Vítimas de Angrois critican o “medo do PP á política”

As vítimas de Angrois reclaman unha comisión de investigación ante o Congreso, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

Os afectados cualifican de “truco” a proposta popular dunha nova análise xeral da rede ferroviaria para non investigar o sinistro de Santiago e salientan que sería o cuarto estudo que non entra en responsabilidades políticas

A Plataforma de Vítimas de Angrois critica a proposta que vén de lanzar o PP de crear unha nova comisión de análise do sistema ferroviario en xeral en vez da comisión de investigación política sobre o accidente que reclaman os afectados. Estes salientan que a proposta popular sería a “cuarta” comisión creada tras o sinistro na que non se analizarían as responsabilidades políticas que atribúen a PSOE e PP, cos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor á fronte. E conclúen que o PP ten “medo á política”.

Nunha nota distribuída este mércores pola Plataforma de Vítimas estas salientan que “ata agora o PP escondeuse tras dous argumentos falaces: o primeiro dicir que existe un procedemento xudicial e que, ata que non remate, non se poderá facer a citada comisión”. A ese argumento, as vítimas responden: “señores do PP, sabían vostedes que existe, polo menos en teoría, unha división de poderes? E que a xustiza só dirime responsabilidades penais, pero non políticas?” O segundo argumento dos populares sería “facer comisións técnicas; iso si, con técnicos que están próximos a vostedes e que avalan os seus plantexamentos”. E lembran que “ata agora o PP fixo tres comisións técnicas: a da CIAF [de investigación de accidentes do Ministerio de Fmento], invalidada pola UE; unha comisión científico-técnica; e unha subcomisión parlamentaria para o estudo e análise do sistema ferroviario español”, ningunha das cales analizou responsabilidades políticas. “Agora o PP solicita que o Congreso cree de novo outra comisión de estudo, a cuarta xa!”, salientan.

“Por que teñen tanto medo a comparecer no Congreso? Por que se esconden das súas responsabilidades políticas? As vítimas non somos estúpidas", din

Os afectados tamén lembran que na subcomisión xa desenvolvida no Congreso entre 2013 e 2015 “non se fixo referencia nin se falou do accidente de Angrois senón esencialmente da rendibilidade do sistema ferroviario, o que coincide co único que parece que a vostedes verdadeiramente lles interesa”. E pregúntanse “por que teñen tanto medo a comparecer no Congreso? Por que se esconden das súas responsabilidades políticas?”. “As vítimas non somos estúpidas e, aínda que cunha notable inferioridade de recursos, seguirémonos enfrontando a vostedes o seus trucos porque nos sobra algo do que vostedes parece que carecen: dignidade e valor”, conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.