Que pensan os candidatos a dirixir o PSdeG?

Gómez Besteiro e Manel Vázquez © UUAA/MV

José Ramón Gómez Besteiro e Manel Vázquez afrontan as súas últimas horas da campaña para as primarias consultivas do PSdeG que se celebrarán este vindeiro sábado. Ese día, os e as militantes socialistas votarán nas súas respectivas agrupacións locais entre o actual presidente da Deputación e o alcalde da Illa, e tamén escollerán os e as delegadas que participarán no Congreso no partido o 29 de setembro e que, segundo o anunciado, referendarán a decisión que adopten as bases. Con este cuestionario, os dous aspirantes a liderar o socialismo galego responden a cuestións sobre a súa formación, a estrutura territorial do Estado, o concepto de nación a cuestión catalá, as touradas ou incluso o fútbol. Unha radiografía de dous candidatos.

É posible que o cambio político en Galicia comece nas municipais?

José Ramón Gómez Besteiro (GB): Xa comezou. Este proceso de primarias é o inicio da renovación para un proxecto de esquerdas socialista claramente definido e baseado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade. Somos a única alternativa de goberno capaz de construír un modelo de progreso social e económico distinto ao actual desde o compromiso, a coherencia e a responsabilidade. Creo neste partido, e deste proceso sairá un proxecto forte que será reflexo da forza coa que queremos volver gobernar. A dereita é consciente de que a forza do PSdeG reside nos municipios, que son as instituciónsmáis achegadas á cidadanía, por iso trata de atacar os concellos coas súas políticas. A recuperación do PSdeG pasa sen dúbida polos concellos, pasa polo municipalismo

Manel Vázquez (MV): Non só é posible, senón que será unha realidade.

Besteiro defende "un PSdeG autónomo e sen tutelas" e Vázquez un partido "galeguista, para que os problemas de Galicia se resolvan en Galicia"

Quere un PSdeG máis autónomo. Iso como se fai?

GB: Defendo un PSdeG autónomo, claramente galego e sen tutelas na súa capacidade de decisión, iso si, que comparta un rumbo político común co PSOE. Non se é máis galego ou máis autónomo canto máis en contra se estea das decisións que toman en Madrid, pero debemos defender os nosos intereses.Defendo un PSdeG con cada vez máis peso no proxecto socialista de España, disposto a facer valer as súas opinións en aspectos orgánicos e de goberno, que convirta a nosa singularidade como país nun valor, e capaz de afrontar retos propios con solucións propias. Temos que lograr que os nosos problemas e intereses estean enriba da mesa de Madrid, e tamén de Bruxelas. Iso faise cunha idea firme de país, con autoestima e cun proxecto definido para Galicia e para o PSdeG.

MG: Faise desenvolvendo o proxecto federalista dentro do PSOE, que é un partido federal. Eu quero un PSdeG galeguista, que os problemas de Galicia se resolvan en Galicia,. Somos todas e todos maiores de idade para resolver as nosas cuestións, do mesmo xeito que os outros compañeiros doutras federacións resolven o seus problemas: os madrileños en Madrid, os andaluces en Andalucía, os cataláns en Cataluña...

Besteiro: "Creo que o futuro non pasa polas deputacións"

Que facemos coas deputacións?

GB: Como calquera outra administración, non son boas ou malas por natureza. Dependerá da xestión que se faga nelas, e non permito que se compare a xestión da deputación que eu presido ou outras deputacións socialistas coas lideradas pola dereita. Na de Lugo estamos impulsando os primeirosorzamentos participativos dunha deputación galega e a cuarta de España, ou unha rede pública de residencias e centros de día para maiores. Tamén desenvolvemos unha cooperación intermunicipal que dá resposta ao ataque ao que está a someter a dereita á administración local. Dito isto, temos que empezar a traballar en modelos supramunicipais que garantan a autonomía dos concellos -especialmente os de menos de 20.000 habitantes-, e a prestación de servizos ao cidadán, dos que hai moitos exemplos en Europa. Tamén creo que o futuro non pasa pola deputacións.

MV: No meu proxecto plantexo unha proposta alternativa ao PP en canto á reforma da administración pública. Eu defendo un proxecto de proximidade e cercacanías, por iso defendo os municipios, sen eludir o debate da planta municipal, pero ante o "golpe de estado" que o PP a través do goberno de España quere darlle os municipios para dar máis poder ás deputacións eu plantexo a eliminación das 52 provincias e, xa que logo, das deputacións, en aras da eficiencia e a eficacia dos recursos públicos, ao igual que plantexo un debate sobre a reforma ou eliminación do Senado porque nestes intres non cumpre a función para a que foi creado, que é como cámara de representación territorial.

É Galicia unha nación?

GB: Para min, é o meu país. Os socialistas somos federalistas.

MV: Si.

Cal é a súa postura respecto do referendo que pretende Cataluña?

GB: Creo que o referendo catalán é a constatación dun fracaso. Tanto da dereita de Rajoy, por non ser capaz de crear un marco común que respecte as nacionalidades históricas, como da dereita catalana, por tentar tapar a súa incompetencia a través de xestos.

MV: Eu son partidario dun Estado federal asimétrico para España.

Manel Vázquez: "Galicia é unha nación; son partidario dun Estado federal asimétrico para España"

Vostede non vai estar no Parlamento. Ve a algún membro do grupo poñéndolle voz ao seu proxecto?

GB: Por suposto. Os deputados que temos no Parlamento son os que eliximos os militantes, primeiro nunha lista, e a cidadanía despois para representarnos. Esta semana, o actual voceiro, Abel Losada, puxo o seu cargo a disposición do futuro secretario xeral. Ese xesto de xenerosidade é moi importante cara ao PSdeG, pero tamén cara á cidadanía. Creo que, ao igual que o cargo de voceiro, todos os postos están a disposición da nova dirección.

MV: Ao meu proxecto ponlle voz e poñeralle voz a militancia.

Falará con Pachi Vázquez do seu futuro?

GB: Eu falarei con todas as persoas do partido, e por supostotamén con Pachi.

MV: Con Pachi Vázquez e con todas e todos os compañeiros que conformamos o PSdeG.

Socialista ou socialdemócrata?

GB: Partindo da base de que as discusións terminolóxicas son sempre ambiguas, ningún socialista é contrario á democracia. Por definición, un socialista sempre é un demócrata porque o réxime que mellor expresa os nosos valores de igualdade e liberdade é a democracia. E digo isto porque é importante defender a democracia neste momento. A dereita estase a encargar de dicirnos que a política non vale para nada, que o que hai que potenciar é a economía, por non falar das preocupantes referencias a réximes anteriores. Eu reivindico a Política con maiúsculas e a urxentene cesidade de elevar o nivel do discurso político.

MV: Socialista.

A alternativa en Galicia a día de hoxe non pasa por unha soa formación política? Vese pactando co BNG? E con AGE? E con ambos os dous?

GB: Eu sempre aspiro a que o meu partido sexa a formación que teña o apoio da maioría social para gobernar. Non parto da base de pactar con outros partidos. Dito iso, o que é evidente é que o noso rival é unha dereita insensible que está a atacar todas as bases sociais que construímos entre todos, e que a capacidade de diálogo é un valor na democracia. Un diálogo, por certo, perdido coa dereita de Feijóo, que despreza a oposición e confunde a maioría absoluta co absolutismo e con ter carta branca para tomar decisións sen escoitar a ninguén.

MV: Galicia é un país maioritariamente de esquerdas e eu quero recuperar primeiro a confianza e a ilusión dos e das militantes para recuperar a canle coa cidadanía e, por ende, a súa confianza para dende ese momento construír coa militancia e a cidadanía o proxecto do PSdeG para así construir un partido referente de goberno.

Os dous candidatos coinciden en destacar que o PSdeG está a ser "pioneiro" en novas formas de participación política

O actual estado do PSOE prexudica ou beneficia a recuperación do PSdeG?

GB: Gustaríame ver noutros partidos políticos o esforzo por adaptarse aos novos tempos e as novas formas de participación política que están a facer o PSdeG e o PSOE. Non vexo a Feijóo nin os líderes doutros partidos visitando as súas agrupacións, someténdose á vontade e ao exame directo da súa militancia, debatendo como facemos nós... Estamos sendo pioneiros. En canto á Conferencia Política que o PSOE celebrará en novembro, ningún partido en España está hoxe a facer semellante rearme ideolóxico.

MV: Tanto o PSOE como o PSdeG estamos abordando un proceso de cambios tanto na estrutura como no proxecto político. Este proceso que iniciamos en Galicia fai unha vez máis ao PSdeG precursor, ao recoller a demanda dos e das militantes a participar; e que é unha demanda da cidadía que vai marcar un antes e un despois na política galega e española.

Que opina das touradas?

GB: Respectando as preferencias de cada un, a min nin me gustan nin asisto a elas.

MV: Eu, particularmente, estou en contra.

Deportivo, Celta ou Lugo?

GB: Eu son do Lugo. Dito isto, creo no deporte de base, que é onde se fan as canteiras.

MV: Céltiga.

Como celebraría a súa vitoria nas primarias?

GB: O primeiro, daríalles as grazas a todos e todas as militantes, aos que me votaron e aos que non, por dar exemplo e participar neste novidoso proceso de elección do secretario xeral, que é un camiño a seguir para o resto de partidos. Pero as primarias son un medio, non un fin. A cuestión de fondo é Galicia.

MV: Con máis traballo para dar resposta a confianza que depositaron en mín os meus compañeiros e compañeiras.

 

Besteiro, durante unha entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública
Manel Vázquez © MV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.