Sánchez Mato: "Hai moitos ministros do PSOE que están comodísimos cos orzamentos do PP"

Carlos Sánchez Mato participou na mesa sobre 'Retos do Municipalismo' © Esquerda Unida

A Coruña acolleu este venres e sábado a Escola Municipalista de Outono, un conxunto de debates e obradoiros de formación organizados pola Asociación M. O encontro, no que participaron activistas de toda Galicia, pechouse cunha mesa redonda sobre os retos que as candidaturas municipalistas e os gobernos municipais deben abordar nos vindeiros anos. Nela participou Carlos Sánchez Mato, concelleiro en Madrid, ademais de Antón Sánchez (vicevoceiro de En Marea no Parlamento galego), Saínza Ruíz (concelleira de Mocidade, Benestar, Igualdade e Muller en Ferrol) e Estefanía Calo (socióloga e doutora experta en vivenda e profesora da UDC).

Sánchez Mato foi concelleiro de Economía e Facenda no Goberno municipal de Madrid entre 2015 e 2017. Madrid presentaba a maior débeda de todas as cidades do Estado, uns números vermellos que foron recortados en 2.000 millóns de euros nos dous anos de xestión de Sánchez Mato. En decembro de 2017, a alcaldesa Manuela Carmena cesouno pola negativa do concelleiro a aprobar o novo Plan Económico Financeiro que o Concello de Madrid elaborara para cumprir coas esixencias do Ministerio de Facenda. Responsable de Políticas Económicas de Izquierda Unida, Sánchez Mato formou parte do grupo de Unidos Podemos que negociou co Goberno de Pedro Sánchez o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019. Falamos con el.

"Non podemos presentarnos ás eleccións simplemente para xestionar de forma un pouco diferente. É un tema de vontade política, de querer facer"

Cal é a capacidade real do Goberno municipal dunha cidade para introducir cambios nas políticas económicas? Cales son os límites?

No ano 2015 viuse que as forzas á esquerda do PSOE tiñamos a capacidade de chegar a gobernar cidades moi importantes. Os límites neste anos estiveron sobre todo na capacidade que tivo a dereita de articular determinados instrumentos legais para impedir que os cambios nos gobernos municipais puidesen levar a cabo determinadas actuacións. Era un reto e a parte positiva é que mesmo habendo eses límites houbo e hai capacidade para facer moitas cousas. O que está claro é que o que non podemos facer é presentarnos ás eleccións simplemente para xestionar de forma un pouco diferente. É un tema de vontade política, de querer facer.

"O PSOE non quería que se aprobasen estes orzamentos e está poñendo todo tipo de límites. Fáltalle audacia e non quere ir máis aló da aprobación de determinadas medidas vía real decreto"

Participaches das negociacións do proxecto de Orzamentos co PSOE, que agora semella que pode quedar frustrado. Como foron estas negociacións?

Ningunha sorpresa en canto á actitude do PSOE. O PSOE non quería que se aprobasen estes presupostos e está poñendo todo tipo de límites. Fáltalle audacia e non quere ir máis aló da aprobación de determinadas medidas vía real decreto. Agora estamos tentando empurralo a levar o proxecto de orzamentos ao Congreso para abrir negociacións cos forzas políticas que queren aprobar os presupostos pero que tampouco llo queren poñer doado ao PSOE. Hai capacidade para abordar modificacións orzamentarias de magnitude importante e non só cambios limitados vía real-decreto. Se chegamos a un acordo é para algo.

Está o PSOE máis aberto, aínda que sexa pola presión electoral de Unidos Podemos e outras forzas, a aprobar medidas económicas que antes non contemplaba?

O PSOE ten demostrado nestes poucos meses de Goberno que se nega a abordar determinados temas. O propio proxecto de presupostos xerais é realmente moi limitando en canto a melloras, porque aínda que supera en 5.230 millóns o anterior teito de gasto, é inferior en 4.000 millóns ao orzamento de 2015. Pero de ningunha maneira podemos tirar cohetes e pensar que isto é algo revolucionario. Non o é. Son apenas primeiros pasos, primeiras medidas para orientar o barco na dirección correcta.

Carlos Sánchez Mato | Patricia J. Garcinuño / Eldiario.es

"Non votamos a moción de censura só para que cambiase o inquilino do Palacio da Moncloa, votamos para que houbese un cambio real de políticas, sobre todo as que afectan ás condicións de vida das persoas"

Pódese gobernar un país e aplicar unha política orzamentaria a base de decretos-lei, como suxire Pedro Sánchez? Estamos abocados a un adianto electoral?

Dende Unidos Podemos non nos conformamos con modificacións menores. Chegamos a un acordo orzamentario amplo e imos esixir que se cumpra. Pero o PSOE non quere ir máis aló de modificacións limitadas. E, de feito, hai un gran número de ministros e ministras que están comodísimos e comodísimas cos presupostos do PP, comezando pola titular de Economía e polo propio Pedro Sánchez.

A esquerda debe poñer o foco a loita contra a desigualdade e esixir un reparto diferente da riqueza? Debe ser esa a clave no ciclo electoral que agora comeza?

As condición materiais de vida da xente son a clave para saber se hai un cambio ou non. Nós non votamos a moción de censura só para que cambiase o inquilino do Palacio da Moncloa, votamos para que houbese un cambio real de políticas, sobre todo as que afectan ás condicións de vida das persoas.

"As candidaturas que triunfaron nas cidades fixérono porque houbo un gran traballo programático e porque conseguiron incorporar a xente de procedencias diversas, non por levar caras coñecidas"

Que valoración fas do sucedido nos últimos días en Podemos Madrid e os conflitos existentes no seo de Ahora Madrid? Pode prexudicar as opcións de que a candidatura manteña o goberno na cidade?

Parece que hai quen quere evitar que se repitan fórmulas que se demostraron exitosas. Fórmulas que foron exitosas porque foron moitísimo máis aló de levar caras coñecidas, porque non eran coñecidas nese momento. As candidaturas que triunfaron nas cidades fixérono porque houbo un gran traballo programático e porque conseguiron incorporar a xente de procedencias diversas. E isto debería repetirse e potenciarse se se queren conseguir novos éxitos. Se o que se quere é utilizar fórmulas do pasado, volveremos aos resultados do pasado. Creo que non se está indo polo camiño adecuado.

Antón Sánchez, Saínza Ruíz, Carlos Sánchez Mato e Estefanía Calo | EU

Carlos Sánchez Mato participou na mesa sobre 'Retos do Municipalismo' © Asociación M

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.