Povisa solicita preconcurso de acredores para forzar o Sergas a mellorar o concerto asinado hai catro anos

Hospital concertado Povisa, en Vigo Dominio Público Povisa

O hospital vigués, de referencia para preto de 140.000 persoas da área, esgrime perdas de 42 millóns que atribúe a "interpretacións lesivas" por parte da Xunta do acordo asinado en 2014 e que aínda estaba á metade da súa duración de oito anos

Povisa, principal hospital privado concertado de España, de referencia para preto de 140.000 persoas da área sanitaria de Vigo, vén de presentar preconcurso de acredores, segundo informa a propia empresa e vén de comunicarllo aos seus traballadores. O hospital, pertencente ao grupo Nosa Terra, presidido polo empresario vigués José Silveira, esgrime perdas de 42 millóns de euros desde a sinatura en 2014 do seu último concerto co Sergas, cuxa interpretación "lesiva" por parte dos actuais responsables da sanidade galega é a causante desa situación, segundo a empresa. A propia firma admite no seu comunicado que a presentación do preconcurso ten como obxectivo forzar legalmente unha negociación co seu principal cliente, a Consellería de Sanidade, para mellorar os seus ingresos.

Povisa renovou o seu concerto co Sergas por última vez o 1 de setembro de 2014, por oito anos prorrogables dous máis e cun tope máximo de poboación adscrita da área de Vigo de 139.000 persoas, polas que percibiría un importe anual por paciente ou “cápita” de 540 euros, o que suporía uns 75 millóns de euros ao ano. O concerto tamén establecía por primeira vez a posibilidade de que pacientes de Povisa poidan solicitar o seu traspaso a outros centros de referencia e á inversa.

A empresa asegura que comunicou a situación á Xunta en reiteradas ocasións e agora recorre ao preconcurso para obrigala a abrir, como prevé a lei, "un período máximo de tres meses de negociación"

Segundo Povisa, a “interpretación” que o Sergas está a facer dese concerto é o que está por tras das súas perdas, que cuantifica nun desfase pola asistencia concertada de 42 millóns de euros ao que veu facendo fronte nestes últimos anos, asegura, “grazas ao fondo de reserva co que contaba a empresa debido á súa actividade privada e ao feito de non ter distribuído dividendos entre os seus accionistas desde hai 25 anos”. A empresa tamén asegura que un informe encargado por ela mesma “a expertos independentes” descarta “que as perdas poidan ser atribuíbles a calquera problema de eficiencia” da propia Povisa.

Segundo a empresa, esta situación foille comunicada á Xunta en reiteradas ocasións nos últimos anos sen lograr cambios por parte do Goberno galego. Agora, admite no seu comunicado, “o preconcurso, unha figura prevista na lei concursal, abre un período máximo de tres meses de negociación co principal cliente de Povisa, o Sergas”.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante unha visita a Povisa co seu conselleiro delegado [Xunta de Galicia]

Exemplos que pon a empresa

Povisa critica que a Xunta só lle deixe captar pacientes doutros hospitais unha vez ao ano mentres que os seus poden irse en calquera momento

Segundo o relato dos feitos que fai a empresa, “o equipo do Sergas que negociou e asinou o novo concerto con Povisa en 2014 foi relevado do seu cargo pouco despois, dando paso a un novo equipo que a partir dese momento comezou a realizar unhas interpretacións do acordo enormemente lesivas para o hospital, e que serían inimaxinables para as persoas que participaron na súa negociación”. A empresa pon exemplos como que “o importe que o Sergas destina ao pago de medicación hospitalaria de dispensación ambulatoria non cubre o custo dos medicamentos dispensados por Povisa e autorizados polo Sergas”, o que cifra nun “déficit de entre cinco e seis millóns de euros anuais”; ou que “os resultados evidencian que a cápita [os 540 euros ao ano por paciente establecidos no concerto] é insuficiente” pero aínda así o Sergas fai pagar a Povisa por actividades sanitarias desenvolvidas no resto da área de Vigo.

Povisa tamén argumenta que tras o novo concerto o Sergas “reduciu progresivamente o envío de pacientes a Povisa en especialidades que tradicionalmente eran de referencia, como queimados, litotricia ou cirurxía da man, ata o punto que os ingresos por estes conceptos reducíronse en 1,5 millóns de euros anuais respecto ao concerto anterior”. Igualmente, a empresa critica agora que o novo concerto permita que os pacientes que voluntariamente queren pasar de Povisa a outro centro de referencia poidan facelo en calquera momento do ano mentres que os que desexan facer o recorrido contrario só o poden facer no mes de novembro de cada ano.

Povisa pide á Xunta evitar "as consecuencias que un concurso de acredores tería para traballadores, pacientes, provedores e, en definitiva, para o futuro do hospital”

O comunicado engade que “a dirección de Povisa confía en chegar a un acordo co Sergas que evite o concurso de acredores e as consecuencias que iso tería para traballadores, pacientes, provedores e, en definitiva, para o futuro do hospital”, asegurando que “Povisa non pretende gañar un só euro coa atención pública, que de feito é altamente deficitaria para o hospital” senón que “neste momento trátase, incluso contando coas marxes da actividade privada, de lograr un equilibrio financeiro que lle permita continuar a súa actividade”.

Povisa vén sendo con moita distancia o hospital galego con maiores listas de espera sanitarias

O anuncio de Povisa prodúcese despois de que a xerencia do hospital fose asumida a finais do ano pasado por María Luisa Brandt, que desde 2009 estaba á fronte da polémica empresa pública autonómica de alta tecnoloxía sanitaria Galaria. No seu comunicado nada cuantifica Povisa sobre os beneficios económicos e de sinerxías operativas obtidos na súa actividade privada derivados da mellora de equipamentos e persoal logrados grazas ao gran volume de actividade e ingresos garantidos pola actividade concertada constante das últimas décadas. Por outra banda, Povisa vén sendo con moita distancia o hospital galego con maiores listas de espera sanitarias, o que non impide que veña sendo eloxiado de xeito recorrente polo Goberno galego.

As primeiras reaccións chegaron axiña. A Xunta desvínculase da situación e deita a responsabilidade na dirección do centro sanitario e aclara que se segue o concerto "estritamente" e que as discrepancias foron "resoltas en sede xudicial". A Consellería de Sanidade lembra que "mantén abertos as canles de diálogo con Povisa" e segue a traballar na "busca de solucións para garantir a tranquilidade dos cidadáns e a calidade asistencial recibida". 

En Marea esixe á Xunta "que non ceda á chantaxe de Povisa" e o Sergas lembra que o concerto cúmprese "estritamente"

Ademais, En Marea esixe á Xunta "que non ceda á chantaxe de Povisa, que intenta empregar aos traballadores e traballadoras como moeda de cambio para obter máis cartos públicos". A vicepresidenta do Parlamento e deputada da formación, Eva Solla, lembrou que a"no tras ano rexistrou beneficios", polo que o anuncio de entrada en concurso de preacreedores resulta “sorprendente”

A Marea de Vigo, pola súa banda, considera "unha absoluta chantaxe" a entrada en preconcurso de acredores de Povisa e reclamou unha "auditoría urxente das contas da empresa e das do grupo familiar dos Silveira, incluída a sicav declarada por membros da mesma". Rubén Pérez, portavoz da formación, considera "indecente" ter que "asistir ao enésimo uso do cadro de persoal como ameaza". "Resulta pouco críble que os recursos públicos deitados polo Sergas nestes anos non foran os suficientes para a xestión das cartillas derivadas", asegura. 

Sinatura o 1 de setembro de 2014 do concerto actualmente vixente entre o Sergas e Povisa Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.