Renfe e Adif botan balóns fóra e defenden a seguridade do tren accidentado

Restos do tren accidentado CC-BY contandoestrelas

As agardadas comparecencias dos presidentes de Renfe, Julio Gómez-Pomar, e Adif, Gonzalo Ferre, no Congreso deixan un pouso moi escaso e nulas explicacións sobre as causas do accidente. A maior parte dos grupos da oposición criticaron a reducción do relato a un "despiste" do condutor e reclamaron dos comparecentes maior profundidade á hora de deitar luz sobre as incógnitas que aínda existen. Porén, as súas exposicións deixaron, sobre todo, cifras e informacións coñecidas e un constante ton autoexculpatorio.

PP e PSOE descartan responsabilidades políticas no accidente de Santiago, mentres que a Esquerda Plural, BNG e PNV esixen que sexa unha Comisión no Congreso quen investigue a traxedia

Rafael Simancas, portavoz do PSOE na comisión, tentou combinar a crítica suave con algúns reproches ao Goberno do PP sobre os fallos detectados na seguridade do tren accidentado e a petición de que se traballe para que no futuro non se volvan a repetir. "Había unha marxe de erro nos sistemas de seguridade e a traxedia entrou por esa marxe", dixo. Con todo, o socialista non lle esixiu responsabilidades políticas ao Goberno do PP polos erros que se puideren cometer e deixouno nun "hai que agardar" á investigación interna que se está realizando. Simancas repartiu o tempo con Laura Seara, á que deixou facer as criticas máis duras polos fallos de coordinación que se detectaron tras o accidente e a tardanza en comparecer dos responsables de Fomento. Seara recriminoulle aos presidentes de ADIF e de RENFE que se tivera instalado unha especie de presa nerviosa para poñer terra de por medio co accidente e as súas causas “cando aínda se estaban buscando vítimas”. A Esquerda Plural, BNG e PNV esixen que sexa unha Comisión no Congreso quen investigue a traxedia, unha esixencia á que sumou Laura Seara.

O presidente de Adif sinalou que todo o tramo Ourense-Santiago estaba inicialmente planificado para ser executado na súa totalidade en ancho internacional, o correspondente ás vías AVE, e para contar co Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario (ERTMS), pero en xuño de 2010 decidiuse cambiar o proxecto, unha decisión dos anteriores responsables do Ministerio de Fomento. Este proxecto inicial contemplaba, segundo Ferre, a instalación de senllos intercambiadores de vía, para que os trens puidesen pasar de ancho AVE ao convencional, nas entradas ás estacións de Santiago e Ourense. No entanto, esta planificación variouse ao considerar "os entón responsables de Adif" (en referencia ao goberno socialista) que o paso de trens polos intercambiadores de ancho de vía "impedían vantaxes de servizo" en tempo de viaxe. "Iso tamén afectou o sistema de sinalización, o que supuxo cambiar a implantación do ERTMS polo ASFA” na última parte do trazado da liña.

O presidente de Adif sinalou que todo o tramo Ourense-Santiago estaba inicialmente planificado para ser executado na súa totalidade en ancho internacional, pero en xuño de 2010 decidiuse cambiar o proxecto, unha decisión dos anteriores responsables de Fomento

O presidente de Adif tamén xustificou a decisión polo obxectivo de "facer compatible" ese sistema co das outras vías que chegan a Composela, dende A Coruña e dende Vigo, que empregan o ASFA. Sinalou, ademais, que "non se pode considerar que este fora un accidente de alta velocidade" pois a alta velocidade consta de tres elementos: vía, trens e seguridade, que non operan neste treito. "Entre Santiago e Ourense non hai alta velocidade", concluíu.

En xeral, un e outro sinalaron que non existían elementos estruturais, nin na vía nin no sistema de seguridade nin nos trens, que fixesen perigoso este treito: "os sistemas de seguridade eran os axeitados para a velocidade recomendada", sinalaron. O presidente de Adif afirmou que o trazado para a nova liña de AVE, decidido no ano 2000 na administración Aznar, contemplaba tres alternativas e todas elas incluían a curva de Angrois, e engadiu: "das 300 alegacións recibidas ao trazado durante o periodo de exposición pública ningunha fixo referencia á curva en cuestión". Tamén defendeu a seguridade dos trens híbridos e do sistema ASFA e da da transición entre os dous sistemas: "o cambio, coa limitación aos 80 quilómetros á hora existente antes da curva, prodúcese durante catro quilómetros, abondo para levar a cabo la transición".

O presidente de Adif defendeu a seguridade dos trens híbridos e do sistema ASFA e da da transición entre os dous sistemas

Tamén descargaron en varias ocasións a responsabilidade das decisións adoptadas nos técnicos e expertos que traballan para Renfe, Adif e o propio Ministerio de Fomento. Gómez-Pomar destacou por exemplo que tras os sistemas de seguridade hai "un conxunto nutrido de enxeñeiros e profesionais que toman moi en serio a seguridade".

 

Críticas dos grupos da oposición

Despois de dúas horas e media de exposicións técnicas por parte dos dous xestores, chegou a parte máis interesante da sesión, coa intervención dos diferentes grupos parlamentarios. Moitos deles criticaron de entrada as explicacións ofrecidas polos comparecentes. Pere Macías (CiU) afrmou que "non convocamos unha comisión para isto", Carlos Martínez (UPyD) laiouse que "do accidente é do que menos falaron vostedes. A cuestión é por que se produciu. Entendo que no entren en cuestións políticas pero hai unha serie de preguntas que non só non aclaran, senón que escurecen" e Laura Seara (PSOE) sinalou que esperaba dos presidentes de Renfe e Adif  "algo máis ca unha actuación notarial". "A frialdade pode chegar a molestar", engadiu. Gaspar Llamazares (IU) lamentou que as intervencións dos responsables de Renfe e Adif foran moi "casuísticas" pero moi pouco "causais". E denunciou que "se o factor humano é o determinante nun accidente de Alta Velocidade, ou velocidade alta, non temos nada que facer". 

Rosana Pérez: "por que non se está poñendo de relevo que hai outras responsabilidades máis aló do exceso de velocidade e da actuación do maquinista. Cren vostedes que os recortes orzamentarios son cuestións que inciden á hora de que se produzan accidentes?"

A deputada do BNG, Rosana Pérez, criticou a "insistencia e a présa que dende o primeiro momento se tivo para sinalar un único responsable e unha única causa" e centrou as súas preguntas nas razón polas que a liña "non contaba co sistema más avanzado de seguridad (ERTMS) en todos os quilómetros do traxecto". "Como temos que considerar que no estea operativo o ERTMS? Como unha temeridade? Nós considerámolo unha falta de prevención", dixo. Rosana Pérez tamén preguntou "por que non se está poñendo de relevo que hai outras responsabilidades máis aló do exceso de velocidade e da actuación do maquinista. Cren vostedes que os recortes orzamentarios son cuestións que inciden á hora de que se produzan accidentes?".

"Houbo moitas presas por inaugurar ese tramo e dicir que Galicia contaba con Alta Velocidade, as mesmas que houbo para dicir o día do accidente que non era un tramo de Alta Velocidade"

Ademais, denunciou a insistencia dos goberno galego e central en publicitar esta liña como de "alta velocidade", pero que en realidade no o é: "houbo moitas presas por inaugurar ese tramo e dicir que Galicia contaba con Alta Velocidade, as mesmas que houbo para dicir o día do accidente que non era un tramo de Alta Velocidade", dixo. De igual xeito, Ascensión de las Heras, de Esquerda Plural, denunciou que o goberno e os medios "lanzáronse a acusar o maquinista" e acusou a José Blanco, a Núñez Feijóo e aos presidentes de Renfe e Adif de "afanarse en dicir que era Alta Velocidade" cuando, en tal caso, sería "velocidade alta".

Pola súa banda, a través dun comunicado, AGE cualificou de "insultantes" as comparecencias dos máximos responsables de Adif e Renfe. "Xa non só se pretende responsabilizar en exclusiva ao maquinista senón que mesmo se extende a culpabilidade á cidadania por non ter alegado a un proxecto que foi modificado despois da exposición ao público", din. Alternativa denuncia que "os máximos responsables de ADIF e Renfe silencian a realidade dos feitos : primeiro, o accidente poido e debeu ter sido evitado; segundo, non se instalaron as axeitadas medidas de seguridade e sinalización; terceiro, o proxecto foi modificado para aforrar custos".

Despois de cinco horas a Comisión pechouse con moi poucas respostas ás preguntas que estaban enriba da mesa. Este venres asistiremos a unha caste de segundo tempo, coa comparecencia da Ministra de Fomento, Ana Pastor.

O presidente de Renfe, Luis Gómez-Pomar, durante a súa comparecencia © Congreso
Gonzalo Ferre, presidente de Adif, durante a súa comparecencia © Congreso
Rosana Pérez (BNG) na comisión de Fomento © Congreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.