Volveu co Prestige: 15 anos da chegada de Feijóo ao Goberno de Fraga

Cesamento de Cuiña e nomeamento de Feijóo, publicados no DOG en xaneiro de 2003 CC-BY-SA Praza Pública

O 18 de xaneiro de 2003 era un sábado de temporal en Galicia. Os fortes ventos fixeron imposible naquela xornada o traballo de recollida de chapapote do Prestige no mar e dificultara notablemente os labores en terra. Nos titulares da prensa de papel daquel día aínda ecoaba o cesamento como conselleiro de Política Territorial de Xosé Cuiña, oficializada como dimisión polo propio afectado nunha brevísima carta dirixida ao presidente, Manuel Fraga. "Considero un deber presentar a miña dimisión e agardo poder aclarar que as empresas participadas pola miña familia non cometeron ningunha ilegalidade nin irregularidade, senón, simplemente, unha doazón e unha colaboración no caso do Prestige".

As acusacións contra Cuiña polos subministros de materiais para a recollida de chapapote permitiron ao aparello central do PP de José María Aznar forzar a caída de quen durante anos fora sinalado como sucesor de Fraga. E, na mesma operación, propiciar a entrada no Goberno galego dun home da máxima confianza do líder espiritual do sector do birrete do PPdeG, José Manuel Romay Beccaría. Aquel sábado de hai agora quince anos o titular da Xunta asinaba o decreto co que nomeaba conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a Alberto Núñez Feijóo, ata ese momento presidente de Correos, posto que chegara da man de Francisco Álvarez-Cascos procedente da presidencia do Insalud, cargo que exercera por encomenda de Romay como ministro de Sanidade.

Feijóo toma posesión ante Fraga en xaneiro de 2003, en imaxes captadas pola TVG © TVG

O sábado 18 de xaneiro de 2003 Fraga asinou o decreto co que nomeaba a Feijóo como substituto de Cuiña en Política Territorial

O que, tamén con Romay, fora secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, chegaba a un Goberno e a un país cun clima político radicalmente distinto ao que deixara en 1996. O PPdeG seguía a gobernar con maioría absoluta -revalidáraa en dúas ocasións máis-, pero estaba a sufrir unha enorme erosión pola xestión do naufraxio do petroleiro, crise política agudizada a nivel xeral polo apoio de Aznar á guerra de Iraq e a proximidade das eleccións municipais. Un cóctel explosivo que amosou e alargou as fendas internas do PPdeG.

Comunicado da Xunta sobre a crise de Goberno ao día seguinte do cesamento de Cuiña CC-BY-SA Praza Pública

Pórtico da 'revolta do piso'

A toma de posesión de Feijóo e do resto de conselleiros que chegaron naquela crise de goberno -tamén se incorporara José Manuel Barreiro como remuda en Medio Ambiente de Carlos del Álamo e Pilar Rojo e mais María José Cimadevila substituíran a Manuela López Besteiro e Corina Porro, candidatas nas municipais en Lugo e Vigo- non se produciu ata o luns, día 20. Antes, o domingo 19, Manuel Fraga interveu ante o plenario da convención que o PP estaba a celebrar en Madrid. Tras o defenestramento de Cuiña o presidente galego ofreceu á dirección do partido "unha lealdade acrisolada e unha gratitude infinita" pola xestión do naufraxio. El, proclamou, confiaba "en que Santiago nos axudará" para loitar por Galicia "máis que nunca", lema que na dirección do PPdeG se comezaba a espallar como pretendido contrapunto á plataforma Nunca Máis.

A 'revolta do piso' protagonizada por deputados do PP de Ourense foi a resposta do sector 'da boina' á remuda de Cuiña por Feijóo, que ascendería a vicepresidente o ano seguinte

Pero mentres Fraga interviña en Madrid, en Galicia xestábase o que pasaría á historia política do país como "a revolta do piso". O clan alcumado como "da boina", coa familia Baltar como máximo expoñente, traballaba na súa resposta ao cesamento de Cuiña coa participación do propio afectado. Ese mesmo día cinco deputados do PP de Ourense no Parlamento galego -José Manuel Baltar, Roberto Castro, María José Caldelas, Maximino Rodríguez e Miguel Santalices- escribían unha carta a Aznar e Fraga na que alertaban da perda de "galeguismo" do PPdeG e esixían cambios no partido. No albo estaba o secretario xeral galego, Jesús Palmou, a quen consideraban executor en Galicia da orde de remudar a Cuiña por Feijóo. E sobre a mesa, a ameaza de deixar a Fraga sen maioría absoluta no Parlamento -tiña 41 escanos e a ausencia de tres deles sería dabondo para facelo-.

Un piso en Ourense era o centro de operacións daquela revolta, que ardía o día 20 mentres, en San Caetano, Feijóo tomaba posesión sen a presenza do seu antecesor. O novo conselleiro tiña entre as mans a carteira máis investidora da Xunta e a el lle correspondeu boa parte da promoción política do Plan Galicia, o paquete de obras que o Goberno Aznar anunciaría apenas catro días despois como compensación aos danos do petroleiro. Dende esa aprobación, precisamente, rematou a "revolta do piso", pero a guerra interna continuou e agudizouse apenas ano e medio despois, cando Feijóo ascendeu a vicepresidente primeiro da Xunta, primeiro chanzo dunha longa carreira sucesoria que culminaría no congreso do partido en xaneiro de 2006, tras perder o Goberno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.