0 Gardados para despois

A cultura galega, a debate

Se cadra a cultura é unha cousa e as industrias culturais, o sector que dá traballo a milleiros de galegos e galegas e que xera un importante volume de negocio, outra. Pero dende logo, a saúde das segundas inflúe na da primeira. Máis aló da circunstancia simbólica da supresión da Consellaría de Cultura, misturada agora coa de Educación, os recortes efectivos dos apoios públicos ás políticas de creación e difusión, tanto no teatro, coma no cinema, na literatura e edición ou na música, están poñendo en perigo o sistema cultural galego en todos os seus niveis. A maiores, a desaparición de Caixagalicia e de Caixanova deixou as súas obras sociais desasistidas e a Cidade da Cultura continúa absorbendo unha parte moi importante do financiamento da Xunta. Mentres, a cultura de base e independente continúa esquecida.

Viñetas desde o Atlántico, na Coruña

"Non hai industria da banda deseñada en Galicia, seguimos a ser catro francotiradores"

"A banda deseñada sempre estivo en crise, estamos afeitos a que nunca haxa cartos. Coa crise, seguimos aguantando como estabamos a nivel empresarial". Así define a situación da banda deseñada galega o debuxante Kiko da Silva, un dos membros de BD Banda e director da revista Retranca, neste tempo de crise no que as industrias culturais afogan entre débedas, atrasos nos pagamentos da Xunta e tesoiradas que producen vertixe.