Vázquez inicia o voo en solitario á fronte do PSdeG cunha Executiva á medida

Vázquez escoita a Rubalcaba ante o Congreso do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez comeza o voo en solitario á fronte do PSdeG. O proceso congresual que comezou como unha batalla clásica entre oficialistas e críticos tornou nunha pugna entre os partidarios dun Vázquez que xogou a baza das bases fronte a unha heteroxénea alianza que abranguía dende os sectores considerados máis galeguistas do partido ata o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a ata este sábado determinante influencia do ex ministro de Fomento, José Blanco. Trátase de, en palabras do reelixido secretario xeral socialista, un "novo percorrido, non sei se mellor ou peor, pero si distinto", no que garante traballo pola "unidade e "integración", se ben os críticos censuran que esa declaración de intencións non se reflicte nos postos directivos.

Caamaño será unha das pezas fundamentais da nova dirección

Boa mostra de que Pachi Vázquez se propón amosar dende o minuto cero a realización práctica da súa promesa de dirixir o partido "sen tutelas" é a configuración da nova Executiva Nacional, negociada ata altas horas da madrugada do sábado ao domingo e aprobada con 265 votos a favor, 117 abstencións e 5 votos nulos. Nese órgano tamén se explicita o que xa era un feito dende hai ben tempo, a fonda distancia entre o ex ministro e presidente dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño, e o influxo de Blanco. Así, Caamaño -recibido cunha longa ovación ao ser presentado-  será unha das catro pezas fundamentais da nova cúpula directiva, asentada na secretaría de organización e acción electoral, que mantén Pablo García, e en catro grandes secretarías de coordinación. O ex titular de Xustiza asume a coordinación da área de política, ideas e programas. Xunto a el, tres mulleres da confianza do secretario xeral: Laura Seara, en coordinación institucional e participación, Carmen Gallego, en promoción económica e emprego e Margarita Pérez Herráiz, en Benestar. Na nova dirección non figura ningún nome dos considerados "críticos" ata a votación á secretaría xeral.

Aínda que non sorpresiva, dado que o propio Vázquez xa a prometera durante a campaña interna, significativa é tamén a recuperación da figura do presidente do PSdeG na figura do alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, mentor político de Blanco que agora se sitúa nun posto sen capacidade executiva real, pero cun nada desprezable significado simbólico. Na presentación do novo cargo do rexedor lugués, o ex titular de Fomento obviou aplaudir. 

No entorno de Vázquez dan por finiquitada a etapa "na que nos viñan dicir o que tiñamos que facer"

No entorno do secretario xeral déixase claro que a ausencia de "paternalismos" proclamada por Vázquez na súa petición de voto aos delegados é máis ca unha figura retórica. As persoas máis próximas a Pachi Vázquez dan por finiquitada a etapa na "que nos viñan dicir o que tiñamos que facer" e non ocultan a súa satisfacción polo que consideran unha derrota do ex ministro de Palas de Rei, a quen dan por definitivamente desactivado de cara a vindeiros procesos, isto é, de cara aos congresos provinciais e ás eleccións primarias das que sairá o cartel electoral para as vindeiras autonómicas. Nesta liña, o do Carballiño tentará reproducir agora nas catro provincias o acontecido no Congreso Nacional, nos que xa non prevé que funcione a alianza na que, ademais de Blanco, xogaron un papel crucial os considerados críticos en sentido amplo, dende sectores da Coruña ata o vigués Abel Caballero. Con todo, a grande incógnita que agora se abre é a posición de Vázquez ante esas primarias e o xeito en que dará a batalla nelas.

Entrevistas "coas outras formacións da esquerda"

Coa vista posta no Debate do Estado da Autonomía que se celebra este martes, Vázquez aproveitou o peche do Congreso Nacional para lanzar as primeiras mensaxes do que será unha longa precampaña electoral. Lonxe das consignas inmediatamente posteriores á derrota do bipartito en 2009, o socialista anuncia que, "pasado o debate", pedirá "entrevistarse" con sindicatos e empresarios pero tamén "coas outras formacións políticas da esquerda galega, para falar con eles e dicirlles que Galicia precisa a toda a esquerda política". "Somos partidos distintos pero nos necesitamos uns aos outros", asevera, nun contexto no que, subliña, debe arterllarse a "alternativa para "gobernar outra vez este país".

A construción desa alternativa foi tamén saúdada polo secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, encargado de pechar o cónclave. Tras a medida neutralidade dos días previos ao congreso galego, Rubalcaba amósase convencido de que Vázquez será "un bo secretario xeral". "Agora tedes que traballar" tendo en conta que "o partido é un instrumento de cambio social", recoméndalles aos militantes. Trátase, di, de que o PSdeG represente "a aqueles que só teñen os partidos de esquerda par sentírense defendidos".

Pachi Vázquez, na clausura do Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.