Unha sentenza cuestiona o plan de estabilidade do Sergas tras restrinxir dereitos de persoal contratado "en fraude de lei"

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de emitir este mércores unha sentenza que pon en cuestión o Plan de estabilidade no emprego do Sergas de 2017, asinado pola Xunta con varios sindicatos e do que o Goberno galego salientou que permitiría dotar 438 vacantes con “nomeamentos de interinidade, coa conseguinte redución da porcentaxe de eventualidade”. A sentenza condena á Xunta ao considerar como indefinidas non fixas, e polo tanto con dereito a indemnización en caso de cese futuro, a oito enfermeiras e auxiliares de enfermería do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que con ese plan foran nomeadas interinas recortándolles dereitos tras anos como eventuais "en fraude de lei". O avogado das afectadas, Fabián Valero, de Zeres Abogados, considera que a sentenza evidencia que o plan “era unha farsa” e fai extensibles o seus efectos a outras administracións.

Enfermeiras e auxiliares contratadas durante anos como eventuais foron transformadas polo plan da Xunta en interinas sen antigüidade, pero agora o TSXG convérteas en indefinidas e recoñece toda a súa experiencia

Segundo a sentenza do TSXG, que revoca outra previa dun xulgado contencioso-administrativo de Vigo, as oito afectadas viñan traballando para o Sergas con sucesivos contratos eventuais con antigüidades entre 2008 e 2011. Xa reclamaran pola súa situación ante a xustiza cando o Plan de estabilidade no emprego de 2017 converteu a súa eventualidade anterior en interinidade, pero reducindo a súa antigüidade ao 1 de abril de 2017, cuestións que rexeita o tribunal: “Resulta axustado a dereito que o persoal estatutario nomeado fraudulentamente transforme a súa relación en indefinida, con dereito a ser indemnizado no momento do seu cesamento”, indemnización que non é tal no caso dos interinos.

O tribunal considera que as afectadas foron “obxecto de sucesivos e encadeados nomeamentos como persoal eventual temporal realizados en fraude de lei, e polo tanto de xeito irregular, o cal debe carrexar un recoñecemento como persoal indefinido non fixo”, coa indemnización a que esa consideración dá lugar en caso de cesamento futuro se esas prazas son ocupadas de xeito estable, así como recoñece “a súa antigüidade, a todos os efectos, desde a data do primeiro nomeamento”, isto é, desde 2008 ou 2011, segundo cada caso, e non desde a implantación do plan do Sergas en abril de 2017. Un plan que, por outra banda, a Xunta implantou para, pola vía de poñer a cero o contador, evitar as consecuencias que tería a precariedade laboral que mantivo durante anos despois da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que estableceu que os traballadores temporais teñen dereito ás mesma indemnizacións que os fixos.

Segundo Fabián Valero, de Zeres Abogados, a sentenza, que considera extensible a outras administracións, bota por terra o plan de estabilidade do Sergas”, que cualifica como “farsa ao converter en interinos a xente que realmente sería indefinida por existir fraude previa”

Segundo Fabián Valero, de Zeres Abogados, que levou o caso, “a sentenza bota por terra o plan de estabilidade do Sergas”, que cualifica como “farsa ao converter en interinos a xente que realmente sería indefinida por existir unha situación previa de fraude” e deixa ao tempo claro que un interino e un indefinido non son o mesmo nin conlevan os mesmos dereitos, en particular o de indemnización en caso de despedimento. Segundo Valero, a sentencia é novidosa porque aplica no ámbito contencioso-administrativo os criterios sobre a fraude propios do ámbito social e “anticipa que calquera fraude da Administración con persoal con vínculo administrativo (estatutarios e funcionarios) pode ter a mesma consecuencia”. Contra a sentenza cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Fragmento da sentenza do TSXG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.