Unha obviedade e catro mentiras sobre o AVE galego

Un tren circula sobre o viaduto do Ulla do AVE Ourense-Santiago, elevado sobre o viaduto la liña convencional Dominio Público Adif

Nos últimos días están a publicarse todo tipo de declaracións políticas pesimistas e supostos informes críticos sobre o AVE galego. Ao tempo que PP e PSOE se culpan de supostos atrasos na execución dunhas obras xa moi avanzadas, o Tribunal de Contas da Unión Europea e unha asociación de xeógrafos emitiron senllos informes que foron aproveitados por algunhas voces críticas para cargar contra a mellora das infraestruturas ferroviarias en Galicia. Porén, esas críticas de todo tipo non sempre inclúen matices que as converterían en obviedades ou mentiras.

"O AVE galego non é rendible"

Boa parte das infraestruturas públicas, de todo tipo, non son rendibles se só se analiza a súa utilidade económica

Efectivamente, boa parte das infraestruturas públicas non son rendibles se só se analiza a súa utilidade económica, empezando polos hospitais. En Galicia e en calquera parte do mundo. Con ese matiz hai que analizar o informe emitido este martes polo Tribunal de Contas da UE no que se analiza a eficiencia do investimento de recursos públicos nunha decena de liñas de AVE seleccionadas en toda Europa. Todas elas tiveron sobrecustos, demoras e non sempre o seu nivel de utilización é o que se esperaba, en parte porque, segundo o ente comunitario, porque na súa planificación e execución primaron decisións políticas non sempre xustificadas.

Todas esas críticas son aplicables ao caso do AVE galego, pero con matices. Por unha banda, o informe admite que o AVE do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo é o segundo con menos sobrecustos de todos os analizados. Tamén é un dos máis baratos en relación ao aforro de tempo que consegue. Pola contra, o informe sinala que non está a ter o uso e a velocidade agardados. Pero é que, malia o que parece, aínda non está rematado. O Eixo Atlántico non conta aínda co sistema de control de velocidade do AVE, o ERTMS, polo que os trens non poden superar os 200 quilómetros por hora. A súa velocidade media cae aínda máis porque conta con máis paradas do habitual nunha liña de AVE pura, o que permite artellar mellor o territorio da Galicia atlántica.

Canto ao AVE entre Galicia e a Meseta, aínda están sen rematar os seus treitos principais entre Zamora e Ourense, os que máis van diferenciar pola complexa orografía o uso que tiña a obsoleta vía vella do que poida ter a nova liña de altas prestacións, polo que calquera análise ao respecto, por moi acertada que poida ser no futuro, é imposible de realizarse na actualidade.

"O AVE galego non vai estar en 2019 porque o PSOE o vai atrasar"

O AVE galego tampouco ía estar rematado en 2019 aínda que seguise a gobernar o PP

O PP está recuperando o seu vello argumentario para cando lle toca facer oposición ao PSOE. E efectivamente o AVE entre Galicia e Meseta non vai estar en servizo en 2019. Pero tampouco o ía estar se seguise a gobernar o PP. A súa promesa era que ese ano se rematase a obra física, pero aínda habería que facer probas de xeito que o servizo non comezaría a operar ata o ano seguinte. Pero incluso esa promesa está a derrubarse nos últimos días xa que están licitándose contratos que deixou preparados o PP que evidencian, polos seus prazos, que o anterior Goberno xa contaba coa posibilidade de que as obras non rematasen ata 2020. En todo caso as obras están nunha fase tan avanzada que xa non teñen volta atrás.

"O AVE galego vai estar en 2020"

Entre Taboadela e Ourense o AVE non estará rematado como pronto, e como admite Feijóo, ata polo menos 2024

Aínda que esta mentira pareza contraditoria coa anterior, as dúas teñen un matiz. O PP viña presentando ata agora como remate do AVE galego un resultado que cando estaba na oposición non consideraba como tal. Cando en 2020 se rematen as obras agora en marcha en Zamora e Ourense faltarán aínda uns 17 quilómetros nas proximidades da capital ourensá nos que aínda non se moveu unha soa pedra. Antes de chegar ao Goberno central, para o PP o AVE galego non estaría rematado ata que se rematasen tamén eses 17 quilómetros. Mentres o PP ocupou o Ministerio de Fomento, ese treito deixou de ser tan relevante e os populares e a Xunta consideraron que sen el tamén se podía falar de AVE. Entre Taboadela e Ourense o AVE non estará rematado como pronto, e como admite o propio presidente Feijóo, ata polo menos 2024. Ademais, tamén está pendente de adaptarse ao AVE o túnel do Padornelo, que tamén terá que ser desdobrado máis alá de 2020.

"O AVE galego terá unha estación para unha aldea de 26 habitantes"

Na contorna de Puebla de Sanabria é obrigatorio instalar un espazo de seguridade que ademais vai ser aproveitado como apeadoiro

Xunto co informe deste martes do Tribunal de Contas e as críticas entre PP e PSOE, nos últimos días unha asociación de xeógrafos divulgou un informe sobre sobrecustos en infraestruturas de todo tipo en toda España. O documento, cuxas conclusións son similares ás da maioría dos políticos e expertos que consideran que as grandes infraestruturas foron mal planificadas e se executaron de xeito descontrolado, chega a esa esa meta empregando camiños demagóxicos.

O documento dos xeógrafos, por exemplo, teima en citar como exemplo de desbalde un rechamante titular publicado por varios medios de comunicación hai ano e medio sobre a suposta construción dunha estación do AVE galego nunha aldea de só 26 habitantes nas proximidades de Puebla de Sanabria. Porén, a orixe desa instalación é unha necesidade técnica obrigada pola normativa de seguridade que, ademais, poderá ser empregada por viaxeiros. Pero esta última non é a súa motivación principal.

"O AVE vai chegar a Lugo"

Actualmente non existe ningún plan entre Ourense e Lugo que vaia máis alá de mellorar a liña actual, e sen prazos

Así o prometeu en numerosas ocasións o PP, mesmo co compromiso de Feijóo de executalo desde a Xunta se non o facía Fomento, e así o asumen cargos lucenses do PSOE. Porén, non hai nada nos plans actuais do ministerio ou Adif que permita chegar a esa conclusión. O que Fomento prevé actualmente, polo menos ata que o PP deixou o ministerio, sen prazos concretos e sen que encargase sequera os proxectos, son melloras puntuais da vella vía convencional. Entre Ourense e Lugo non vai haber AVE, pero igual que tampouco é un AVE puro o Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo.

Entre as obsoletas liñas ferroviarias existentes previamente en Galicia e o AVE hai un amplo abano de luces e sombras que non sempre as declaracións políticas e os informes supostamente técnicos son que den abarcar. Tampouco o xornalismo.

Gráfico sobre o Eixo Atlántico incluído no informe do Tribunal de Contas da UE sobre varias liñas de AVE de toda Europa Dominio Público Tribunal de Contas da UE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.