Vítimas de Angrois evidencian que Adif sabía que tiña que revisar mellor a curva e non o fixo

Cortabitarte, ex-director de Seguridade de Adif, abandona os xulgados de Santiago en presenza de vítimas do accidente tras declarar o 27 de xullo de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Adif sabía que tiña que dispor dun documento específico que validase de xeito independente a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago no treito da curva de Angrois en que descarrilou o tren Alvia pero non contou con ese documento para autorizar a posta en servizo. Iso é o que veñen de trasladarlle as vítimas do sinistro, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas, ao xuíz instrutor da causa, ao que piden, cun escrito do seu avogado, que cite a declarar como investigados a tres novos cargos de Adif a maiores do seu xa imputado director de Seguridade naquel momento, Andrés Cortabitarte, e do seu homólogo en Renfe, Antonio Lanchares.

Piden que a empresa pública demostre que contou cos documentos de seguridade necesarios para autorizar a entrada en servizo do AVE Ourense-Santiago

A investigación xudicial sobre o sinistro está a centrarse en se Adif avaliou como debía os riscos existentes na liña Ourense-Santiago e en particular na curva de Angrois, onde o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, tamén imputado, non freou a tempo e descarrilou sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Por unha banda, Adif xa admitiu que non realizou, segundo ela porque non o obrigaba a normativa, a denominada avaliación integral da liña que analizase o funcionamento conxunto dos seus tres subsistemas: infraestrutura [a vía], enerxía [as catenarias ou postes eléctricos], e control, mando e sinalización [os sistemas de seguridade]. O escrito que agora vén de presentar o avogado das vítimas sinala que “tampouco existe o Informe de Avaliación Independente [ISA] do subsistema de control, mando e sinalización no lugar do accidente, necesario normativamente para a posta en servizo da liña”.

Técnicos de Ineco que realizaron a avaliación independente da liña declararon que Adif só lles encargou facelo ata uns metros antes da curva de Angrois

Hai dous meses tres técnicos da empresa pública Ineco, encargada de supervisar como entidade independente a documentación de seguridade das empresas construtoras e de Adif e de emitir ese informe ISA para que esta autorizase a posta en servizo da liña, declararon no xulgado que non avaliaron a curva de Angrois senón que remataron o seu traballo uns metros antes. Segundo as súas declaracións, Adif só encargou a Ineco que analizase o denominado encravamento do Irixo, unha das tres divisións a efectos técnicos da liña ferroviaria Ourense-Santiago, a situada no seu punto medio entre o encravamento de Ourense e o de Santiago. Ese treito remata no punto quilométrico 84,144, xusto antes da curva de Angrois e do punto 84,413 no que descarrilou o tren Alvia. Adif argumentou que ese último treito, ao que o tren chegou a preto de 200 quilómetros por hora, xa non formaba parte da liña de alta velocidade como tal senón da rede convencional e non requiría da mesma avaliación.

Agora as vítimas evidencian que para o treito de Angrois, o denominado encravamento de Santiago, Adif sabía que tiña que contar con ese informe independente (ISA, derivado da normativa denominada CENELEC). Así o revelaron actas internas de reunións entre varios responsables da posta en servizo da liña, que posteriormente cambiaron de opinión e consideraron válida outro tipo de análise, e así o indica un documento no que a propia Adif detalla toda a normativa precisa para autorizar a apertura dunha liña ferroviaria e na que aparece citada esa norma concreta. As vítimas piden ao xuíz que reclame a Adif ese documento no que se detalla a normativa precisa para que así quede en evidencia que a empresa pública no cumpriu co que ela mesma se esixía.

Listado de normas a aplicar nas súas liñas ferroviarias elaborado pola propia Adif, documento que as vítimas queren que a empresa achegue ao xulgado

O avogado das vítimas pide que o xulgado cite como investigados a outros tres técnicos de Adif e como testemuñas a preto de 40 persoas

No seu escrito, o avogado das vítimas pide ademais que o xuíz cite a declarar como investigados por estas cuestións a tres responsables de Adif que xa compareceran como testemuñas na causa pero cando o foco da investigación se centraba noutras cuestións. Son Manuel Besteiro Galindo, sucesor de Cortabitarte como director de Seguridade de Adif; Fernando Rebón Sartal, xerente de Seguridade na área noroeste; e José Antonio García Díez, xefe de inspección desa mesma área.

O avogado tamén pide que sexan citados a declarar como testemuñas 17 técnicos de Adif que participaron no establecemento das velocidades ás que tiñan que circular os trens, 5 técnicos de Renfe que puideron coñecer do risco que existía na curva de Angrois e 18 técnicos das empresas Dimentronic e Thales que instalaron os sistemas de seguridade. Do mesmo xeito, o avogado pide que tamén testifique o xefe da unidade de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Christopher Carr, entidade que ten pendente de emitir un informe a petición do xulgado para aclarar que tipo de análises de risco obrigaba a facer en Angrois a normativa europea.

A liña Ourense-Santiago foi inaugurada en decembro de 2011 polo Goberno central do PSOE en funcións e o accidente ocorreu en xullo de 2013, gobernando o PP. Os directivos de Adif e Renfe actualmente imputados pola súa presunta responsabilidade na non avaliación dos riscos da liña ocuparon postos de responsabilidade cos dous gobernos e o actual executivo segue a mantelos nos seus cargos de libre designación.

Acta na que Adif admite a necesidade dunha avaliación independente de riscos para o treito de Santiago no que está a curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.