sánchez unha carta de parabéns polo nomeamento no que o convida a visitar a cidade e ademais, lle lembra que a saída de ENCE da ría como o primeiro asunto da axenda estatal para o Concello despois do 'indulto' concedido en 2016 polo gabinete de Mariano Rajoy malia estar en funcións. 

Lores pide axuda a Sánchez para "reverter" a prórroga a ENCE e convídao a visitar a cidade da man do goberno local, ofrecemento que "o teu predecesor nunca atendeu"

Xunto a un desexo xeral de que as decisións de Sánchez "sirvan para mellorar a calidade de vida, as perspectivas e aspiracións" da cidadanía e "os dereitos das nacións que compoñen o Estado español", Lores recórdalle ao líder socialista a "persistencia dunha controvertida fábrica na nosa ría, a celulosa ENCE" que "foi favorecida por unha discutida decisión do Goberno anterior" por "cuxa reversión estamos loitando e para a que a vosa colaboración política dende o Goberno suporía un apoio decisivo no camiño de liberar a ría e a cidade dese monstro contaminante".

Lores agrega na súa misiva que sería "un pracer recibir" a Sánchez en Pontevedra e "amosarche as principais características do noso modelo urbano, que recibiu múltiples premios en todo o mundo polas súas apostas pola sostibilidade, a seguridade vial, a loita contra o cambio climático, a mobilidade infantil ou o transporte intermodal de base peonil". De producirse, sinala, esa visita "causaríanos especial satisfacción", toda vez que "o teu predecesor, de especial raigame na nosa cidade, nunca atendeu o noso convite", conclúe Lores.

Demandas noutras cidades

A depuradora de Santiago ou as conexións ferroviarias en Lugo e Ferrol son tamén parte da axenda do novo Goberno central nas cidades galegas

No resto das cidades galegas os días posteriores á chegada de Sánchez ao poder foron tamén de repasos de proxectos pendentes ou xa en marcha. En Santiago, por exemplo, o goberno municipal olla tamén cara ao Ministerio de Medio Ambiente coa confianza de que a mudanza política permita sacar adiante o proxecto de depuradora que defende o gabinete de Compostela Aberta, unha ampliación da actual EDAR da Silvouta no canto da construción dunha nova no Souto, como viña defendendo o Goberno do PP. A estación intermodal e a prometida "humanización" da área que que quedou en superficie tras a construción do túnel de Conxo, pendente dende a etapa de Ana Pastor como ministra, figuran tamén entre as prioridades.

Pola banda de Lugo o goberno que dirixe Lara Méndez seguirá a ter como prioridade a demanda de investimentos ferroviarios. Neste sentido, o PSdeG lucense lamentaba nas últimas semanas que os votos de PP e Ciudadanos tombasen emendas socialistas aos Orzamentos Xerais do Estado como as orientadas a acelerar -unha vez desbotado formalmente o AVE- a modernización da liña de tren a Ourense, as cales confían en que o novo Goberno asuma en 2018 pola vía das modificacións orzamentarias ou, xa cara a 2019, no novo Orzamento.

Mentres, en Ferrol, o alcalde Jorge Suárez declárase tamén "satisfeito" pola mudanza na Moncloa, que agarda que poida "beneficiar a Ferrol" como "cidade con gran dependencia do Estado". "Hai cuestións pendentes como o convenio con Defensa" -para a cesión de antigas instalacións militares á cidade, unha demanda que acumula décadas-, así como a modernización das conexións ferroviarias ou a apertura de novos treitos nas murallas das instalacións estatais que permitirían seguir abrindo a cidade cara ao mar.

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.