Rueda emenda a versión inicial de Feijóo sobre Dorado: "non consta a destrución" de documentos

Rueda, ao carón de Feijóo nun intre do pleno © Ana Varela

A treboada política que estourou tras a publicación no diario El País das fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado pasou por diversos capítulos. Un deles foi a reclamación por parte da oposición dos contratos e achegas económicas que as empresas do narco puidesen ter recibido do Goberno galego. E este capítulo pasou, á súa vez, por varias xustificacións: inicialmente o presidente admitiu a existencia de contratos pero dixo non amosalos porque a oposición non lle "deixaba". Ao día seguinte, o propio Executivo fixo pública unha relación de pagamentos ás empresas de Dorado e, dúas semanas despois, Feijóo mantiña que os contratos xa non existían, porque na Xunta "non hai nada" arquivado anterior a 2003. O xefe do Goberno tivo que emendar a súa afirmación días despois e este mércores o vicepresidente, Alfonso Rueda, tentou contribuír a esa emenda.

O affaire Dorado regresou ao debate parlamentario da man do PSdeG que a través do seu voceiro, Abel Losada, cuestionaba o Goberno sobre, precisamente, os criterios que segue para a "destrución" de documentos. Nun contundente discurso Losada encadrou a explicación sobre a presunta destrución de papeis nas "mentiras" que, ao seu xuízo, caracterizaron a actuación presidencial no asunto das súas "amizades perigosas". "Que consellería permitiu a destrución da información?", cuestionou despois de, entre protestas dos deputados do PP, explicar "o que significa" o "aí, aí" que empregou o seu xefe de filas, Pachi Vázquez, para se referir á suposta relación dos conservadores cos narcotraficantes."

Feijóo asegurou inicialmente que nos arquivos da Xunta "non hai nada" anterior a 2003

"Se o señor Feijóo permitiu que un narcotraficante se achegase a el para ter lexitimidade social, mal feito" e "o 'aí, aí' significa iso", di, e tamén "significa Nené Barral -ex alcalde de Ribadumia polo PP, implicado en casos de contrabando-". O mesmo, di, significou no seu momento "cando o señor [Gerardo Fernández] Albor se foi entrevistar cos narcotraficantes a Viana do Castelo para que puidesen volver a Galicia". As acusacións do socialista soliviantaron a bancada popular e tamén ao propio Rueda, que saíu en tromba cun ton non menos duro que o de Losada.

Rueda proclama que o Goberno se mantén "orgulloso do presidente da Xunta e do seu labor"

O PSdeG, acusa Rueda, tenta "estirar un chicle", elaborar "unha película" para seguir a falar de Marcial Dorado. Pero "non hai película". "Non consta destrución ningunha de documentación, ningunha resolución que autorice a eliminación de expedientes" e "non debe confundirse o criterio xeral do tempo máximo de permanencia" dos expedientes na Administración "coa destrución material de documentos", isto é, precisamente, o que fixo Feijóo no Paralmento. Segundo Rueda isto "ninguén o afirmou en ningún momento".

Neste contexto o vicepresidente anuncia a inminente aprobación dunha lei de arquivos e Losada advírteo de que, "gústelles ou non", a oposición vai "seguir falando deste tema". "Estamos absolutamente lexitimados para estirar o chicle o que queiramos, só faltaría", afirma, antes de reclamar que, "se existe esa documentación" lle sexa "proporcionada" ao seu grupo, como reclamou. "Os papeis e os libros arden mal", parafraseou Losada a Manuel Rivas para culminar a súa intervención. "Se di que os papeis arden mal será porque vostedes os queimaban, vostedes saberán", retrucou Rueda, quen afirma que o seu Goberno seguirá "contando a verdade" e "estando orgullosos do presidente da Xunta e do seu labor".

Rueda, ao carón de Feijóo nun intre do pleno © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.