PSOE e PP aproban o orzamento da Deputación de Lugo e o BNG dá por roto o goberno

Candia, Campos e Martínez, este luns ante a prensa CC-BY-SA BNG Lugo

Enésimo sobresalto político e risco de maior bloqueo na Deputación de Lugo. Un ano e dous días despois de que o alcalde de Becerreá polo PSdeG, Manuel Martínez, lle entregase co seu voto a presidencia ao PP e tras apenas oito meses de coalición de goberno entre socialistas e nacionalistas, o bipartito está abocado á ruptura, tal e como vén de confirmar Goretti Sanmartín no nome da Executiva Nacional. O detonante foi o pleno deste luns, no que o goberno que preside Darío Campos sacou adiante os seus orzamentos co voto a prol de PSdeG, PP e do propio Martínez, pero co voto en contra dos dous deputados do Bloque, os ata agora socios do goberno.

Os orzamentos fomulados polo gabinete de Campos chegaron a ser aprobados inicialmente no pleno do pasado 29 de marzo cos votos de PSdeG e BNG porque os PP deu en ausentarse do pleno, no que se interpretou como un xesto para facilitar a aprobación das contas e así aliviar as tensións tanto cos concellos gobernados polos propios populares como coas diversas empresas e entidades da provincia que agardaban que os pagamentos da Deputación puidesen fluír con normalidade. No entanto, no pleno do 19 de maio o PP deu en apoiar unha emenda de Martínez que, ademais de diversas modificacións, incluía a esixencia de "retirada" do orzamento enteiro.

Os orzamentos chegaron a estar aprobados inicialmente, pero o PP votou unha emenda de Martínez que implicaba a súa devolución

Foi así como o goberno da institución se viu abocado a unha nova negociación que, necesariamente, tiña que incluír ao PP -os conservadores teñen 12 escanos, fronte aos 10 do PSdeG, os 2 do BNG e o do agora non adscrito Martínez-. Neste contexto, a pasada semana a voceira popular e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciaba un pacto orzamentario que os nacionalistas apresuraron en aclarar que só atinxía "a Candia e Campos". Non obstante, os socialistas optaron por adiar a celebración do pleno ata este luns co obxectivo, en verbas de Álvaro Santos, de "acadar o consenso" e procurar que as contas acabasen tendo luz verde por "unanimidade".

Campos: "De non chegar ao acordo privaríamos os lucenses de 30 millóns en investimentos"

Nestas condicións, e tras un último adiamento, foi nas que se celebrou o pleno deste luns. O orzamento recibiu os votos favorables do PSdeG, do PP e mais de Martínez. En rolda de prensa conxunta  con Candia e mais co rexedor de Becerreá -cuxa celebración formaba parte do propio acordo-, Campos debullou un documento que cre unha "boa noticia" porque "prima o interese xeral sobre os partidistas". "De non chegar a este acordo, estaríamos privando os lucenses de 30 millóns de investimentos". O pacto, a cuxo contido tivo acceso este diario, inclúe medidas como un plan de obras de case 6 millóns, un plan de emprego, o financiamento da axuda no fogar ou novas normas para o reparto de subvencións, así como a garantía de construción dunha residencia de maiores en Becerreá. Candia, pola súa banda, eloxia a "actitude conciliadora" do presidente, mentres que Martínez aplaude o que considera un día "histórico" para o seu concello e se pon "á disposición" dos seus ex-compañeiros e dos populares.

A Executiva do BNG decide sobre a ruptura

Neste contexto o deputado do BNG Xosé Ferreiro advertiu de que nin el nin o ata agora vicepresidente, Antonio Veiga, ían ser "cómplices" do acordado, se ben advertía de que sería a Executiva Nacional do Bloque a que tivese a última palabra sobre a continuidade dun pacto que semellaba xa rachado."A confianza que ten que haber nun goberno foi rota", sinalou Ferreiro ante a prensa tras a votación. O Bloque, asegura, estivo "disposto a facer borrón e conta nova", pero non a manterse no goberno mentres "goberna a oposición". "Tal e como advertimos, isto ten consecuencias", agrega Veiga. A xuízo da dirección do Bloque, quen "rompeu" o pacto foi o PSdeG xa que, di San Martín, o "ensaio de gran coalición" quebranta o acordo marco entre ambas formacións para as institucións provinciais.

A dirección do BNG coida que o pacto co PP lucense quebranta o acordo marco entre ambas formacións

"Gustaríame seguir contando con eles", retrucou o presidente á advertencia do BNG, ao tempo que subliña que "estivemos negociadno para conseguir que se sumasen". Neste sentido, fontes da institución provincial resaltan que a principal discrepancia dos nacionalistas co pacto residía, tal e como anunciaran Veiga e Ferreiro, na súa negativa a aceptar a reforma do regulamento de funcionamento da institución que defendía o PP. Ese documento non será reformado en, cando menos, o vindeiro ano en virtude dos acordos acadados, segundo as mesmas fontes, o que, din, podería permitir a continuidade do bipartito.

Unha ruptura do pacto non significará, no entanto, que o goberno pase ao PP. O feito de que o actual gabinete fose froito dunha moción de censura fai legalmente imposible que se poida formular outra no que queda de mandato. Deste xeito, os socialistas estarían obrigados a buscar o apoio do resto de grupos para todas as decisións, pero sen posibilidade legal de ser desbancados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.