Fake love

V perdera un soño. Agora só aspiraba a tocar na súa voda co grupo de amigos, para demostrarse que trala gravata amarela vivía un home moderno, quería fundar o seu propio Libro de Familia, para mostrar ás institucións que era un home san e moral, ‘normal’, vamos, deses que poden doar sangue.

S dende nena soñara con verter todo o seu desexo noutro, non nunha apertura, senón nunha proxección. Velaí a grande diferenza. Dende nena, co seu carriño de bonecas, intuíra que podía quererse a través dun ser alleo: narciso precisa reflectirse noutro, porque do reflexo das propias pupilas no espello só se obtén a visión do abismo.

No pasado V quixera saltar o protocolo, pero non soubo ben nin como nin onde facelo. Quería ser creativo e ter unha vida bohemia, pero, oes, bohemia chic. Probaba con mulleres sensibles, coma el, con mulleres neuróticas, coma el, con homes vaidosos, coma el,... mais nada saía ben porque el non saía de si. Fora un enfermo de amor, deses que buscan relacións erróneas para que o cerebro segregue anfetaminas, porque non aprendeu a facelo el so. Ademais, V tiña medo de que todo fose ben, porque tiña pánico á perda. Así, a ferida narcisista nunca cicatriza e o córtex intenta, extenuado, integrar as emocións e os pensamentos en algo que se dá en chamar eu.

S sempre mostrara moito discernimento: sendo bolseira xa gañara a admiración dos colegas de xornal con reportaxes sobre perruquerías caninas. Ela era a sensata, non como as compañeiras de prácticas, que non gastaban os cartos en zapatos de deseño. Ti es máis madura, dicíanlle os adultos profesionais, que confundían, como debe ser, a madurez coa domesticación.

V recoñeceu a súa falla e estivo certo de investir, esta vez, a libido en algo seguro. O que precisaba a súa fisura existencial era unha inxección de aprobación social. V fora contratado por unha empresa de marketing, grazas a algún coñecido de medio-alto standing, e alí estaba S: só a laca de unllas rompía o gris da súa mesa. Pero non só foi perfecta a manicura, non, todo foi perfecto: mesmos horarios, mesmas expectativas vitais. El lograra facerlle un torniquete ao seu ego fisurado e desenvolvera un perfil baixo, sen moitas máis esixencias que facer diñeiro e unha interpretación correcta do rol social, be the man with the world at his feet. Ben, dilatáronse as súas pupilas e os seus subconscientes entenderon que as súas necesidades ían poder ser cubertas. O desexo dun nútrese co desexo do outro, they’re going higher.

A química púxose a funcionar e, Margaret Mead ao altar, os seus sistemas psíquicos representaron a trama cultural. A subxectivación non son ideas que temos, son ideas que somos e os mecanismos correctivos nunca dormen...  A xente enfádase cando negas a consistencia de calquera sentimento, e é normal, porque séntense con intensidade: I was made for loving you, baby, you were made for loving me. Non é de recibo, claro, dicir que non é nada persoal nin singular e tampouco universal.

-Quero que sexas a nai dos meus fillos, ofreceulle V, moi romántico, a S, live in dream, sunday girl! Ela ao principio contaba a experiencia coma se fose un sábado en Notting Hill. Despois xa a privatizaba, coma ben marca o réxime burgués, e a enmarcaba dentro do estrito cerco da parella. A partir de aquí do que o cerebro prové é algo máis parecido aos tranquilizantes. É cando se lle chaman afectos ás dependencias e todo vai seguido porque a canle por onde dirixir o desexo está perfectamente definida. Chámanlle instinto. -Ah, ti segues de teenager?, preguntoulle inocentemente a unha coñecida que buscaba axencias de viaxes.

Ela representábase como a xusta medida das cousas. Gustábanlle os clixés e non recoñecía as farsas. El sentía a retribución psicolóxica que a sociedade brinda cando agachas a cabeza e pasas polo aro.

V non esixía pureza nas relacións, pureza é xenerosidade de espírito, bastáballe con que cadaquén cumprise a súa función. Estaba programado para triunfar. Dun xeito ou doutro. Éxito ou revolución? Tíñao claro. Agora levaba un toque hipster, un toque apolítico, que significa non cuestionar a lei. Isto significa ser salvaxe: igual que o narrador non é o autor, o nomos non é a physis. O grande logro da sociedade do espectáculo é xerar superestrutura sen cultura, o único que importa é que a brillantina non falle.

V quedaba algún sábado cos amigos para pasear aos bebés, ‘pois ser macho non obriga a colocarse do lado do phallum’. Víase unha certa transferencia de códigos, pero ningunha subxectividade nova. V non sabía para que facía as cousas, ás veces tiñan un sentido e acotío o perdían, mais el sabía conter as palabras. Cada un fai o que pode, en cada momento. Pero sucede un día calquera que a grava enche os zapatos, I know there’s something missing inside. S ben o vía, pero a mente é unha instancia infalible para velar o que non queremos constatar.

Un día V, coas convulsións da metamorfose, morreu. Fuxindo do destino, iso que arrebata calquera categoría, topouse con el. Achegouse en espiral ao centro do sismo e vese nas galaxias que é o movemento natural. O escenario é frío sen bambolinas, si, e sentiu duelo ao despedirse, claro, pero o duelo só é melancolía por non ter onde pousar a libido.

Un novo cosmos rebentará do caos, predicaron no deserto. Nada existe, e o principio de realidade tampouco: o réxime de verdade é réxime do poder. Is it time for storming weather?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.