O desexo e o obxecto

 

Z non era sospeitosa de reproducir a feminidade mandada, todo xénero é mandado. Era ácrata en todo. Viña dunha casa na que, de feito, o menos home era o pai e algúns instrumentos da masculinidade eran cousa das mulleres

Z non era sospeitosa de reproducir a feminidade mandada, todo xénero é mandado. Era ácrata en todo. Viña dunha casa na que, de feito, o menos home era o pai e algúns instrumentos da masculinidade eran cousa das mulleres. É común, din, que femias cuxa forza non se compón coa forma débil que, arraigada na cultura –e arraigada a cultura no inconsciente-, se lle presupón á muller, adopten comportamentos propios da masculinidade.   

Así que, claro, non todos os homes nin todas as mulleres son iguais, para iso están presentes todas as semióticas posibles do xénero, para irse modelando segundo o que se vaia podendo, con mecanismos de adherencia ou de resistencia aos modelos da santa familia e do resto da sociedade, que trata, victorianamente, segundo o corpo que ve. O obxectivo vital do individuo é que as forzas se manteñan en equilibrio, posiblemente fráxil.

Pero, masculinizada ou non, dá igual: unha boca nun corpo de muller non pode exhibir o desexo alegremente. Z sabíao ben

Fráxil xa non estaba Z, despois de longas peregrinacións cos xeonllos sangrando en torno á igrexa, agardando unha luz, que viu finalmente: a súa. Toda a enerxía antes dilapidada ocupaba agora o seu corpo e a través del quería ser expresada. Era unha ola express e o vapor ía pitando a súa lexítima necesidade. Pero, masculinizada ou non, dá igual: unha boca nun corpo de muller non pode exhibir o desexo alegremente. Z sabíao ben. Mesmo, ao principio, os amigos adoitaban retraerse fronte ao que non é propio de señoritas. Pero tamén sabía que dispor do desexo coincide coa disposición do ser.

Así que acabaron por entender que non era unha señorita e xa podían tratala con camaradería: tras pasar tres ou catro rituais de iniciación xa pertencía ao que en antropoloxía se chama a comunidade dos iguais, iguais varóns, enténdese.

Ela sabía ser o máis macho de todos, para, antes de nada, protexerse dela mesma, que, desgraciadamente, tamén estaba construída pola mirada social. Así que sabía dicir, con non imaxinades que sublime mestría e culpa (por non ser unha señorita?): espelliño, espelliño máxico, cal é o máis imbécil do barrio? E o imbécil aparecía, coa maxia do espello, na súa cama. E na cama, hai que ter conta, pois coas defensas baixas contáxianse todos os fungos...

Tras pasar tres ou catro rituais de iniciación xa pertencía ao que en antropoloxía se chama a comunidade dos iguais, iguais varóns, enténdese

-Queres colaborar cunha ONG, insistiu un itinerante, ditosa mobilidade laboral!

-Non, pero queres colaborar ti comigo?, dixo transmitiu.

-Marcho mañá.

-Perfecto! O tempo preciso, emitiu Z en toda unha declaración de intencións.

Unhas copas nas que el falou do seu corazón roto, do que era querer, a xente non sabe querer, non soporto que mo digan aos tres días, coma se nada!, laiábase, mentres ela loitaba por manterse impertérrita pero algo empática. Ora ben, a empatía non podía exceder o asentamento coa cabeza: o desencanto era propiedade exclusiva del. Así que se repetía: veña, aguanta un pouco, todo sexa polo pracer (?). Lembraba como lle explicara algún ex, dos que Z aprendera moitas leccións:

-As tías podedes dicir dun tío: está bo, pero é un imbécil... Nós non, nós dicimos: está boa. É imbécil. E que?! E a partir da fragmentación do ser, toda a fragmentación posible dos corpos, pois somos os colofóns da sublime Modernidade.

Ía ser un tío. No fondo, as mulleres emancipadas son as anarquistas no mundo do eterno feminino, I can do what I want, I’m in complete control, mesturaba a Etta con Nietzsche. Protexéndose, vingábase?

-Vou un momento ao servizo, avisou, para descansar. E xa antes de subir as bragas leu no móbil con certo agobio, pois o polvo seguía en xogo: “adórote”. Espelliño, mirábase, serei eu a idiota?

Boh! Non somos iguais: ela tamén tivera outro mozo que só facía o amor, que dicía que el non fodía nunca, créndose puro ou algo así. Tivo que contestarlle outra rapaza, unha das varias coas que tamén se deitaba, mentres Z pechaba os ollos da intelixencia: home, eu non vexo nada de amor... Ah.... acaso non é esta a forma que teñen os débiles de captar o desexo do outro?

-"Eu son moi tía", dixo el, pretendendo algo romántico. Era mentira, el era moi tío: cando unha femia expresa, anomicamente o seu desexo, o varón adoita desconcertarse. Outra cousa é como o xestione

Con esta preparación saíu do bar coa clara intención de ter sexo inmediatamente e non ter que escoitalo máis, para ser así capaz de encadrar esa experiencia na campaña Podes foder sen humillarme?, que tivera que pór en marcha por causas que xa se explicarán noutra ocasión.

Todo fluía como se flúe con alcol, ata que nalgún repregamento do fluxo ela cantou jump into my fire! Ah, non, entón non...

-Eu son moi tía, dixo el, pretendendo algo romántico. Era mentira, el era moi tío: cando unha femia expresa, anomicamente o seu desexo, o varón adoita desconcertarse. Outra cousa é como o xestione. Algún confesáralle: “se dis non, heite perseguir ata terte, se dis si, xa non me pon.” Si, si. Ese era un caso extremo, pois as mulleres poden mostrarse sexualmente abertas, receptivas, pasivas grazas á liberación sexual, poden e deben ser, como en Alphaville, sedutoras de nivel 3, sedutoras de nivel 2,... esas mutacións xenéticas, pero xamais dicir: eu, eu quero.

Así que a masturbou, con culpa e necesidade dalgunha pequena gratificación narcisista, pretendendo excitala coas súas fantasías de servo: quería ser dominado, punido e redimido. Curiosa civilización que nos dispón a ser sometidos ao poder do outro, porque así tamén se consegue poder, pero non a soportar a libre expresión da súa potencia.

-Gústasme moito, gústasme moito como persoa, repetía el, interrompéndose, se ata tes as tetas que me gustan!

-Pois ti tes unha pirola que non me entusiasma, non dixo Z, con compaixón, pois non quería punir a ninguén, tampouco a ese varón que, pobre na súa sensibilidade, non estaba, claro, acostumado a escoitar xuízos sobre as partes do seu corpo. Pois no noso caso vai a muller e unha tarxeta para que o público puntúe.

Puntúase se a muller non se presenta en disposición do seu ser. Se dispón del, entón é castigada. O corpo feminino está proscrito para adoptar, como tal, unha posición de suxeito

Puntúase se a muller non se presenta en disposición do seu ser. Se dispón del, entón é castigada. O corpo feminino está proscrito para adoptar, como tal, unha posición de suxeito. Deborah de Robertis, diante d’A orixe do mundo, de Courbet, no Museo de Orsay, en París, realizou unha performance: ela estaba ensinando, non a cona pechada, ela ensinaba a vulva abrindo o orificio vaxinal, a orixe do mundo, precisamente, nos mitos pre-patriarcais. Ela ensinaba a vulva enteira fronte a reacción histérica das gardas de seguridade, que intentaban coa torpeza do odio impedir a visión. Como os escravos son os maiores gardiáns da escravitude! Como as escravas son as súas mellores reprodutoras!

Díxolle un grande amigo: non hai democracias puras nin xéneros puros, pero existen abismos. Iso si

E Z? De Z namorou un gay que estaba canso de sexo, e ela parecía o tío perfecto para ter o amor casto que el estaba desexando desenvolver.

Díxolle un grande amigo: non hai democracias puras nin xéneros puros, pero existen abismos. Iso si.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.