A arte de empequenecerse a si mesmas

Non nos coñecemos a nós mesm@s, nós @s coñecedores

Tres mulleres de tres idades relativamente distantes marcharon á praia un día de sol. Aínda non era verán, pero a súa actitude xa se mostraba estival. Queremos espirnos, queremos calor, queremos estar soas co mar, decidiron. Éralles urxente cargar a batería emocional, consigo mesmas: esa era a única fonte que ían aceptar, xuraron.

-Ben, deixoume onte, confesou A. Xusto agora que estabamos ben, que eu xa asumira que esa era a relación que tiña e estaba conforme....

Xa non esixía nada. Varias décadas, centos de rupturas. De feito, a ruptura formaba parte da relación. Moitas veces sucede, é un motor sexual; xa sabemos: desexo reprimido, desexo aumentado. Pero desexo roubado, desexo inexistente. A aprendera a amoldar o seu desexo ao do seu compañeiro e o seu compañeiro xa non tiña outro desexo co que establecer unha relación dialéctica, así que adeus. Porque empezo a sentirme incómodo con iso e a proxectar cara ti ese malestar e non quero chegar máis lonxe coa agresión, díxolle. A verdade é que A tivera sorte cos límites éticos do seu compañeiro, recoñeceulle B: os seus nunca souberan parar a roda do sadismo.

-Ides volver, dixo C, tamén con máster en bailar as mareas que oscilan entre anularse unha mesma e a necesidade de ser.

Si, claro, estaba cantado, ían volver tan pronto o cerebro do compañeiro recoñecese na ausencia de A un triunfo dela, porque nesa distancia ela xa podería ser ela.

-Si, sen dúbida, mañá é a miña quenda, cantou A, (cando, cando dis?). Vou vivir o meu verán. É máis, a semana que vén hai unha chuvia de estrelas.

-Ben, certo, a semana que vén hai unha chuvia de estrelas e nós parece que temos vontade de definir o noso desexo, apuntou B.

-Eu tamén quero poder estar con alguén suave, replicou C, crecida no romanticismo do reguetón.

C non recordaba como e canto lle cuspira ese mito. Decidira esquecelo porque a cultura da terra previamente lle rebentara a cabeza contra o marco da porta. Así que a súa memoria, ben adestrada, construíu que ela fixera cousas, mea culpa, mea culpa, desbotando da materia a esculpir que eran vinganzas por outras.

E así, do que ía converterse nun proceso de empoderamento nacía a santísima virxe reproducindo a Lei. É así como as mulleres aprenderan por elas mesmas, finalmente, a responsabilizarse da súa anulación. Tardaron miles de anos, moitos, moitos miles de anos e mesmo un salto evolutivo. Igual tardaron máis, igual nalgunhas, de feito, a doma non está totalmente realizada... Desconfiade, pode ser calquera, pode ser ben guapa, pode ter un corpo perfectamente deseñado polos produtores de mulleres ideais, pode estar, mesmo, sorrindo coma se nada... Calquera é sospeitosa de ser libre... Tende conta, pois calquera pode ser a reencarnación dunha ´regañona´. Non sabedes? Non lembrades as mulleres ás que os seus devotos esposos paseaban con boceira por protestar? Pero se foi hai nada, se xa falaban os ilustrados suxeitos de dereitos humanos!

Afortunadamente houbo un grande número de boas rapazas que aprenderon, a pesar da súa resistencia natural a obedecer, a pesar da demoníaca natureza que as fai tender a exercer o seu poder, a súa potencia, como lles criticaban os grandes teóricos da Inquisición. Non só as criticaban, claro, tamén as queimaron. Tamén, xa moito antes, as obrigaron a depender dun home para sobrevivir, xa sabedes, as mulleres soas non poden traballar... igual mendigar, igual prostituírse. E aínda así tardaron en aprender a arte da feminidade, a arte de minguarse a unha mesma. Aínda así tardaron en aprender a entregar o cetro, e moitas veces hai que quitarllo polas malas... ai, canto lles gusta mandar! Pero se ao varón non lle gusta manchar as mans de sangue coa violencia física, entón, entón pode facelo polas boas e convencer das súas razóns.

-Volvemos, confesou A uns días despois. Non puiden resistirme... Ao parecer, chorou toda a semana, ao parecer foi un dó para el, ao parecer, agardaba que eu volvese...

A que a todos nos gusta este xogo? A que a todos nos gusta tirar a pelota contra a parede e que rebote?

-Pediume que aprendese a dicirlle as cousas con cariño, con máis cariño. O que opino, e iso... É certo, exprésome de xeito moi directo, non as penso. Teño unha personalidade demasiado forte e fago que se sintan inseguros...

Xa... toda muller forte provoca que o varón se sinta débil e é algo que non pode soportar, porque a sociedade esíxelles moito, sabedes? Esíxelles que parezan liberados das constricións do xénero pero á vez esíxelles virilidade... A sociedade ou eles mesmos? Acaso hai diferenza entre un mesmo e a orde social? Están desorientados dende que alguén considerou que podían depilarse, tamén, é lóxico que ás veces reaccionen mal... É difícil manter unha relación cunha muller que reúne en si mesma varias dimensións: “temos hetairas para o noso pracer, concubinas para servirnos e esposas para o coidado da nosa descendencia”, describiu e prescribiu un dos Pais da nosa grande e única civilización. Como as deusas do Olimpo, se dispós de intelecto, careces de sexualidade, e afástaste, na túa mesma orixe, de ser muller. Se tes sexualidade es naïf e, ademais, non creas outra cousa, esa sexualidade pertence á comunidade de varóns.

Non, non!, dirédesme Non pensamos así, que xa somos moi evolucionados! Non, non! Non recoñecemos que os mitos poboen o noso inconsciente! Non, non, que nos gusta conquistar mulleres fortes e mostrar o valor da nosa caza! Pero na casa... Na casa xa nos entra medo de estar co león. Entón hai que domalo, custe o que custe. Mesmo ás veces, deixalo sen comer, para xerar unha certa disposición á subordinación, xa sabemos nós, expertos na conquista do mundo, como funciona a colonización do outro, como fas a un outro, escravo.

Atracción e medo, desexo e rexeitamento, son os dous cabos cos que se intenta amarrar os corpos femininos libres. Mentres, para descansar, adoitan practicar a caza menor. E as mulleres? E as mulleres que mesmo se deixarían, por non habitar o Afora, pero non poden renunciar a reunir todas as dimensións dun ser, que outras lles queda que sentirse culpables...?

-Pero a verdade é que o meu ex ata chegou a botarme a culpa por estar gordo!, proseguiu A, xa consciente de si mesma. Moita ansiedade lle xeraba...!
Vin mulleres extraordinarias pedindo desculpas por brillar, advertía Monique Wittig. Sabes cantas veces imos caer? Todas as que nos deixen?!

-Hai un libro que fala diso, comentaba B fronte a incipiente mirada incómoda dun varón, e rapidamente, cun movemento ben aprendido, matizou, mentindo: en realidade acabo de descubrilo, non sei moito máis....
 

Tes que aprender a mostrar un rostro sorrinte aínda que esteas empapada coa dor... cantaba a raíña do blues...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.