Receita sanitaria electrónica: o atranco que só atinxe a Madrid utilizado como ariete contra as autonomías

Consulta de atención primaria nun centro sanitario galego © Xunta

Se vostede acode a unha farmacia asturiana, castelá, vasca, catalá, andaluza ou valenciana á procura dun medicamento que lle receitaron no seu ambulatorio do Servizo Galego de Saúde, a persoa que estea da outra beira do mostrador dispensarallo sen máis atrancos que pasar a súa tarxeta sanitaria por un lector e consultar no seu ordenador de que fármaco se trata. O mesmo sucederá en Aragón, Balears, Canarias, Cantabria, Extremadura, Murcia, Navarra ou La Rioja. En todas as comunidades autónomas agás en Madrid.

O pasado xuño, pouco despois da moción de censura que desbancou o Goberno de Mariano Rajoy, o Congreso dos Deputados debateu unha proposición que Ciudadanos rexistrara en 2016 co obxectivo de que "calquera cidadán poida ser atendido e reciba os seus medicamentos en calquera punto de España". Segundo o partido de Albert Rivera, o xeito de lograr esta finalidade era implantar unha "tarxeta sanitaria única" que reemprazase as emitidadas polas comunidades autónomas en virtude das súas competencias sanitarias -no caso galego, transferidas hai un cuarto de século-. O propio Rivera afirmaba o pasado 8 de outubro nun almorzo informativo que "cando te desprazas de comunidade" é "complicado sacar unha receita". 

Dende que en xuño de 2018 Andalucía e Balears se incorporaron ao sistema de interoperabilidade só Madrid mantén uns atrancos que tamén se dan en Ceuta e Melilla, onde as competencias sanitarias son do Estado

Cando esta iniciativa foi debatida -alén de C's tamén recibiu os votos a prol do PP, pero foi rexeitada- o certo é que o presentado polo partido laranxa e algúns medios como un problema xeral era só un atranco madrileño. Porque xustamente en xuño de 2018 se incorporaron plenamente ao sistema de interoperabilidade da receita electrónica os servizos sanitarios de Andalucía e Balears como emisores e receptores, isto é, tanto para expediren receitas de fármacos que poden ser dispensados noutras autonomías como para proporcionar medicación receitada noutros territorios. No caso galego a tarxeta está adaptada dende 2014 e o sistema funciona en ambas direccións dende marzo de 2017; outros gobernos autónomos fixeran o propio dende mediados de 2015, tal e como consta nas bases de datos do Ministerio de Sanidade.

Comunidades autónomas certificadas en interoperabilidade da receita electrónica con data de agosto de 2018 / Ministerio de Sanidade

Así, mentres en 16 comunidades xa é posible tramitar receitas sanitarias electrónicas con normalidade, a Comunidad de Madrid é a que acumula un maior atraso. Así o acreditaba o pasado verán o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, que subliñaban ademais que faltaban por incorporarse ao sistema as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, onde as competencias sanitarias dependen do Estado a través do organismo INGESA, que substituíu o antigo INSALUD tras os traspasos autonómicos. 

En Madrid a interoperabilidade da receita sanitaria electrónica está aínda en probas

En Madrid, segundo o Ministerio, o "desenvolvemento" da interoperabilidade das tarxetas sanitarias para dispensar fármacos comezou en febreiro de 2016 e o sistema está en fase de probas dende novembro de 2016. O pasado setembro a Consellería de Sanidade do goberno madrileño indicou que xa estaban a probar esta tecnoloxía nalgúns centros de saúde e hospitais, segundo recolleu Redacción Médica.

Mentres a implantación non sexa completa seguirán acontecendo feitos como os detallados por Pablo L. Orosa na Revista Luzes: residentes en Madrid que proceden de calquera outro punto do Estado vense obrigados a viaxaren a provincias lindeiras para recolleren medicamentos nas súas farmacias se non dispoñen dunha receita en papel. No que atinxe á interoperabilidade das historias clínicas, regulada por decreto dende 2010, informes do Ministerio indicaban no outono de 2017 que a consulta entre autonomías xa beneficiaba daquela ao 77, 88% da poboación.

Antigo modelo da tarxeta sanitaria galega (esquerda) e modelo actual, adaptado á interoperabilidade Dominio Público Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.