Ledicia Costas

Ledicia Costas

Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer.
Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribo desde que teño memoria. Poesía, relato, novela, palabras, palabras, palabras.  
Debutei na colección Fóra de Xogo coa novela Unha estrela no vento (Xerais 1999), obra escrita en plena adolescencia que pronto será traducida ao catalán. Na colección Abismos, xunto con outras 24 narradoras, publiquei o relato Negrita no volume Narradoras (Xerais 2000). O corazón de Xúpiter (Xerais 2012) é a miña segunda novela. Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. A miña obra poética está recollida en distintas publicacións colectivas: Isto é un poema e hai xente detrás (Espiral Maior e Xunta de Galicia), Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución da Universidade de Vigo (Edicións Xerais), Pel con Pel (Editorial Galaxia), Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís (A Nave das Ideas). Individualmente teño publicado o poemario Xardín de Inverno. A día de hoxe formo parte da directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.