A arte de matar

X pegouse ao longo do corpo de R e apretouna. R sentiu o pene entrando. Entrando e saíndo entrando e saíndo. Con medo a importunar a X balbuciu: estame doendo... podes, non sei, facer algo antes? Algún preámbulo?

Seu pai era o encargado de ridiculizar a debilidade e polo tanto de negar as emocións, pois as decisións non se toman co oportunismo necesario, tamén chamado nesta sociedade de psicópatas, sensatez, sentido común

X mirouna con noxo: es unha puta Barbie!, tiñas que dar co meu pai, torceu a mueca cínica.

Seu pai era o encargado de ridiculizar a debilidade e polo tanto de negar as emocións, pois as decisións non se toman co oportunismo necesario, tamén chamado nesta sociedade de psicópatas, sensatez, sentido común. Así, o mozo tiña toda a forza reprimida e ningún circuíto aprendido para canalizala.

Ningunha canle establecía co outro máis que para a consecución dos seus obxectivos. Non era permeable ao mundo: non teño en conta a ninguén se non me interesa para algo, confesou un día, moi tarde.

Ela servíalle. Nela mallaba, extenuada, enferma, o que seu pai mallara na súa sensibilidade. Pero axiña se converteu nunha ionqui: só buscaba outra dose del. Niso pasara a consistir toda a súa vida, así que a súa vida non valía nada

Ela servíalle. Nela mallaba, extenuada, enferma, o que seu pai mallara na súa sensibilidade. R ás veces marchaba con outros para vingarse ou para validarse ou, posiblemente, para as dúas cousas. Ao principio, cando X lle inxectou o catéter co seu veleno aínda era capaz de liscar, de fuxir sen explicacións do inferno. Pero axiña se converteu nunha ionqui: só buscaba outra dose del. Niso pasara a consistir toda a súa vida, así que a súa vida non valía nada. Foi así como R estivo disposta a perder a vida antes que a el.

X traballaba co son, pero cando o son estaba articulado non era capaz de percibilo e todo o que el non comprendía lle resultaba unha agresión, porque constataba os seus límites. Odiábaa por iso e prometérase a si mesmo, coa frialdade dun sádico, vingarse. R explicáballe a forma dos seus golpes, para que non a debuxase. Era inxenua e pensaba aínda que o ser humano fai dano porque non se decata. O loureiro avisáraa, na orixe dos tempos, do risco que corría; quixo facer caso e non puido.

"Fáltanche leccións para saber que iso é amor!, recriminábanlle as, ao parecer, expertas escravas, que falan sempre coa certeza de ter unha misión na vida: gardar as xerarquías"

-Fáltanche leccións para saber que iso é amor!, recriminábanlle as, ao parecer, expertas escravas, que falan sempre coa certeza de ter unha misión na vida: gardar as xerarquías. R, entón, aprendeu a deixarse morrer pola culpa de non ter crido nel. Pola culpa esquecida de non ser unha muller, muller: puta!, berráranlle, moito antes ca el, unhas boas amigas para intentar facela entrar en razón, facerlle comprender que non podía vivir fóra da norma, que non podía ter o poder. O seu.

Velaquí que o interese é conseguir un desexo desenfocado antes que un bo encontro. O desexo codificado polos estratos que impiden incluso a unha mesm@ observar que é o que realmente se pretende, que tipo de ecuación se está intentando efectuar. Centrémonos, queiramos ver as cousas sen adornos: ata o que Chris Isaak cantaba era nobody loves! Querer, neste mundo, é un fake que recobre algún tipo de goce que o outro nos proporciona.

A X non lle importaba o tempo que precisase para devorala: gardo ben as cousas e, non importa canto pase, cóbroas, repetía. Comíalle o rostro cada vez que ela se achegaba, coa frialdade do aceiro o sorriso cínico susurraba, hipnótico: R, déixame verte máis de preto.

Cobráballe esa hiperconsciencia coa que morría, porque X fuxía dos espellos coma os vampiros! Por iso lle repetía “non es máis que unha inútil”, sen berrar, el nunca berraba. X era dunha familia que chegara a acomodarse e aprendera como hai que estar, aprendera a matar musitando, sen levantar a voz.

X observaba o mundo coma a pantalla do televisor. Alí, no sofá. R trepou polo seu corpo, acaricíandoo. Ela saíu disparada ao corredor coa patada que el lle propinou.

-Ves como me tratas?

-Si, respondeu sen ningún tipo de emoción o home sen alma.

"Dos golpes displicentes ao odio de querer esmagarlle a cabeza, como lle escribiu coa parte máis sofisticada de si mesmo, non había nada, e esa nada era a súa historia"

Dos golpes displicentes ao odio de querer esmagarlle a cabeza, como lle escribiu coa parte máis sofisticada de si mesmo, non había nada, e esa nada era a súa historia.

X disfrazábase de muller, da muller modelada polo poder, X quería ter as exencións sociais desas mulleres, é dicir, non ser, nin ter que ser. X tiña un narcisismo roto e quería as súas prebendas. X quixera ser un triunfador e ela e o seu corpo gracioso servíranlle de fonte de enerxía psíquica, ata que xa non tolerou verse impotente: era pequeno e tiña, ademais, que mantela ao seu lado!  Foi entón cando empezou a matala: gústanme todas!, repetíalle.

Era por iso que, na súa lóxica reificadora, el se sentía feminista, sen entender que abandeirar os significantes e ignorar os significados como campos de batalla é non entender nada

Era por iso que, na súa lóxica reificadora, el se sentía feminista, sen entender que abandeirar os significantes e ignorar os significados como campos de batalla é non entender nada. X quería ser un obxecto adorado, no xeito no que el recoñecía ás mulleres. X non era ciumento porque simplemente tiña envexa dela: X quería ser unha delas para posuílas a todas. Lembrades como o pai de Nikki de Saint Phalle, en Daddy, precisa tomar cada corpo, sen que reste un sequera, para sentir que as domina, pero o que Nikki non ve aínda é que se percibe como débil, como iso que socialmente non se lle permite ser, e por iso quere devoralas, porque dese modo o significante xa forma parte del?

Así, X en realidade quería ser dominado e reprendido, por débil. Quería o castigo do pai, e non o atopaba nela, así que o proxectaba. Como estamos cheos de trampas! A pel aguanta todo. A alma xa non tanto. R quería rematar de morrer. Dunha vez. Tamén a odiaba por iso, por morrer e non poder seguir servíndoo de vítima que xoga á defensa no asasinato que gustoso prolongaba.

Así, X en realidade quería ser dominado e reprendido, por débil. Quería o castigo do pai, e non o atopaba nela, así que o proxectaba

Un día máis deixouna, coma os peixes desgarrados co anzol arroxados de novo ao río, para, de novo, volver desgarralos. Ese día fóiselle das mans e ela non volveu. Non é que empezara a recoñecer o anzol, que ben o sabía, é que empezou a quererse. Non foi nada fácil, pois despois dos infernos veñen os desertos. Terapias e coidado de si.

-Acompáñote á psicóloga, dixo X despois dun ano sen vela. R creu, coma se nada de vida tivese pasado por ela, no arrepentimento, na redención. Se isto se sabe pode ser o meu fin laboral, proseguiu X.

Ese día fóiselle das mans e ela non volveu. Non é que empezara a recoñecer o anzol, que ben o sabía, é que empezou a quererse. Non foi nada fácil, pois despois dos infernos veñen os desertos. Terapias e coidado de si

Foi así como por fin a supervivente aprendeu a sentir desprezo e, xusticieira, debuxou no aire a Z da Zorra e só cantou I got the will, I got the power now.

Afirmaba R a súa vontade de poder agora e ninguén, ninguén ía poder facela deixar de bailar.

Escoitas agora este jazz desafinado? É libre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.