A CIG-Ensino volve gañar as eleccións sindicais do profesorado e obtén maioría absoluta en dúas provincias

Gráfico dos resultados das eleccións sindicais no ensino deste 1 de decembro de 2022, sobre unha imaxe dunha aula CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A CIG-Ensino seguirá sendo o sindicato maioritario entre o profesorado galego durante catro anos máis. Os resultados provisionais dos comicios celebrados este 1 de decembro -a primeiras horas deste venres continuaba a revisión do escrutinio na provincia da Coruña, segundo confirman fontes sindicais-, indican que a central sindical nacionalista ratifica e alarga a súa primacía con 67 do total de 146 delegacións en xogo -catro máis que as 142 de 2018-.

A central sindical nacionalista obtén 67 das 146 delegacións en xogo seguida por CCOO, que logra 34. Son os únicos sindicatos que logran ampliar representación a respecto de 2018

Segundo as cifras ofrecidas polas centrais sindicais -pendentes da súa ratificación definitiva-, a CIG-Ensino é tamén o sindicato que máis medra en representación, ao lograr sete delegadas e delegados máis que hai catro anos. A continuación sitúase a sección do ensino de CC.OO. tanto en delegacións totais como en crecemento: logra 34, seis máis que nos anteriores comicios, e ademais mantense como primeiro sindicato na provincia de Ourense.

Mentres, como amosa o gráfico sobre estas liñas, o resto de centrais sindicais perden representación malia haber máis delegacións en xogo polo incremento do censo. O que máis perdería sería UGT (-6, ficando con 8), seguido do STEG, que ten 10 (-2) e a CSIF (de 10 a 9). Mentres,  ANPE mantén a terceira posición e 18 delegacións.

Por provincias, este reconto provisional amosa que a CIG conta con maioría absoluta na Coruña e Pontevedra, con 26 dos 47 delegados e delegadas e 22 de 43, respectivamente. Tamén é a primeira forza en Lugo, con 11 representantes. Mentres, a devandita primacía de CC.OO en Ourense outórgalle 10 postos (+2) por 8 da CIG (+1), que na circunscrición ourensá é segunda forza.

Á espera da ratificación dos resultados definitivos, CIG-Ensino celebra o seu crecemento e agradece que "o profesorado galego do ensino público volvese depositar o seu apoio" na organización "cunha enorme diferenza a respecto de todos os demais sindicatos". Esas 66 delegacións, destacan, "representa o maior incremento na representación da CIG entre eleccións".

"A mensaxe do profesorado galego é clara: premia o compromiso, o esforzo e a coherencia dun proxecto sindical sempre presente nos centros e construído ao carón dun profesorado ao que representa sen suplantar", defenden. Aínda cómpre, resalta, a proclamación definitiva dos resultados para obter a concreción completa das cifras, se ben a súa vitoria non está en cuestión e, din, manteñen o "compromiso dende xa, como organización maioritaria do ensino público galego" de "manter o modelo sindical participativo e combativo e defender a todo o profesorado sen distincións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.