Saúdos fascistas e sorrisos conxelados: retratos de Galicia tras o golpe franquista

Saída dun funeral por Calvo Sotelo na colexiata de Vigo © BNE

En 1988 a xefa do servizo de Debuxos e Gravados da Biblioteca Nacional de España, Isabel Ortega, e mais o especialista en arquivos fotográficos Gerardo Kurtz comezaron un traballo inxente. Documentar e organizar os milleiros de fotografías que arquiva esta institución. Arredor de 44.000 destas imaxes están vinculadas ao golpe de Estado de 1936 e á posterior Guerra Civil. Estas imaxes permanecían custodiadas dende mediados dos anos 60 na chamada Sección de Estudios sobre la guerra de España, un departamento creado por orde de Manuel Fraga con fins propagandísticos. Concretamente, para tentar contrarrestar a difusión do libro The Spanish Republic and the Civil War, do historiador Gabriel Jackson.

Propagandística é, precisamente, a intención de gran parte destas fotografías, das que arredor de 11.000 veñen de ser dixitalizadas e incorporadas á consulta en liña a través da Biblioteca Dixital Hispánica. Varios centos delas foron tomadas en Galicia e amosan un territorio no que a guerra apenas foi tal e que en escasas semanas transitou da II República á brutal represión que se saldaría cuns 4.000 asasinatos, segundo os datos do proxecto de investigación Nomes e Voces.

A BNE vén de dixitalizar e publicar en internet arredor de 11.000 fotografías dos anos posteriores ao golpe de 1936, varios centos tomadas en Galicia

A propia BNE resalta que, malia seren concibidas como "arma propagandística", estas fotografías son agora unha "fonte inestimable de consulta" para abordar o acontecido naqueles anos como verdadeiras pezas de fotoxornalismo, algunhas delas tomadas polos mesmos profesionais que meses antes retrataran, por exemplo, a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía galego. No caso galego as imaxes conservadas non amosan frontes bélicas ou imaxes de batallas. Si abondan as paradas militares, as despedidas a soldados que ían combater á fronte e eventos relixiosos para homenaxear os golpistas; xunto a eles, as primeiras visitas de Franco como 'caudillo' -entre elas, a que realizou para solemnizar a incautación do Pazo de Meirás- e desacougantes escenas de veciñanza de vilas e cidades realizando o saúdo fascista entre militares, policías e falanxistas. Estas son algunhas delas

Parada militar na Praza do Obradoiro o 25 de xullo de 1937 / CC BY-NC-SA BNE

Veciñanza de Sobrado dos Monxes durante unha visita de Franco en 1938 / CC BY-SA-NC BNE

Homenaxe dos golpistas en lembranza de Calvo Sotelo en Ourense en 1938 / CC BY-SA-NC BNE

Desfile militar no centro de Vigo en 1936 / CC BY-SA-NC BNE

Acto propagandístico organizado polos golpistas no estadio vigués de Balaídos en 1936 / CC BY-SA-NC BNE

Despedida a soldados do cuartel de San Fernando de Lugo en agosto de 1936 CC BY-SA-NC BNE

Falanxistas desfilando na Praza de María Pita da Coruña en 1939 / CC BY-SA-NC BNE

A praza de Praterías de Santiago durante unha visita de Franco en decembro de 1938, viaxe na que solemnizou a incautación do Pazo de Meirás / CC BY-SA-NC BNE

Asistentes a un partido de fútbol a beneficio do exército golpista na praza de touros da Coruña en 1938 entre militares da cidade e do cruceiro alemán Köln / CC BY-SA-NC BNE

Desfile militar en Ourense © BNE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.