Villares tamén será voceiro da coordinadora de En Marea

A nova coordinadora, ante a prensa este domingo CC-BY-SA En Marea

18 votos a prol, 2 abstencións e 12 persoas que non participaron na votación. É o resultado polo que este domingo o Consello de En Marea elixiu a súa primeira coordinadora, o órgano de dirección pendente dende a asemblea do partido instrumental e cuxa conformación fora adiada a finais de xaneiro. O proceso finalmente culmina cunha viraxe a respecto do criterio defendido nos documentos políticos da candidatura 'Máis alá', maioritaria no proceso asemblear, e Luís Villares compatibilizará a súa condición de voceiro parlamentario coa portavocía orgánica da formación tras un acordo entre o sector máis próximo ao que foi candidato á Xunta e a representación das outras dúas candidaturas.

Así as cousas, tras non saír adiante a posibilidade dunha, en verbas de Villares, dirección "integradora", con membros das tres candidaturas que concorreron á asemblea -Máis Alá obtivo 21 representantes, Somos Quen 9 e Queremos Participar, 5- na primeira coordinadora do partido instrumental non senta ningún dos integrantes de Máis Alá que, na liña do defendido por mareas locais como Marea Atlántica e unha parte de Anova ou EU, apostaba por que a portavocía orgánica non a exercesen referentes institucionais, senón outras tres persoas de xeito rotatorio. A modificación deste precepto foi, precisamente, unha das decisións aprobadas este domingo.

A nova coordinadora tivo 18 votos a prol e 2 abstencións; 12 persoas do Consello non participaron na votación

Así as cousas, a nova dirección queda conformada polo propio Villares -o novo voceiro e Xosé Manuel Beiras foron quen optaron pola abstención- Afonso Diz, Iria Morgade, Esther Duro, Ana Seijas, Victoria Esteban, Gonzalo Rodríguez, Consuelo Martínez, Elena Cores, Mario López Rico e Sara Torreiro. "Sería mellor", admitiu o novo voceiro en rolda de prensa, que esta elección se realizase "sen necesidade de votación" e o "desexable" sería que saíse adiante "unha proposta integradora". No entanto, di, o que finalmente aconteceu tamén "forma parte da normalidade".

Villares admite que sería "desexable" aprobar unha dirección "integradora", se ben o xeito en que se produciu a elección tamén "forma parte da normalidade"

O feito de que, finalmente, a portavocía parlamentaria e orgánica sexan exercidas pola mesma persoa non implica, resalta Villares, que "renunciemos á coralidade nin á portavocía colectiva", xa que a nova coordinadora organizarase en áreas que farán públicos os asuntos sectorais que aborden. En calquera caso, asegura, "o importante é o proxecto, non as persoas" e conformar "unha organización á altura deste país".

Malia á falta de acordo tras a xuntanza deste domingo "os ánimos" de En Marea "quedan moito mellor do que estaban, porque a xente estaba esperando isto", asegura. "Abandónase a lóxica de espazo partidario fronte a cidadanismo" e "escollemos unha dirección que deixa atrás calquera tipo de significación que non sexa En Marea". "Somos todos membros de En Marea" dispostos, asegura, a exerceren "a unidade mareante". "Abonda de falar de nós", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.