"Estamos nunha guerra de desgaste, moi prexudicial para a poboación de Rusia e Ucraína, pero tamén para o resto de Europa"

Consecuencias da guerra en Ucraína CC-BY manhhai

A guerra en Ucraína suma xa dous meses e medio de combates, dende que o 24 de febreiro o exército ruso invadiu o país. O conflito converteuse nas últimas semanas nunha guerra de posicións, con ofensivas rusas de carácter limitado e centradas no leste e no sur, pero sen apenas avances das tropas de Moscova. Nestes últimos 75 días os combates provocaron centos de mortes e o desprazamento de millóns de persoas lonxe dos seus fogares, coa saída de Ucraína de 5,9 millóns de refuxiados e refuxiadas.

"Dende logo a guerra xa non é unha guerra curta, é unha guerra de desgaste. Rusia perdeu a nivel estratéxico e fracasou no seu plan inicial, que era tomar Kiív, pois todo apunta que a súa primeira intención era esa. E polo tanto agora a gran batalla está centrada no Dombás"

Nas primeiras horas da invasión rusa entrevistamos a analista Miriam González, xornalista especializada en Rusia e o espazo postsoviético, colaboradora do IGADI. Falamos de novo con ela, buscando a súa análise sobre a evolución do conflito e os efectos que xa están a ter e poden ter en todo o continente. Contactámola un día antes de que viaxe a Ucraína, onde traballará como xornalista freelance sobre o terreo, con análises de primeira man que se publicarán na web especializada Descifrando la guerra e nos medios que lle queiran facer encargos.

Cal é o teu itinerario? A que zona de Ucraína vas viaxar?

Voarei primeiro a Polonia, despois desprazareime a Leópolis e dende aí vou tentar chegar a Odesa, onde teño amigos. Non sei canto tardarei, porque Rusia está bombardeando moitas subestacións eléctricas para limitar o transporte por tren, así que ata que estea alí non saberei seguro como me vou poder desprazar dentro do país.

Consecuencias da guerra en Ucraína CC-BY manhhai

Semella claro que estamos nun tipo de guerra distinto a aquel que se albiscaba nos primeiros días da invasión. Cres que esta vai ser unha guerra longa?

"Se no vindeiro outono e inverno seguimos coa guerra e as sancións comezan a afectar realmente ao país, podería comezar a pasarlle factura a Putin. Pero de aí a que a súa posición perigue, hai unha gran distancia"

Dende logo a guerra xa non é unha guerra curta, é unha guerra de desgaste. Rusia perdeu a nivel estratéxico e fracasou no seu plan inicial, que era tomar Kiív, pois todo apunta que a súa primeira intención era esa. E polo tanto agora a gran batalla está centrada no Dombás. O 9 de maio, Día da Vitoria, era unha data importante e había moitas especulacións sobre o que Putin podía dicir ou anunciar ese día, se Rusia se ía contentar coa toma completa de Mariupol ou cos avances conseguidos no leste e no sur ou se ía lanzar unha nova ofensiva máis ampla. En todo caso, é difícil facer unha proxección. A guerra está sendo longa, hai un gran desgaste polas dúas bandas, con moitas baixas e perda de material tanto no lado ruso coma no ucraíno.

Estamos ante un conflito que podemos cualificar de 'guerra proxy' [tipo de guerra que se produce cuando dúas ou máis potencias utilizan a terceiros como substitutos, en vez de enfrontarse directamente], debido á gran cantidade de armas que Europa e os Estados Unidos están entregando a Ucraína ou ao que dixo o secretario de Defensa dos Estados Unidos, que asegurou que a intención de Washington non era só apoiar a Ucraína senón facer que Putin se debilitase e evitar que puidese volver facer algo así.

Se a guerra se alonga no tempo, Moscova non consegue avances e aumentan as baixas, a posición de Putin no interior de Rusia se pode ver debilitada?

Evidentemente, por moito que a nivel interno a propaganda rusa estea vendendo os avances militares, a poboación é consciente de que a guerra se alonga e de que hai baixas. Con todo, eu de momento non vexo ameazada nin debilitada a posición do presidente ruso. Pero isto pode cambiar: se no vindeiro outono e inverno seguimos coa guerra e as sancións comezan a afectar realmente ao país, pois claro que lle comezaría a pasar factura. Pero de aí a que a súa posición perigue, hai unha gran distancia.

As sancións ditada por Occidente contra Rusia están tendo efecto no país?

"Aínda que as sancións aínda non se noten demasiado en Rusia, probablemente o farán dentro duns meses, como tamén prexudicarán de forma moi importante á Unión Europea, sobre todo aos seus cidadáns"

Hai que ter en conta, primeiro, que partimos dun escenario, a partir do 2014, no que xa había moitas sancións sobre Rusia, evidentemente non tan fortes como as actuais. Por outra banda, a Unión Europea segue mercando gas e petróleo a Rusia, iso non cambiou; por un lado Europa está dando axuda militar a Ucraína e polo outro está axudando a Rusia a financiar a guerra. 

En todo caso, as sancións están afectando a Rusia e é lóxico, porque a UE é o seu principal socio comercial e as súas infraestruturas -sobre todo para o transporte de gas e petróleo- están orientadas ao comercio con Europa. Pero isto é unha arma de dobre filo para a UE e hai países que xa o están advertindo; en Alemaña está habendo moitas reticencias a ampliar as sancións, tamén en Eslovaquia e sobre todo en Hungría, que se opón por completo ao embargo de petróleo e dixo que non ía permitir que o pobo húngaro sufrise por mor da guerra. 

Polo tanto, aínda que as sancións aínda non se noten demasiado en Rusia, probablemente o farán dentro duns meses, como tamén prexudicarán de forma moi importante á Unión Europea, sobre todo aos seus cidadáns. Está a ser unha guerra longa, moi prexudicial para a poboación de Rusia e Ucraína, pero tamén para o resto de Europa.

Miriam González Francisco, analista do IGADI ©

Unha guerra longa prexudica a Europa e a Rusia (e por suposto ao pobo ucraíno, que é quen a está sufrindo). Beneficia a alguén?

"Estados Unidos é quen menos está sufrindo as consecuencias da guerra"

Estados Unidos é quen menos está sufrindo as consecuencias da guerra. Por unha banda está desfrutando dun renovado liderado político a través da OTAN. Pola outra, o dólar estase fortalecendo fronte ao euro. O acordo político para acabar coa guerra non parece próximo. Hai uns días un medio ucraíno prooccidental e polo tanto pouco sospeitoso de afinidade con Moscova, publicou que Boris Johnson instara a Zelenski a rexeitar calquera proposta de acordo nas negociacións con Rusia, porque o principal obxectivo era desgastar a Putin. 

China e outros países veñen negándose a aceptar as sancións propostas polos Estados Unidos e a Unión Europea. Cres que Beijing pode mudar a súa política de cara ao conflito en Ucraina?

"Estamos ante unha guerra de bloques, unha guerra proxy, na que Occidente está combatendo contra Rusia a través de Ucraína"

Non parece que China vaia mudar a súa posición con respecto a Rusia. China tenta manter sempre unha neutralidade entre as dúas partes, pero aposta porque se chegue a un acordo de paz, está completamente en contra dunha posible expansión da OTAN e a súa retórica culpa da actual situación dos Estados Unidos. Fálase moito de China e non se está a falar nada da India, que está a apoiar de forma moi explícita a Rusia e está criticando as presións que recibe dos Estados Unidos e da UE para que cambie a súa posición con respecto á guerra. India chegou a acordos para mercar produtos enerxéticos a Rusia e tamén moitos dos outros materiais que Rusia deixa de enviar a Europa. Tampouco Turquía apoia as sancións, o mesmo que Xeorxia, que é un país que ten o 20% da súa superficie ocupada por Rusia, pero que ve que as sancións tamén lle prexudican internamente.

Consecuencias da guerra en Ucraína CC-BY manhai

A guerra provocou tamén efectos na OTAN, cunha revitalización do seu papel, o posible ingreso de novos países (como Finlandia e Suecia) e mesmo un incremento do gasto militar en Europa, como a organización viña reclamando nos últimos anos. A invasión deulle un poder renovado á OTAN?

Non creo que a OTAN estivese morta antes desta guerra, pero dende logo o que está a pasar serviulle para revitalizarse, e cun liderado de Estados Unidos moito máis forte que antes. A cuestión de Finlandia e Suecia é moi importante, porque hai que ter en conta que Finlandia comparte moitos quilómetros de fronteira con Rusia. E todo parece indicar que si van entrar na OTAN.

"Non creo que a OTAN estivese morta antes desta guerra, pero dende logo o que está a pasar serviulle para revitalizarse, e cun liderado de Estados Unidos moito máis forte que antes"

No que respecta ao gasto militar si que o cambio está a ser moi importante. O exemplo máis paradigmático é o de Alemaña, que dende o remate da Segunda Guerra Mundial tiña unha tradición antimilitarista e de limitar o seu gasto en Defensa e que xa anunciou que o vai incrementar de forma notable. 

Estamos ante unha guerra de bloques, unha guerra proxy, na que Occidente está combatendo contra Rusia a través de Ucraína. Estamos nunha situación que transcende a propia situación da Ucraína, nun contexto no que estamos transitando cara a un mundo multipolar no que máis aló dos Estados Unidos ou a UE hai países moi potentes, como China, Rusia ou India. E as consecuencias están a verse noutros escenarios, como África, no Sahel, no que hai unha presenza cada vez maior de Rusia.

A figura de Zelenski saíu fortalecida a nivel interno? 

"A figura de Zelenski está obviamente totalmente reforzada pola guerra. Con todo, creo que nalgún momento se van ter que tomar decisións complicadas para rematar con esta guerra, porque ambas partes van ter que ceder algo"

A figura de Zelenski está obviamente totalmente reforzada pola guerra, porque aguantou no interior do país e porque está a liderar a resistencia e porque sabe comunicar moi ben, sempre o fixo. Con todo, creo que nalgún momento se van ter que tomar decisións complicadas para rematar con esta guerra, porque ambas partes van ter que ceder algo. E aí veremos como se aceptan estas decisións. 

Ademais, estanse tomando decisións moi cuestionables, como a prohibición das emisións en ruso, da música rusa, prohibición de partidos políticos, ademais de moitas detencións de persoas acusadas de manter unha posición de apoio a Rusia. En todo caso, agora estamos nunha situación de guerra e creo que a xente está máis preocupada por sobrevivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.