PSdeG e BNG pechan o acordo para gobernar a Deputación da Coruña en coalición

González Formoso (esquerda) e Sanmartín, asinando o acordo CC-BY-NC-SA BNG

Tras o enorme sobresalto de Lugo, acordo e calma na Coruña. A vinte e catro horas da constitución da nova corporación provincial coruñesa todo semella indicar que nada alterará o previsto dende a noite das eleccións municipais, isto é, que o PP teña que ceder o bastón de mando a un novo goberno sustentado pola esquerda. PSdeG e BNG asinaron este mércores o acordo "programático" no que se baseará o goberno de coalición presidido polo socialista Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, e que terá como vicepresidenta e voceira a edil en Santiago e responsable da área municipal do BNG, Goretti Sanmartín.

Os socialistas e o Bloque, con oito e cinco escanos respectivamente, suman tantos escanos como o PP, que tirou 13. No entanto, todo semella indicar que a investidura de González Formoso estará avalada non só polas forzas que sustentarán o goberno, senón tamén pola Marea Atlántica (3 escanos), Compostela Aberta (1) e Alternativa dos Veciños (1). De cumprirse o previsto o novo goberno comezará a traballar, polo tanto, cunha maioría folgada, mesmo un chisco máis que o goberno do PP durante o pasado mandato.

Valentín González Formoso (PSdeG) será o presidente e Goretti Sanmartín (BNG), vicepresidenta e voceira

O futuro presidente, González Formoso, di que o acordo acadado co BNG tenta "superar" o actual modelo das deputacións. "Queremos cambiar a percepción da xente, qeu vexa que as deputacións son útiles", afirma. O pacto, asegura Sanmartín, "vai moi alén de calquera outro acordo asinado anteriormente para as deputacións e supón un firme e decidido paso na construción dunha nova arquitectura institucional para o país" e recolle "tres grandes eixos": "adelgazar as deputacións no camiño da súa desaparición, darlle todo o protagonismo aos concellos e democratización radical do funcionamento da entidade".

Socialistas e Bloque comprométense a estudar en tres meses que competencias poderían transferir á Xunta e aos concellos

Neste escenario, explican, o primeiro reto que abordará o gabinete provincial será a realización dun "estudo de equipamentos e servizos" para valorar cales poden formar parte dun "inmediato proceso de negociación de transferencia de competencias, tanto á Xunta como os municipios, como primeiro paso para materializar ese adelgazamento". Este proceso, din, realizarase "nun prazo de tres meses". 

Fuxir do "presidencialismo" ou "iniciar un proceso democratización e transparencia" son outros dos retos dun equipo que, afirman, traballará como "un goberno único integrado por forzas políticas que teñen diferenzas, pero actúan con responsabilidade". "Poñemos por diante os intereses colectivos", afirma a vindeira vicepresidenta, nun contexto no que González Formoso aposta tamén por que os concellos sexan "partícipes" das decisións que adopte a Deputación, no canto de telo "todo dado" dende o ente provincial.

González Formoso (esquerda) e Sanmartín, asinando o acordo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.