Touriño: "Sentimos que non estaba en risco o Goberno, infravaloramos o PP e os seus aliados"

Emilio Pérez Touriño, nun intre da entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948) fala con ricto tranquilo. No seu despacho destaca a presenza dunha figura de Castelao e, moi preto, dunha pequena fotografía da súa toma de posesión como presidente da Xunta. Dez anos despois das eleccións nas que PSdeG e BNG lograron desbancar o PP de Manuel Fraga o ex xefe do Goberno galego explícase sen a tensión que marcou o final do mandato daquel Executivo e coa liberdade de quen leva tempo afastado da primeira trincheira do fogo político. Touriño lembra a "ilusión" de 2005 e tamén admite os erros do seu propio partido na "brutal" campaña de 2009. Con calma, pero tamén con vehemencia, explica que nestes anos botou en falta que a propia esquerda puxese o acento nas "potentísimas" políticas desenvolvidas polo bipartito e a súa capacidade para ser "alternativa" de Goberno. Ese, asegura, foi o primeiro e gran triunfo de Feijóo.

Naquela campaña electoral produciuse un forte movemento de ilusión polo cambio político. Como a lembra?
Sentíase unha necesidade e un impulso de cambio no país tras moitos anos de fraguismo e despois dunha última lexislatura practicamente perdida. Daquela as enquisas indicaban que máis do 60% da cidadanía non vía futuro de Galicia con Fraga e preto do 67% pensaba que a alternativa era un goberno entre o PSdeG e o BNG. Estaba instalado no horizonte que necesariamente se ía producir un cambio e que a alternativa era viable, posible e necesaria. Foi unha campaña moi ilusionada, porque viamos que nos ía corresponder o liderado dun cambio histórico. Era a derrota do gran Fraga, un feito histórico, porque chegou un momento no que autonomía, Galicia e Fraga eran o mesmo, o país era Fraga e todo era Fraga. Sabíamos da viabilidade do cambio, pero a gran incerteza era a de derrotar o 'pai Fraga', e non hai que esquecer que ata 2005 o PP estaba instalado en torno ao 52% do voto, cunhas maiorías absolutas moi folgadas. Por iso a campaña estivo cargada de ilusión e ganas, pero tamén de incerteza.

Esa incerteza durou uns días máis, con aquel reconto do voto emigrante...
Para min aquela tensión foi máis mediática que real, máis de escena. Eu non tiven dúbida ningunha. O PP inchou aquel globo, pero tiñamos a idea clara de que o resultado de Galicia non o ía alterar o voto da emigración. Eu fixera un traballo de dedicación moi forte á Galicia exterior; como secretario xeral fora moito a Arxentina e Uruguai e tamén sabía que en círculos amplos da emigración se sentía a necesidade de cambio.

Houbo sectores do mundo da cultura e de diferentes ámbitos sociais que se posicionaron abertamente a prol do cambio. Como se relacionou o novo goberno con aquela base social que impulsara o cambio?
Prodúcese o cambio, chega un goberno de esquerdas, pero hai unha realidade que eu nunca esquecín: gañamos a gobernación alternativa por un deputado e 110.000 votos. E o PP non baixa do 45%. Isto pon de relevo a extraordinaria implantación que historicamente tivo, e non sei se dicir que ten, o PP. O feito deslumbrante do cambio non debe facer esquecer que houbo un 45% de galegos, nada máis e nada menos, que mesmo nesa ocasión apostaron pola continuidade de Manuel Fraga e do PP.

"O feito deslumbrante do cambio non debe facer esquecer que houbo un 45% de galegos que mesmo nesa ocasión apostaron polo PP"

Non lle quero restar impostancia á mobilización de Nunca Máis, aos movementos sociais e culturais e á aposta polo cambio. Pero cando todo o mundo agardaba que, na medida en que o BNG estaba moi inscrustado neses movementos e tiña unha forza orgánica moito máis vinculada a eles que o Partido Socialista,  iso redundase nun éxito político para o BNG, este non obtén un bo resultado nas municipais e ten un pésimo resultado nas eleccións de 2005. Nisto da política a tradución en termos electorais é moi complicado.

O que se adoita dicir, perder gañando e gañar perdendo...
O BNG foi perdendo peso e apoio malia a esa mobilización na rúa que, aparentemente, ten moita relación co nacionalismo militante de esquerdas. Despois, durante a etapa do goberno, hai un certo grao de contradición coa mobilización dese tipo de sectores que claramente tiñan unha expectativa maior do que ía ser capaz de facer o goberno que presidín. Aí o goberno perde un pouco de pé entre dúas posicións: r por unha parte a súa base social pídelle máis e por outra, o PP e os medios máis favorables e hexemónicos en Galicia fan unha oposición moi dura. Aí o Goberno pásao regular, lévao con certo grao de dificultade. E probablemente iso teña que ver co resultado de 2009, cando por un deputado se perde a maioría, polo mesmo deputado polo que se gañara.

Nese momento no que o Goberno perde pé, perde sintonía, chegaron a infravalorar a capacidade do PP e deses poderes fácticos fronte a unha Xunta que pendía dun só deputado?
Probablemente si. Obxectivamente, é probable que estivésemos instalados en que existía un goberno de cambio que gañara as eleccións. E non se dubidaba da continuidade dese goberno. A proba máis notoria é que practicamente todas as enquisas ata tres días antes do resultado electoral daban a continuidade do goberno. Non é estraño que existise a sensación de que non estaba en risco o Goberno de progreso, nunca se cuestionou. Minusvalorouse a capacidade de acción do PP, das súas organizacións, da súa implantación e dos seus aliados mediáticos e empresariais, que foron moi notorios na campaña de 2009.

Touriño, no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Aquela campaña foi especialmente dura, probablemente a máis dura das vividas en Galicia e con estratexias máis propias doutros contextos electorais, como o americano...
Recoñezo que a campaña nos sorprendeu e que nos confundimos. Dende o Partido Socialista trazouse unha campaña claramente de corte presidencial e de apelación á unidade do país para saír adiante nun momento en que a crise xa estaba pegando duro. Foi unha campaña en positivo, moi obamiana mesmo na inspiración escénica e graficamente. Foi unha campaña moi de país que non se correspondeu para nada co que o PP planificou á contra, unha campaña para romper as pernas, para varrer o contrario. Foi moi duro, cunha descualificación brutal e persistente, cunha impresionante capacidade de eco mediático que repercutía na prensa de Madrid e despois, nalgúns medios de aquí. Aquilo foi unha bóla de neve e o resultado foi o que foi.

"Confundímonos, trazamos unha campaña presidencial en positivo e o PP foi romper as pernas, para varrer o contrario con descualificacións brutais"

A min gústame, non obstante, relativizar o resultado. Evidentemente, perdeuse o goberno, e aí non hai ningún matiz. Pero o PSdeG, que chegara a ter o 33,5% dos votos en 2005, o seu mellor resultado, perde o Goberno co 31,5% dos votos, o segundo mellor resultado da súa historia. Cae o deputado do BNG, hai un descenso moi pequeniño e con iso marcha o goberno, aínda que a suma de votos da esquerda segue sendo superior á da dereita. Non foi o que despois se magnificou, unha especie de fin da historia despois dun goberno maldito que foi o peor que lle puido pasar ao país, toda esa mitoloxía que foi montada polo PP e que a esquerda non foi quen de contrarrestar. 

Cre, polo tanto, que nestes anos, sobre todo nos primeiros tempos despois de 2009, faltou quen defendese o labor daquel Goberno e os emblemas da súa xestión? Os libros de texto, a suspensión da construción nos primeiros 500 metros da costa, as medidas sociais... Botou en falta que o PSdeG e o BNG dixesen “perdemos, pero fixemos todo isto no Goberno”?
Si, claramente. O PP tivo a capacidade de impoñer a súa visión do mundo, de Galicia e da política galega. Gañou a hexemonía, derrotou politicamente a esquerda. E hai unha derrota que é peor que a electoral, a da hexemonía das ideas. Cando nós chegamos ao Goberno en 2005 Galicia estaba sometida a un saneamento do Consello de Política Fiscal e Financeira por ter un déficit maior do admitido, 600 millóns de déficit, máis de 300 millóns de facturas ocultas na sanidade... E en 2009 Galicia é a autonomía con menor déficit, 0,36%, mentres a media das comunidades era o 1,45%. Chega Feijóo e crea a sensación de que aquel foi o goberno do desbalde, que nos deixou a Galicia quebrada. Pero é falso, é unha pura mentira que non se corresponde coa realidade. Todo iso impregna a opinión difundida no país, mércao a maioría opinática e fronte a iso non se xera un discurso alternativo de que as cousas se fixeran doutro xeito, de que se fixeran cousas moi positivas. Iso xa nos pasou durante a gobernación, unha responsabilidade na que me inclúo e na que inclúo ao Partido Socialista; por iso, entre outras cousas, asumín a responsabilidade e dimitín. Non fomos quen de facer hexemónico o discurso do que estaba facendo o goberno.

"O PP gañou a hexemonía; hai unha derrota peor que a electoral: a da hexemonía das ideas"

Poño un exemplo: nós paramos a planta de Pescanova en Touriñán cun alto custo. O presidente de Pescanova en Galicia non era Deus, pero parecíase. E as fotografías con Feijóo en campaña foran máis dunha. Pero nós plantamos cara e fixemos un plan de acuiculutra que salvagardaba estritamente toda a Rede Natura. E tomamos a medida, entre aspas revolucionaria, de parar a construción nos 500 metros bordeiros da costa.  Pois ao longo da lexislatura e mesmo en plena precampaña unha plataforma que se chama 'Galiza non se vende' saía á rúa ao berro de "Touriño traidor, Galicia non se vende", e botándonos en cara a ausencia de política de protección do litoral. E alí estaban personaxes moi coñecidos e carismáticos da esquerda do país, actores e actrices coñecidos... A min resultoume inexplicable, daquela e agora, como unha base social que tería que tería que ser de apoio crítico se botaba á rúa nunha materia na que dificilmente se puido facer máis. E este exemplo é bastante multiplicable.

"Nós paramos a planta de Pescanova en Touriñán e unha plataforma saíu á rúa ao berro de 'Touriño, traidor, Galicia non se vende"

Quíxose pasar páxina, esquecer todo o período da gobernación do Goberno da coalición e o dominante é o discurso de Feijóo. Fronte a iso, que discurso hai? Durante un período moi prolongado non houbo discurso. E non é cuestión de reivindicar o pasado, pero se ti mesmo asumes que non podes defender que cando gobernaches fixeseches unha política alternativa, estás vendido. E xa se encarga de lembralo Feijóo en cada pleno fronte a un silencio espeso, clamoroso en demasiadas ocasións, da oposición que está alí, como asumindo que iso é así. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.