Vence colle o temón do BNG para "recuperar o pulso" e procurar un "Estado propio"

Vista do plenario da asemblea CC-BY-NC-SA BNG

A mediados de 2009 o BNG, aínda noqueado pola abrupta saída da Xunta, traballaba na súa candidatura para as eleccións europeas. Sobre a mesa estaban, esencialmente, dous nomes: o da actual eurodeputada Ana Miranda e o do economista Xavier Vence, quen optou por dar un paso atrás e pechar simbolicamente a lista. De prestixioso currículo académico e cunha longa traxectoria no apoio ao nacionalismo e, nomeadamente, ao BNG, o profesor optaba por non dar o salto aos focos do que se dá en chamar política activa. Este domingo Vence culminou o movemento exactamente contrario. Do pequeno paso atrás de hai uns anos pasa a dar un paso adiante sensiblemente maior e máis arriscado: liderar o Bloque no que, probablemente, é o momento máis comprometido da súa historia.

A XIV Asemblea Nacional da formación frontista nomeouno, co 96% dos votos, portavoz nacional "nun contexto de reveses electorais, de zozobra". "Non esperaba verme neste compromiso", ironizou ante o plenario antes de dispoñerse a tentar "recuperar o pulso" da organización e un reto que semella aínda máis ambicioso, pular por un "Estado propio" para Galicia. "Non imos ser máis os do non", asegurou o novo líder nacionalista nun longo discurso de ton marcadamente académico. "España desapareceu coa peseta" e, "como todos os imperialistas fracasados", os dirixentes estatais "tentan recentralizado todo". "Se eles rompen o modelo autonómico non nos imos limitar a criticalo", senón que "imos formular a nosa proposta en positivo", a saber: "soberanía, dereito a decidir" e, en última instancia a devandita consecución do Estado.

Vence asegura que o Bloque non vai ser "os do non", senón que vai formular propostas "en positivo" baseadas na "soberanía e no dereito a decidir"

Esta clarificación do horizonte estratéxico do Bloque non é para Vence "ningunha deriva soberanista", dado que o nacionalismo galego aposta pola soberanía "dende a Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918", lembra. Non obstante, coida que "o verdadeiro perigo para unha forza nacionalista sería entrar nunha deriva autonomista" e o BNG "nunca foi autonomista, nunca o fomos e nunca o seremos", o que non implica que non defenda as institucións autonómicas. "Somos os únicos", afirma, xa que "os demais só as ocupan".

Non apelar á soberanía "en van"

Pero Vence apela ironicamente a non pronunciar a reclamación soberanista "en van", xa que "todos os que estamos aquí sabemos que hai unha diferenza fundamental entre a xeometría e a política: a distancia máis curta case nunca é unha liña recta". Botando man de citas habitualmente alleas ao discurso público, o líder do Bloque parafrasea a Lenin para ilustrar que aos nacionalistas lles corresponde ir "paso a paso e só un pasiño por diante do pobo" e por iso hai que apelar á soberanía "só cando veña ao caso", "petando na alma do pobo ata crear un estado de opinión revolucionario", citou a Castelao. 

Esta "folla de ruta", un "reto enorme", "inmenso", non debe realizalo o Bloque en solitario, a xuízo do novo portavoz nacional. Ben ao contrario, di, o BNG debe participar dun "movemento social multicor pola soberanía, no que unha parte dos militantes do BNG participarán man con man" xunto a "todas as organizacións políticas, sindicais, sociais, feministas, estudantís, veciñais...", un "proceso capitar de debate sobre as vantaxes da soberanía, cadaquén co seu perfil". "Non se trata de abrir escolas de filosofía en todas as parroquias", advirte, senón de encetar "unha andaina de longo percorrido que vaia alimentando a conciencia nacional". "Non facelo nos últimos anos fai que o país estea como está", afirma.

Vence apela a constituír un "movemento soberanista multicor" e a "convencer a certo nacionalismo de que a soberanía non é meramente cultural"

E, que papel xogan esta estratexia as demais forzas nacionalistas? Cómpre, dende a súa óptica, "convencer a certo nacionalismo de que a soberanía non é un asunto meramente cultural, lingüístico ou identitario". "Non faltan tampouco os que se apuntan ao discurso de que este é un momento excepcional e que non debemos de falar de soberanía", senón de "contradición esquerda e dereita". "Eu pregúntolles a estes amigos: cal é o espazo no que nos queremos enfrontar e derrotar á dereita? Alemaña, Estados Unidos?". "O trotskismo mal asimilado fai estragos", conclúe.

Así e todo, e malia ás hostilidades que aínda persisten, Vence coida que o roteiro soberanista debe ser compartido "con todas as forzas nacionalistas" mentres o BNG tenta converterse "nunha forza decisiva neste país a todos os niveis". Isto só o fará se "cambia os estilos, os modelos" e os seus membros se dispoñen a "abrir o corazón" nun "exercicio diario de pensar no que nos une". "O futuro é do BNG", augurou Vence para pechar, cincuenta e catro minutos despois, o seu discurso ao berro de "viva Galiza ceibe e popular". O plenario respondeu con intensos aplausos e, por primeira vez en moito tempo, os berros de "BNG, BNG" combináronse cos de "independencia".

Vence diríxese á asemblea tras ser elixido CC-BY-NC-SA BNG
Nova Executiva do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.