Sanidade recupera o orzamento de 2009 mentres o ensino segue por baixo

Consello da Xunta no que foron aprobados os Orzamentos, que agora inician trámite parlamentario © Xunta

O Goberno de Alberto Núñez Feijóo vén de presentar os seus novenos Orzamentos Xerais cunha previsión de gasto de 9.487 millóns de euros, o máximo legalmente permitido, que traen consigo algunhas novidades relevantes nas súas principais magnitudes mentres seguen a deixar pendentes algunhas das materias máis sensibles. Unha primeira ollada a estas contas revela que, nove anos despois, en 2018 a sanidade pública galega vai recuperar a dotación orzamentaria que tiña cando o PP retornou ao poder. Mentres, o financiamento da educación segue lixeiramente por baixo.

Cun montante total -gastos financeiros incluídos- de algo máis de 10.400 millóns de euros, o proxecto orzamentario que este venres entregou ao Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, incrementa a práctica totalidade das partidas con relación ao ano 2017, pero non sucede o mesmo se a comparación se realiza co 2009. Así, en termos interanuais a partida que máis medra é a de turismo, con 55 millóns de euros que supoñen un incremento próximo ao 30%, seguido da promoción empresarial, cun 22% máis que en 2017, e as infraestruturas, cunha suba do 20%.

Con relación ás contas aprobadas para este ano só retroceden seis partidas. Con descensos que comezan nun reducido 0,17% na área de accións de medio rural e continúan cun 2% menos para protección civil, un 3% menos para actividades económicas e un recorte de case o 8% en dinamización rural. O orzamento da área de industria retrocede, pola súa banda, case un 20%.

A partida da débeda cae un 30% interanual tras medrar máis do 200% nos últimos nove anos

A partida orzamentaria que máis se reduce entre 2017 e 2018 é, paradoxalmente, a segunda que máis medrou con relación ao ano 2009, a débeda pública. As previsións orzamentarias do Goberno prevén atender o endebedamento en 2018 con algo máis de 1.200 millóns de euros, o que supón un 32% menos que en 2017, pero un 210% máis que cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia.

As áreas sociais

No que atinxe ás áreas do orzamento comunmente coñecidas como gasto social a Sanidade está por primeira vez dende 2010 un chisco por riba dos fondos destinados por PSdeG e BNG nas súas últimas contas públicas. Serán en 2018 algo máis de 3.660 millóns de euros, un 3,3% máis que hai nove anos e un 7,4% máis do previsto para este 2017. O resto de áreas sociais tamén medran a respecto do ano anterior e, con relación ao ano 2009, a que maior avance experimenta é a de acción e promoción social, da que saen prestacións como as da dependencia ou a Renda de Inclusión Social, cuxa demanda e persoas perceptoras experimentaron un forte incremento nos últimos anos. Así, esta función do orzamento estará dotada en 2018 con 725 millóns de euros, case un 30% máis que en 2009 e un 9% por riba de 2017.

O orzamento educativo medra un 3,22% a respecto de 2017, pero segue un 5% por baixo das últimas contas do bipartito

Educación, pola súa banda, tamén ter máis orzamentos que en 2017, concretamente un 3,22% máis que sitúa a partida nos 2.280 millóns de euros. Isto implica, daquela, que a achega da Xunta ao ensino segue a ser un 5% menor que en 2009.

A diferenza do orzamento educativo con relación a 2009 é, así e todo, moito menor ás partidas que máis se resentiron nestes anos. Así, das directamente dependentes da Xunta a normalización lingüística segue a ser a peor parada, con case un 65% menos de orzamento que en 2009 malia a gañar en 2018 case un 12%, ata os 7,6 millóns. Entre o 50% e o 60% móvense tamén os recortes acumulados en ordenación do territorio, cooperación ao desenvolvemento, actuacións ambientais, cultura ou comercio. 

Normalización lingüística segue a ser a área de xestión directa da Xunta con maior caída porcentual do seu orzamento dende 2009

No que atinxe á distribución do orzamento por consellerías o incremento do orzamento dáse en todas, aínda que con diferente intensidade. Neste contexto, a que máis incrementa a súa dotación é a Consellería de Infraestruturas, por riba do 11%, e a que menos, Facenda, co 1,5%. No caso de Educación, a segunda que menos sobe -2%- o importe da súa dotación orzamentaria non é comparable, mecanicamente, coa de anos anteriores, xa que parte do orzamento dos autobuses escolares, uns 15 millóns de euros, pasa a estar incluído na devandita Consellería de Infraestruturas como consecuencia do novo plan de transporte.

O conselleiro de Facenda entrega os Orzamentos de 2018 ao presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.