Unanimidade política en torno ao xermolo do pacto galego contra a violencia machista

Un intre do pleno no que se aprobou o pacto © Parlamento de Galicia

Segunda unanimidade parlamentaria en torno á igualdade de xénero en menos dun mes. Despois de que o pasado decembro todos os grupos chegasen a un acordo en torno a unha iniciativa de En Marea contra a fenda salarial entre homes e mulleres este mércores unha nova proposta da oposición neste eido, desta volta do BNG, suscitou o apoio de toda a Cámara para dar lugar ao que pretende ser o xermolo dun pacto galego de medidas contra a violencia machista. A transacción acadada sobre unha moción do Bloque crea un relatorio que será o encargado de concretar as medidas a aplicar en Galicia e tamén as propostas galegas na materia para o conxunto do Estado.

Atendendo ao pactado, o futuro "pacto galego contra a violencia de xénero" incluirá, "como mínimo", un "incremento" dos fondos públicos para previr as agresións de xénero e "asistir" as vítimas e máis ás súas fillas e fillos. Ademais, promoverá a reforma da lei integral de 2007 para "incluír" nela o concepto "feminicidio" e abordará un paquete de "mellora de medios e recursos na xustiza", tales como a garantía de "separación" entre vítimas e agresores nos edificios xudiciais, a "formación especializada" en xénero para o persoal dos xulgados ou a "aplicación dun protocolo forente se valoración do nivel de risco" de cada muller.

O acordo contempla destinar máis fondos á prevención e á asistencia ás vítimas e novas medidas de sensibilización, tamén nos medios

Aínda que con matices, os grupos coinciden na necesidade de abordar tamén a violencia de xénero no ámbito educativo e informativo. Nesta liña, o pacto definirá "campañas de información e sensibilización" para a poboación xeral e especificamente para a mocidade "que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas, que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero" e que "informen dos medios e recursos á disposición das mulleres" que sufran estas agresións.

Os grupos acordan elaborar un "documento de consenso" coas propostas galegas para o pacto estatal

A consideración dos servizos de atención psicolóxica "como un servizo de atención primaria", como marca a lei de 2007, a "ampliación da atención psicolóxica aos homes menores de idade con problemas de conduta" ou a "promoción" do Observatorio Galego da Violencia de Xénero son outros puntos dun pacto que tamén estipula a "promoción, tanto en medios públicos como privados", dos "principios" da Declaración de Compostela, o guieiro elaborado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para o tratamento da información relativa á violencia machista, para así "implicar" os medios "no combate" das agresións, "evitando o morbo e o sensacionalismo".

Estas e outras medidas, culmina o texto aprobado, combinaranse coa "elaboración dun documento de consenso de todos os grupos políticos con representación na Cámara" para elevar "unha posición única" á xuntanza da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas" que se prevé celebrar no Senado. Esta, indica o texto, será a achega galega ao "Pacto de Estado contra a violencia de xénero".

O debate

Este acordo produciuse despois dun debate no que, a priori, a distancia do PP a respecto do resto de grupos provocou que semellase difícil o pacto. Na súa exposición da proposta Pontón debullou un paquete de medidas que, di, exemplificaban a intención de que o pacto non fose só "un rótulo para tapar conciencias ou facer que se fai". "O feito ata agora é importante pero insuficiente, hai unha nova estratexia neomachista e temos a obriga de revisar o que non se fixo" para así saldar unha "débeda pendente coas mulleres asasinadas" sen caer no "pim-pam-pum absurdo e partidista" e poñendo sobre a mesa "máis recursos".

A iniciativa recibiu apoio de En Marea e achegas do PSdeG, mentres que inicialmente o PP apostou, a través de Paula Prado, por substituír toda a proposta do Bloque por un único punto: a creación do relatorio para remitir suxestións á comisión do Senado. "O que presentan é a proposta do BNG, non un pacto", reprochou a conservadora, que insta a aplicar o "sentido común" antes de pedir "máis recursos". "Non imos baleirar a autonomía para dicirlle ao Senado que decida sobre as competencias galegas", retrucou Pontón, quen non obstante manifestou a súa vontade para negociar co resto de grupos ata chegar, finalmente, ao texto aprobado este mércores.

 

 

Ana Pontón, este mércores intervindo no pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.