0 Gardados para despois

Temas

Cara á folga xeral

0%

Xa hai convocada unha folga xeral en Galicia, que ademais será unitaria. Foi a CIG quen, antes da aprobación da reforma laboral, chamou á cidadanía a un paro xeral para o 29 de marzo, unha semana despois da convocatoria de CGTP para Portugal. CCOO e UGT adiaron a súa decisión durante semanas, á espera de que o Goberno de Rajoy ofrecese algúnha rectificación, e argumentando que antes da convocatoria había que levar a cabo un proceso mobilizador. Neste proceso as bases sindicais movéronse e a cidadanía está a secundar de maneira moi notable as mobilizacións convocadas tanto pola CIG como polas federacións de Comisións Obreiras e UGT en Galicia. 

O futuro de BNG e PSOE

0%

Tras os seus respectivos congreso e asemblea, as novas direccións de PSOE e BNG botan a andar. Ambas márcanse o reto de suturar as feridas que puidesen deixar os procesos congresuais e de seren "alternativa" aos gobernos do PP en Galicia e no Estado. Terán como primeira proba electoral os comicios galegos que, previsiblemente, se celebrarán antes de que remate 2012 e para os que o PSdeG decidirá candidato no seu propio cónclave, entre o 9 e o 11 de marzo.

Folga Xeral

0%

O xoves 29 de marzo o goberno de Mariano Rajoy -catro meses despois de gañar as eleccións- vivirá a súa primeira folga xeral, contra o seu proxecto de reforma laboral na véspera da presentación duns orzamentos (atrasados até despois das eleccións en Andalucía e Asturias) que traerán máis recortes no gasto público. Os sindicatos nacionalistas -CIG, ELA e LAB- adiantáronse na convocatoria e finalmente CC.OO. e UGT uníronse na convocatoria, aínda que finalmente non haberá manifestacións unitarias. Vigo acollerá as mobilizacións centrais en Galicia.

A tesoirada social

0%

Os recortes nos fondos dedicados aos servizos sociais básicos están degradando estas prestacións, fundamentais para a redistribución da riqueza, a igualdade e equidade e o benestar das persoas. As queixas ao Valedor polos servizos sociais aumentaron un 141% no 2011 e o Índice de Desenvolvemento dos Servizos Sociais amosa igualmente que en Galicia as prestacións sociais están por baixo da media do Estado. Isto sucede mentres o Goberno central carga unha importante parte das súas políticas antidéficit na sanidade e na educación, ás que prevé retirarlle 10.000 millóns e onde pon en marcha un novo copagamento farmacéutico e máis taxas universitarias.

Caso 'Campeón'

0%

En maio de 2011 a Policía irrompía na sede do Instituto Galego de Promoción Económicas (Igape) e na sede de Laboratorios Nupel, en Lugo. A intervención policial no ente dependente da Consellería de Economía e na empresa luguesa foi o inicio da denominada operación Campeón, un caso que non rematou de medrar dende ese momento e cuxa repercusión vén de medrar tras o levantamento parcial do segredo do sumario, poñendo en cuestión concesións de axudas públicas de Xunta e Goberno central e zarrapicando ás tres forzas parlamentarias de Galicia.

Pemex

0%

O 19 de setembro de 2012 a Xunta apadriñaba a sinatura dun acordo entre a petroleira mexicana Pemex e os estaleiros galegos Navantia e Barreras para a construción de cadanseu buque hotel. O trato inseríase nun acordo de "alianza estratéxica" que inclúe futuros pedidos da empresa azteca para as empresas galegas. O 27 de setembro, directivos da compañía estatal revelaban en México que "non había contrato ningún" asinado con estaleiros galegos e que o acordo producírase entre a súa filial internacional (PMI) e as firmas navais pero a expensas de que Pemex elixa o proxecto galego nunha futura licitación. O 28 de xaneiro de 2014 chegaba a adxudicación de senllos floteis.

A semana das Letras

0%

O Día das Letras Galegas son os 365 do ano, pero nesta semana ao redor do 17, concéntranse un bo feixe de actos dedicado ao homenaxeado neste 2012, o xornalista e empresario Valentin Paz-Andrade. E tamén moitas accións e eventos de reivindicación da lingua galega, do seu uso normalizado e do dereito a poder empregalo en todos os ámbitos como lingua propia de Galicia que é, segundo o Estatuto. O máis importante será a manifestación convocada este xoves 17 en Compostela.

Do 15M ao 12M

0%

O 15 de maio o 15M fará un ano. Foron meses de cambios de goberno, agravamento da crise económica e dos recortes dos dereitos e dos servizos sociais. Meses de evolución tamén nun movemento difícil de definir e que se acabou misturando con colectivos de todo tipo en distintas loitas sociais. Este sábado o 15M volve ás rúas, sete meses despois da súa última manifestación.

A cultura galega, a debate

0%

Se cadra a cultura é unha cousa e as industrias culturais, o sector que dá traballo a milleiros de galegos e galegas e que xera un importante volume de negocio, outra. Pero dende logo, a saúde das segundas inflúe na da primeira. Máis aló da circunstancia simbólica da supresión da Consellaría de Cultura, misturada agora coa de Educación, os recortes efectivos dos apoios públicos ás políticas de creación e difusión, tanto no teatro, coma no cinema, na literatura e edición ou na música, están poñendo en perigo o sistema cultural galego en todos os seus niveis. A maiores, a desaparición de Caixagalicia e de Caixanova deixou as súas obras sociais desasistidas e a Cidade da Cultura continúa absorbendo unha parte moi importante do financiamento da Xunta. Mentres, a cultura de base e independente continúa esquecida.

8 de marzo

0%

O domingo 11 de marzo terá lugar en Compostela unha manifestación unitaria, baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos, que conta co apoio de todos os colectivos feministas do país, sindicatos, organizacións non gobernamentais e outras entidades. A reivindicación dos dereitos das mulleres volvo ás rúas motivada por un cotexto de crise económica que prexudica especialmente ás traballadoras, con máis desemprego e aínda salarios inferiores. Pero a manifestación tamén denuncia "o recrudecemento do machismo nas institucións e a ausencia de políticas feministas reais", concretadas en medidas adoptadas polo Goberno galego, coma a eliminación de organismos como o Servizo galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivosexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na Lei da familia.

Que monte queremos

0%

PSdeG-PSOE e BNG, ao igual que colectivos ambientalistas (ADEGA e Verdegaia) ou o Sindicato Labrego Galego, opóñense frontalmente á Lei de Montes, que este martes iniciou o seu trámite parlamentario. Acusan ao PP de ter unha visión "economicista" do monte, de dificultar o desenvolvemento do rural, de atacar os montes comunais e de diminuír os elementos de prevención dos incendios forestais.

Tres anos de lexislatura

0%

Unha vez cumpridos tres anos tras o retorno do PPdeG á Xunta a crise económica continúa a marcar a xestión dun Goberno cuxo presidente sitúa o control do déficit e a reestruturación da Administración como "prioridades" dun mandato que comezou coa revisión de decisións do Executivo anterior e reformulacións controvertidas, como no caso da política lingüística.

Outros temas