Un ex edil do PP con Conde Roa, candidato de Ciudadanos en Santiago

Sánchez-Agustino, ante a prensa co ex edil Ángel Espadas na súa etapa de concelleiro © PP Santiago

Un vello coñecido. A escasas horas da finalización do prazo para presentar candidaturas ás eleccións municipais do 24 de maio a dirección estatal do partido Ciudadanos vén de intervir no seu avesporeiro en Galicia para colocar á fronte da candidatura local de Santiago a Javier Sánchez-Agustino, destacado militante do PP local ata hai unhas poucas semanas e concelleiro ata 2011, cando ficou fóra da lista de Gerardo Conde Roa despois de acompañalo no seu fallido asalto á alcaldía en 2007.

Con esta viraxe de última hora o partido de Albert Rivera deixa fóra de xogo a quen estaba previsto que fosen os seus cabezas visibles na capital de Galicia: María Dolores Pazos e José Canedo, coordinador do partido na cidade e ex candidato de UPyD á presidencia da Xunta. Tras días de cesamentos, baixas e no medio dunha grave crise interna motivada, segundo publicou La Voz de Galicia, polas acusacións de "autoritarismo" dirixidas á dirección, confírmase a fichaxe de quen foi un dos rostros máis recoñecidos do PP compostelán durante case unha década.

O ex edil do PP chega a Ciudadanos tras semanas de dura crise no partido de Albert Rivera en Compostela

Sánchez-Agustino, avogado de profesión e moi coñecido en Compostela, regresa así á primeira liña da política municipal tras catro anos afastado dela nos que, non obstante, seguiu participando en diversas tertulias políticas e exercendo de presidente da Federación Xacobea Mar de Arousa. A súa saída da corporación municipal produciuse xusto antes das anteriores eleccións municipais. Tras oito anos como edil popular, catro deles compañando a Conde Roa no seu labor de oposición, o propio alcaldable aseguraba que lle ofrecera "incorporarse" á súa lista por segunda vez, "pero vía con máis claridade o seu futuro" no Parlamento, afirmaba.

Afinidade con Feijóo

O concelleiro, afirmaba daquela Conde Roa, estaba "nunha encrucillada", porque tiña un "espléndido" despacho de avogacía e "entendemos que, dado o crecemento do seu bufete, non é o momento oportuno para ir na candidatura". Sánchez-Agustino, pola súa banda, asegurou naquela altura que Conde Roa lle dixera que "non encaixaba nesta lista" e por iso se dispuña a "abrir unha nova etapa, non é a fin da política", advertía.

"Con Feijóo inaugurouse unha nova liña ideolóxica coa que eu me sinto plenamente identificado", sinalou Sánchez-Agustino

Esta porta aberta a novas aspiracións políticas producíase mentres a súa contorna lle atribuía a Sánchez-Agustino unha aberta afinidade coa dirección galega do partido. Non en van, Alberto Núñez Feijóo escribiu o prólogo do seu libro En 30.555 palabras pouco despois de suceder a Fraga na presidencia do PPdeG. Daquela Sánchez-Agustino explicaba que "Alberto Núñez Feijóo é, en primeiro lugar, un compañeiro" pero "ademais, con el inaugurouse unha nova liña ideolóxica e xeracional moi clara, coa que eu me sinto plenamente identificado", dicía nunha entrevista. Esa "identificación" con Feijóo reiterábaa tamén en 2011, cando se ratificou a súa saída da lista do PP.

Neste escenario Sánchez-Agustino asegura agora que volve á area municipal para abandeirar a "rexeneración democrática" da cidade e para competir nun contexto electoral no que podería chegar a ter a chave da alcaldía para o seu antigo partido no caso de lograr obter representación no Pazo de Raxoi. Así, nun contexto no que Agustín Hernández lograse manter o PP como lista máis votada pero sen a maioría absoluta lograda por Conde Roa hai catro anos, todas as olladas se virarían cara ao ex concelleiro conservador para conformar, se a aritmética o permite, maioría de goberno.

Sánchez-Agustino, ante a prensa co ex edil Ángel Espadas na súa etapa de concelleiro © PP Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.