Vítimas de Angrois ao PP en Santiago: "Pidan perdón"

O representante das vítimas, dirixíndose a Hernández no pleno municipal de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Vítimas do accidente de Angrois interviron na tarde deste xoves, a catro días do aniversario do sinistro, no Pleno municipal do Concello de Santiago. Arturo Domínguez irmán do presidente da plataforma, Jesús Domínguez, foi o encargado de ler un texto no que agradeceu a invitación para intervir que lle realizou o BNG, agradecemento que fixo extensivo ao “resto de partidos que nos apoiaron”. A continuación lembrou que son as propias vítimas as que piden unha investigación política do sinistro, e dirixiuse case en exclusiva ao PP, que queda só na súa negativa a realizala, e ao seu portavoz municipal e ex-conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández. As vítimas lembraron que Hernández “considerou responsable e moi acertada a decisión política de pór en marcha” o AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. 

Os afectados interviron no Pleno municipal do Concello, onde se encararon co portavoz popular e ex-conselleiro de Infraestruturas de Feijóo, Agustín Hernández

A plataforma de vítimas invitara a Hernández a participar na manifestación que o próximo luns, coincidindo co aniversario do accidente, discorrerá entre a estación de tren e a praza do Obradoiro. Unha invitación á que Hernández non lles respondeu directamente senón a través de preguntas dos xornalistas: “Comigo ninguén vai contar para facer uso político dun drama como o de Angrois, ninguén”, dixo cando se lle inquiriu sobre a invitación que lle realizaran as vítimas.

Este xoves as vítimas lembraron que no primeiro aniversario do sinistro “a algún político se lle ocorreu cambiar a data de entrega das medallas de Galicia, unhas medallas que non quixeron recibir nin os veciños de Angrois nin a maioría das vítimas”, en referencia a unha decisión tomada pola Xunta cando Hernández formaba parte dela. “Non valoraremos se o cambio de data e o acto que tivo alí lugar foi facer, como vostede di, un uso político dun drama, deixaremos que esa valoración a faga a súa conciencia e o seu corazón”, dixéronlle a Hernández, para engadir que “se é vostede realmente un demócrata e como di, ten corazón, pídanos perdón” e salientar que “ás vítimas ninguén nos manipula nin utiliza a nosa dor, porque non o permitimos, o que si é verdade é que hai xente boa e honesta que nos apoia e xente que o único que defende son os seus intereses”.

Posteriormente, Hernández interveu para dicir que as vítimas “seguen tendo o meu respecto” malia as súas “palabras e sentimentos que creo que non son merecente”. O portavoz popular rexeitou entrar nun debate sobre o accidente “porque este non é o foro” senón que é unha cuestión que se debe investigar “noutras instancias” distintas do Pleno municipal. Hernández tamén dixo nese momento que cando fala de xente que fai un uso político do accidente “non falo das vítimas nin da súa asociación”.

O BNG pide activar xa o ERTMS

O BNG lamenta que "catro anos despois" do accidente aínda non estea activo o sistema máis seguro, aínda que tras

As vítimas de Angrois interviron no Pleno de Santiago invitados polo BNG, que defendeu unha proposición, que contou co apoio do resto de formacións excepto do PP, que se abstivo, para esixir ao Ministerio de Fomento a activación do sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS, na curva de Angrois. O proxecto inicial do AVE Ourense-Santiago prevía a instalación dese sistema tamén nesa curva, pero foi modificado e só se instalou ata catro quilómetros antes dese punto. Aínda así, o sistema avisaría nese punto ao maquinista do seu remate, pero estaba tamén desconectado a bordo dos trens Alvia, sen que houbese ningún outro sistema automático que evitase ou paliase un despiste como o que sufriu o maquinista, que non freou a tempo tras recibir unha chamada do interventor do tren.

Despois do accidente, Fomento instalou en Angrois, e noutros puntos similares de toda España que requirían unha freada tan brusca como a desa curva, balizas do sistema de seguridade convencional, o ASFA, programadas para evitar un exceso de velocidade como o do accidente, que xa non se podería producir. E posteriormente o ministerio contratou a extensión do ERTMS ata a propia estación de Santiago no marco dun contrato para a súa implantación tamén no Eixo Atlántico A Coruña-Vigo pero os traballos aínda non remataron. O BNG lamenta que “catro anos despois do accidente, non está operativo” o ERTMS.

Agustín Hernández co presidente Feijóo e o ministro Blanco na inauguración do AVE Ourense-Santiago Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.