Máis de 4.100 hectáreas ardidas na primeira semana de agosto súmanse ás 34.000 da vaga de incendios de xullo

Imaxe divulgada pola UME de persoal propio e dunha brigada estatal actuando contra o lume no incendio de Boiro, nunha zona na que se realizaran tratamentos forestais de prevención de incendios coa intervención de Ence © UME

Na fin de semana logrouse frear o avance dos principais incendios e extinguíronse varios, polo que a primeira hora da mañá deste luns só había catro aínda non apagados en toda Galicia

Poucos días durou a tregua entre a vaga de incendios de xullo, iniciada fundamentalmente polos raios caídos o día 14 pero cuxos principais lumes tardaron dúas semanas en seren extinguidos, e os incendios que comezaron nos primeiros días deste mes de agosto, durante xornadas novamente de altas temperaturas. Se en pouco máis de dúas semanas de xullo arderan 34.000 hectáreas, na primeira semana de agosto queimáronse máis de 4.100 só nos incendios dos que informa a Xunta. 

Porén, nas últimas xornadas o arrefriamento froito das néboas costeiras permitiu frear o avance do principal incendio aínda activo, o de Boiro, que xa queimou 2.200 hectáreas na serra do Barbanza, onde na tarde deste domingo desactivouse a Situación 2 por risco para vivendas. No resto de Galicia xa só quedan outros tres incendios aínda non extinguidos.

Segundo o parte da Xunta das oito da mañá deste luns -o Goberno galego non informa dos incendios forestais inferiores a 20 hectáreas se non atinxen a espazos protexidos ou áreas habitadas-, os incendios declarados no que vai de mes suman máis de 4.100 hectáreas, co do Boiro como o máis grande con 2.200 hectáreas pero do que non se informa de novos aumentos de superficie desde hai varias xornadas.

Este domingo a Xunta deu por extinguido o incendio iniciado na parroquia do Pereiro, na Mezquita, tras queimar 223,89 hectáreas, así como o de Barcela, en Arbo, con 82 hectáreas. Tamén se deu por estabilizado o que comezou na parroquia de Xustáns, en Pontecaldelas, con 380 hectáreas e por controlado o incendio de Saiar, en Caldas de Reis, con 450 hectáreas. E segue estabilizado o de Verín nunhas 600 hectáreas.

Ademais, a Xunta informou da extinción doutro lume que só afectou a 0,1 hectáreas no parque da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Tamén vén de darse por extinguido un incendio que se rexistrara a finais de xullo en Mourentán, Arbo, e que afectou 484 hectáreas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.