Vázquez chama o PSdeG a non crer que "está mal": "esa é a estratexia da dereita"

Chegada de Pachi Vázquez ao Congreso Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

No trixésimo quinto congreso do PSOE, no ano 2000, José Luis Rodríguez Zapatero comezou metendo no peto os delegados cunha proclama que  levou como sinal de identidade durante non pouco tempo: "non estamos tan mal". No seu informe xestión ante o duodécimo Congreso Nacional do PSdeG, Pachi Vázquez botou man dunha fórmula semellante: "estamos mellor do que nos pretenden facer crer". Nunha combinación de contidos, no que combinou o propio informe de xestión co que podería ser un adianto do discurso co que pedirá o voto para seguir á fronte da secretaría xeral, Vázquez lanzou unha mensaxe sobre o estado de saúde do partido que moitos interpretaron como un recado á súa opoñente, Elena Espinosa. "Repetir que estamos mal é parte da estratexia da dereita, nunca lle axudemos á dereita".

A primeira grande ovación chegou ao reivindicar Vázquez o principio "unha persoa, un cargo"

Mentres nas redes sociais os partidarios de Espinosa censuraban a chamada do candidato a reelección a "non alimentar a estratexia do PP", Vázquez aseguraba que a súa proposta é "un debate en positivo" tras "tres anos de confianza". "Hai case tres anos movíame o que me move agora, a forza para sacar adiante este país" e por iso, di, "non marchei para a casa", senón que fixo "o que fai un bo socialista, cantos máis problemas, máis hai que dar a cara". Nesa clave de balance xurdiu o primeiro grande aplauso do Congreso ante a mención do que foi un dos grandes cabalos de batalla de Vázquez: "Cumprimos a norma de incompatibilidades, unha persoa, un cargo, para que todos esteamos onde temos que estar, sen repetirnos".

Xunto á reivindicación da propia xestión, Pachi Vázquez esforzouse en subliñar que o partido "non o está facendo mal" grazas aos seus militantes e representantes institucionais. "Baixo condicións estremas estámoslle marcando a axenda política" e "conseguindo que lle caia a máscara ao PP". O PSdeG, asegura, é o responsable de que "lle caia a máscara" ao Goberno de Feijóo. "Estamos logrando que os galegos empecen a saber a verdade, que están sufrindo o maior ataque ideolóxico" e "un recorte de dereitos sen pudor" para "converter nun negocio a sanidade e a educación".

Neste contexto e cun ton próximo ao mitin, Vázquez ponse unha meta ambiciosa: "liderar a grande irmandade da esquerda galeguista que saque a Galicia deste problema". Entre as súas receitas para logralo, outra posible mensaxe á súa rival: o PSdeG debe ser "un partido en clave de país, coa máxima autonomía, onde as decisións se tomen en Galicia e pensando no que pase en Galicia", proclamou, nunha chiscadela que tamén saíu ben parada do aplausómetro. "É tempo de recoller o sementado" e non dunha "volta aos nosos problemas nin aos vicios do pasado", conclúe Vázquez.

Chegada de Pachi Vázquez ao Congreso Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.